DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Julio Costas Comesaña e Pablo Fernández Carballo-Calero

Premio á mellor investigación en Dereito a un libro no que participan dous docentes da UVigo

Trátase dun estudo sobre a adaptación do réxime xurídico das cooperativas catalás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 01/03/2021

O libro sobre a adaptación do réxime xurídico das  cooperativas catalás no que participaron os profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Julio Costas Comesaña e Pablo Fernández Carballo-Calero, acaba de gañar o premio á mellor investigación en Dereito dos X Premios á investigación e docencia en materia de organizacións de participación da Escuela de Estudios Cooperativos da Universidad Complutense de Madrid.

“Este premio supón un recoñecemento moi importante para a obra e para a actividade investigadora de todos os que achegamos o noso gran de area para a concepción da mesma”, apunta Pablo Fernández, quen explica que a participación de ambos docentes da Universidade de Vigo neste libro colectivo xurdiu por invitación da directora do volume, a catedrática de Dereito Mercantil da Universidade de Murcia Rosalía Alfonso Sánchez, “unha das maiores expertas españolas en Dereito cooperativo, coa que vimos colaborando desde hai anos no marco da revista Cooperativismo e Economista Social (CES), dirixida desde o ano 2000 desde a Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo”, recalca o docente.  Con 42 volumes publicados, “esta publicación é única no panorama editorial luso-español no ámbito do cooperativismo e da economía social e a profesora Rosalía Alfonso é membro do seu comité científico”, apunta Fernández.

Participan unha vintena de especialistas de toda España

Na obra premiada participan unha vintena de especialistas en Dereito Mercantil, Dereito Financeiro e Tributario, Dereito do Traballo, Dereito Procesal e Economía Financeira e Contabilidade de universidades como Murcia, Valencia, Sevilla, Córdoba, Pompeu Fabra, Jaume I, Rovira y Virgili... No caso dos dous docentes da Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo a súa participación concretouse nos capítulos VIII, Capital Social, aportaciones y régimen económico, redactado por Julio Costas; e no capítulo X, El ejercicio económico, escrito por Pablo Fernández Carballo-Calero.

Titulado Regimen jurídico de las sociedades cooperativas catalanas (Adaptado a la Ley 12/2015, de 9 de julio, de Cooperativas de Cataluña), o libro foi realizado a solicitude da editorial Atelier e constitúe o primeiro estudo, “completo e rigoroso” sobre o réxime xurídico das sociedades cooperativas catalás tras a promulgación da Lei 12/2015 que adapta a anterior normativa sobre este sector. A temática enmárcase no obxectivo do proxecto nacional Empresas de economía social novos modelos de negocio, do programa estatal Retos de la sociedad, dirixido polas profesoras Rosalía Alfonso e María del Mar Andreu, coordinadora do libro.