DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugurado polo seu coordinador, Humberto Michinel

O POP de Fotónica e Tecnoloxías do Láser formará aos primeiros 24 especialistas

Os alumnos de Ourense accederán en exclusiva a 100 becas para traballar e aprender idiomas no estran

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 02/10/2007

Un mercado de dous billóns de euros ao anos, en constante crecemento e con aplicacións que van dende a industria e a medicina, ata ás nanotecnoloxías. Estamos a falar da “Fotónica e as Tecnoloxías do láser”, protagonistas da sesión de apertura do POP que lles rende homenaxe.
A xornada foi conducida polo coordinador xeral do posgrao interuniversitario, Humberto Michinel, quen, a modo de introducción, afirmou que a revolución da fotónica está comezando hoxe por moitos motivos; “tanto polo desenvolvemento de novas tecnoloxías en fibra óptica, como polas aplicacións do láser en case todos os campos”.
Con acceso ao título de máster e de doutoramento, o POP formará a 24 novos especialistas. “Xa estamos traballando en distintas direccións para incrementar o número e a calidade das oportunidades para os profesionais deste campo”. Así de firme se presentou o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, quen dedicou a súa intervención a transmitir os últimos esforzos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, IN.CI.TE.
Segundo o director xeral, os plans estratéxicos da Consellería de Innovación ofrecerán grandes oportunidades aos que cursen este posgrao, especialmente, a través da futura rede de centros tecnolóxicos, onde haberá unha demanda importante de especialistas. “Serán os que fagan posible a mellora da comunicación entre as empresas e a Universidade porque serán a ponte que lles permitirá falar na mesma linguaxe e avanzar á mesma velocidade”. Para elo e para outros obxectivos, o plan galego conta cun forte investimento, 800 millóns de euros. “Os mesmos cataláns sorprendéronse deste salto económico”, comentou Mato.

Máster e doutor

Catro campus participarán na celebración do POP “Fotónica e Tecnoloxías do Láser”: Ourense, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, dado o carácter interuniversitario do mesmo. Con todo, existen algunhas diferenzas. Unha delas son as 100 becas do programa Leonardo ás que terán acceso en exclusividade os alumnos do Campus de Ourense. “A través da Deputación e con fondos europeos, permitirá durante tres meses ir a traballar a unha empresa europea con gastos pagados e un curso intensivo de idiomas”, explicou o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez.
O que si é xeral e compartido é un grupo de 24 profesores, “todos eles doutores”, e o título final que, dada a súa adaptabilidade ao Espacio Europeo de Educación Superior, permitirá aos titulados “percorrer a súa vida laboral por Europa sen barreiras, fronte a outros cursos superiores”, afirmou a vicerreitora de Novas Tiulacións, Mª Carmen García.
Poren, tras cursar o máster o individuo decidirá se opta por comezar a traballar ou se prefire continuar outro ano nalgún dos grupos de investigación do POP. Se a opción é esta última, entón obterá o título de doutor. “Nun futuro haberá uns posgraos que serán máis académicos e que darán paso ao doutoramento, e haberá outros que irán máis orientados a unha vertente profesional. Este en principio xoga ás dúas cartas”, asegurou o director xeral de Ordenación e Calidade do SUG, Ramón Leis, ao que engadiu. “Eu creo que vai polo bo camiño. É un máster modélico”.

Panorama galego

Pese a que inda non existe un forte núcleo ao que ter como referencia, en Galicia xa son moitos os que coñecen as vantaxes desta tecnoloxía. Algúns exemplos, invitados e presentes no acto a través dos seus representantes, son o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, AIMEN, ou Radiantis. “As empresas deste mercado caracterízanse por ter persoal altamente cualificado; de aí que consigan os rendementos por I+D e knowhow dos máis altos”, afirmou Michinel.
Con todo, a dinámica ata o momento describe un panorama no que a relación que manteñen a maioría das empresas coa fotónica é como usuaria.
No eido de I+D, Un total de 10 grupos de investigación levan a tutela na comunidade, formando un colectivo de 60 doutores que moven máis dun millón de euros ao ano en tarefas de investigación. “8 dos grupos participan no POP”, apuntou Michinel.

Exposición

Efectos do láser ao bater contra a luz e unha escolma de ilusións ópticas forman parte da exposición “As mil e unha luces”, realizada por Humberto MIchinel e a súa compañeira Alicia Vázquez. Para contemplala tan só hai que dirixirse á primeira planta do Edifico Politécnico, onde estará exposta ata o vindeiro venres, 5 de outubro.