DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das distinguidas nos primeiros galardóns da Fundación Amare Terra 

Premian o traballo a prol do olimpismo da profesora María José Martínez Patiño

Destacan o seu labor no ámbito da investigación do movemento olímpico e a igualdade no deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/03/2025

A súa traxectoria no ámbito da investigación sobre o olimpismo e a igualdade no deporte converteron a profesora da Universidade de Vigo María José Martínez Patiño nunha das figuras recoñecidas nos primeiros premios da Fundación Amare Terra, unha organización que ten entre os seus obxectivos fomentar e dar visibilidade aos deportes minorizados. Esta entidade facía público este luns o nome dos homenaxeados e homenaxeadas na primeira edición dos premios Terra de Hércules, nos que busca recoñecer o traballo a prol do olimpismo e dos valores que implica este movemento. Xunto á investigadora do grupo Gies-10 e directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, as distincións que a fundación entregará este xoves 27 na Coruña recoñecerán tamén o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco; o fundador e presidente de honra da Real Academia Olímpica Española, Conrado Durántez, e o Comité Paralímpico Español, representado polo seu presidente, Alberto Durán. 

 “A verdade é que foi unha sorpresa”, admite a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que incide na “grande honra” que supón para ela “un recoñecemento do que agardo estar altura”. Neste punto, Martínez Patiño destaca o aval que este galardón supón ao traballo do Centro de Estudos Olímpicos da UVigo, o que fai que se trate “dun premio compartido” tanto coas e cos integrantes deste centro como como coas investigadoras e investigadores do grupo Gies-10, ademais dunha “honra dobre” por compartir distinción con figuras “de prestixio, que son unha institución no mundo do olimpismo”.

Recoñecemento a unha traxectoria

Clasificada de interese deportivo galego, a Fundación Amare Terra presentaba este luns os obxectivos do seu proxecto, centrado, explican, “en promover, apoiar e impulsar accións vinculadas a disciplinas deportivas con menor visibilidade e recursos”, así como apostar por “un deporte inclusivo e integrador”. Nese obxectivo, un dos seus “piares centrais” será a difusión dos valores e principios do olimpismo e paralimpismo, o que motiva que a primeira edición dos seus galardóns estea dirixida a recoñecer a contribución de "figuras clave do deporte galego" neste eido. “O premio toma como referencia os valores e principios do olimpismo e inicia unha liña de traballo, estudo e divulgación do legado olímpico e paralímpico galego, en colaboración con outras persoas e entidades, como os centros de investigación e estudos olímpicos das universidades galegas”, sinalou Jesús Martínez Loira, presidente desta fundación, que incidiu en que, ademais de ser galegos, os catro premiados e premiadas comparten “o seu compromiso e a súa contribución clave na promoción dos valores olímpicos” e a defensa do deporte “como ferramenta de integración”. 

No caso de Martínez Patiño, Amare Terra destacou o seu labor “na investigación e a igualdade no deporte”. Membro da Real Academia Olímpica Española, a investigadora do campus pontevedrés forma parte desde 2012 do panel de expertos da comisión médica e científica do Comité Olímpico Internacional (COI) e o pasado ano foi unha das expertas seleccionadas para integrar a comisión de desenvolvemento e cooperación da European Olyimpics Academy (EOA), asociación na que están representadas as academias ou comités olímpicos de máis de 30 países europeos.

España, o país con máis centros de estudos olímpicos

Desde hai máis de dous anos, Martínez Patiño é tamén a responsable de coordinar os centros de estudos e investigación olímpica existentes nas diferentes universidades de España, “que é o país do mundo con máis centros acreditados polo COI”, sinala. Este organismo facía público neste mes de marzo a relación de 78 centros que renovaban a súa acreditación, entre os que se atopan os 13 impulsados por universidades españolas. Entre elas figura novamente a UVigo, que mantén esta consideración desde 2008, o que “sitúa á Universidade como un referente” no traballo de investigación relacionada co olimpismo. Neste punto, a docente destaca o recoñecemento que isto supón “ao traballo que estamos levando a cabo desde a Universidade e desde o grupo de investigación Gies-10”, tanto no impulso de publicacións científicas e na defensa de teses de doutoramento centradas neste ámbito, como en “levar á sociedade o ámbito olímpico e que este sexa coñecido, que é a nosa maior satisfacción”.