DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O galardón recoñece o traballo de investigación e formación da cátedra

O Premio pola Igualdade Clara Campoamor outorgado á Cátedra Caixanova de Estudos Feministas entrégase este xoves

A cea e entrega de do premio terá lugar no café-teatro Xesteira

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 12/03/2008

O acto de entrega do Premio pola Igualdade Clara Campoamor que a concellería de Igualdade de Ourense concedeu á Cátedra Caixanova de Estudos Feministas terá lugar este xoves día 13 ás 21.30 horas no café teatro Xesteira. A encargada de recollelo será a profesora Purificación Mayobre, que o fará en presenza do alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, e do vicerreitor de Relacións Institucionais e presidente da Cátedra, Iván Area, entre outros.
A Cátedra de Estudos Feministas está impulsada pola Universidade de Vigo en colaboración con Caixanova que, segundo Purificación Mayobre “financia as actividades de investigación, sensibilización e formación que se promoven dende ela”.

Traballo a prol da mellora da calidade de vida da muller

Impulsada pola Universidade de Vigo en colaboración con Caixanova, a Cátedra de Estudos Feministas levou a cabo nestes oito anos de existencia destacados proxectos de investigación e numerosas actividades orientadas á mellora dos niveis de benestar e calidade de vida da muller, sempre desde unha óptica feminista. Un labor recoñecido por unanimidade polo xurado do II Premio pola Igualdade Clara Campoamor que destaca no seu fallo “o traballo desenvolvido ó longo do tempo tanto no relativo a formación do alumnado como no concernente á investigación sobre xénero e os estudos sobre as mulleres”.
A violencia de xénero no sistema escolar, a conciliación da vida laboral e familiar, a historia do movemento feminista en Galicia, a viabilidade do preservativo feminino ou a influencia do xénero na elección de carreira universitaria, son algúns dos temas abordados nos proxectos de investigación financiados pola Cátedra de Estudos Feministas. Bolsas de viaxe, seminarios e conferencias son outras iniciativas impulsadas pola cátedra na que tamén tivo a súa orixe o Máster en Estudos de Xénero que coordinan as profesoras Purificación Mayobre e Beatriz Suárez Briones.