DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade

Premios e homenaxes que sementan futuro para o galego

O acto rememorou a figura de María Victoria Moreno nas verbas da súa filla e da profesora Ana Acuña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/05/2018

Unha homenaxe á escritora recoñecida neste 2018 co Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno, e ao seu amor á lingua galega, e un recoñecemento tamén aos gaoñadores e gañadoras dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria que promove a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Estes foron os dous eixos do acto que este mediodía enxalzou o galego e as súas letras na Casa das Campás lembrando tanto a unha escritora e docente “sementadora de futuro”, como salientou o reitor en funcións, Salustiano Mato, e poñendo en valor aos integrantes da comunidade universitaria recoñecidos con estes galardóns, “que seguindo o ronsel de María Victoria Moreno, cultivades o uso do galego e sementades futuro”. A profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Ana Acuña e a propia filla de María Victoria Moreno, Begoña Llácer, foron as encargadas de homenaxear a unha escritora, nacida en Estremadura en 1939, cuxa relación “coa nosa terra, a nosa lingua e a nosa literatura foi unha historia de amor”, como salientou Acuña.

Un pasarrúas que a cargo dos e das participantes nas aulas de música tradicional que se desenvolven nos campus de Vigo e Pontevedra, que partiu tanto do campus da Xunqueira como da Facultade de Belas Artes, precedeu un acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, así como coas coplas dos regueifeiros Suso de Xornes e Josiño da Teixeira, que lembraron tamén que “a lingua ten futuro”. Nese senso, o reitor en funcións puxo de relevo que "a situación da nosa lingua precisa do maior amparo e do máis decidido impulso”, ao tempo que salientou que a globalización debe pasar por “intentar conseguir que o mundo teña futuro, defendendo a diversidade cultural”. Valentín García quixo incidir tamén na “relación de amor” de Moreno e o galego para pór de relevo a “importancia dos neofalantes”, ao tempo que salientar a importancia de premios que reúnen as creacións literarias “de estudantes de moi distintas especialidades”, no idioma “que nos representa no mundo como fillos dunha cultura moi importante”.

Nove exemplos de creatividade en galego

O director da ANL, Paulo Cabral, foi o encargado de dar lectura á acta do xurado duns premios aos que, neste 2018, presentáronse un total de 27 traballos e que teñen como obxectivo recoñecer a creatividade literaria en lingua galega das e os integrantes da comunidade universitaria. Creatividade reflectida en traballos como o poemario As espiñas do ourizo, da alumna de Belas Artes Noa Rodríguez Méndez, quen se amosaba ilusionada e sorprendida por ter acadado o primeiro premio na modalidade de poesía cunha obra “íntima e persoal”, coa que, no seu último ano na facultade decidiu presentarse por primeira vez a un concurso literario.

Nesta mesma categoría recoñecéronse con dous accésit os poemarios Seis paseos, de Nicolás Vázquez, e Dama de auga, de Francisco Javier Fernández, gañador ademais do primeiro premio na modalidade de relato curto, na que os accésit foron para Lucía Del Río e Xosé Sobral polos relatos Unha muller é unha muller e O domingo da auga, respectivamente. K.A.R.M.A é o nome do texto co que este enxeñeiro de minas e alumno do máster en Administración integral de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, obtiña un galardón que recibía, recoñece, con moita ilusión. “Xa é moi bonito que alguén lea o que escribes, pero séntese un aformigar especial cando che din que gusta”, sinalaba Hermida, que comezou a escribir hai dous anos e hai uns meses publicaba a súa novela A Senda de Sal, gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.

Na modalidade de tradución literaria, o primeiro premio foi para o alumno do grao en Tradución e Interpretación Manuel Arca Castro, que xa en 2017 obtivera este mesmo galardón pola súa tradución de dous relatos de Raymond Carver. Desta volta lográbao coa tradución de cinco poesías deste mesmo autor, do que destaca a súa “sinxeleza para trasladar a rutina e a soidade que nos circunda nas nosas vidas” e no que “a naturalidade e sinxeleza” das súas verbas tornáronse, explica, “o máis complexo de recrear na tradución”. Xunto a Arca, que ve neste premio o “feche de ouro ideal” a súa etapa como alumno de grao, foron recoñecidos cun accésit as traducións que Moncho Iglesias e Nancy Cuquejo realizaron de textos de Rupi Kaur e Chantal Cahour. Así mesmo, o xurado recomendou a publicación da tradución que Mateo Ramos realizou dun texto de Lucy Felthouse.

Compromiso, lealdade e fidelidade con Galicia e co galego

Nun acto que contou  coa presenza do vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, e do que será o seu sucesor neste cargo, Jorge Soto, así como da escritora e académica Fina Casalderrey, Begoña Llácer lembrou a María Victoria Moreno como unha persoa que “amaba ao alumnado” e cuxa “actitude na vida era ir cara adiante cun sorriso”. A filla da homenaxeada no Día das Letras Galegas recoñeceu tamén que este 2018 está a supor para a súa familia “unha experiencia marabillosa”, pero tamén “esgotadora en emocións”, posto que na súa lembranza supón o “orgullo inmenso pola nai que tiven”, ao tempo que “fai presente a súa ausencia”. Llácer, nese senso, lembrou a Moreno non só como “unha apaixonada profesora, excelente narradora, sensible poeta, tradutora, rigorosa ensaísta, comprometida activista cultural, defensora dos animais e galega por amor”, senón tamén como unha “nai esixente e estrita, pero moi cariñosa e divertida”, que cada noite inventaba un conto para ela inspirándose nos debuxos do seu pixama.

Tamén Acuña centrou a súa intervención nos sentimentos dunha persoa “que florecía nas aulas e co seu alumnado”. Na súa intervención, a docente puxo de relevo “o compromiso, a lealdade e a fidelidade” con Galicia e co seu idioma desta “galega de adopción desde 1963”. Grazas a ese compromiso, lealdade e fidelidade, “que non sempre os galegos e galegas somos quen de manter”, Moreno contribuíu a que “a nosa literatura medrase e se fixese vizosa no ermo da ditadura”, sinalou Acuña. A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte salientou tamén que as súas obras dirixidas a un público infantil  reflectían “un método pedagóxico baseado na aprendizaxe de valores”, mentres que na súa literatura xuvenil “estaban presentes os máis desfavorecidos e os grandes problemas da nosa sociedade” e, por todo isto, definiu a Moreno como unha persoa “adiantada ao seu tempo” que, “consciente das eivas da nosa literatura, foi enchendo os baleiros, porque o seu era sementar para o futuro”.