DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa da USC acollerá, na primeira convocatoria, un máximo de 20 proxectos 

Presentada no campus a primeira bioincubadora especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados aos ámbitos da saúde e agroalimentario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 06/11/2019

BioIncubaTech, a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario, presentou este mércores no campus de Vigo a súa primeira convocatoria de proxectos, que estará aberta ata o vindeiro 15 de novembro. BioIncubaTech é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela destinada ao fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes, conxugando a dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, coa finalidade de atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

A bioincubadora, situada no edificio Emprendia da USC, ofrecerá apoio e espazo para a incubación, tanto de micropemes, como de proxectos do ámbito biotecnolóxico. Alén da infraestrutura científico-técnica, con espazos privados e compartidos, as empresas usuarias de BioIncubaTech disporán de programas de apoio en catro eidos de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional e captación de investimento e xestión financeira. Na sesión de presentación da convocatoria celebrada este mediodía en Citexvi participaron a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez; o director da Área de Valorización, Transferencia e Empredemento da USC, José Luis Villaverde e a xerenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Loli Pereiro.

20 proxectos a elixir na primeira convocatoria

A primeira convocatoria de proxectos para BioIncubaTech, presentada este mediodía no campus vigués, está dirixida a micropemes e proxectos empresariais do ámbito biotecnolóxico, nas áreas da saúde e tecnoloxías alimentarias, cun enfoque innovador e diferenciador con respecto a outras solucións existentes no mercado. A convocatoria, que contempla a incubación dun máximo de 20 proxectos, inclúe catro apartados aos que as iniciativas poderán concorren, segundo o seu grao de desenvolvemento: preincubación para proxectos en fases iniciais, sen inicio de actividade e sen plan de negocio ou con un non validade; incubación para empresas constituídas, cun plan de negocio inicial e incipiente acceso ao mercado; aceleración para empresas constituídas, con plan de negocio xa desenvolvido e acceso a un mercado significativo e incubación virtual para proxectos en calquera fase de desenvolvemento e que non precisen aloxamento físico.

Promovida pola USC, BioIncubaTech conta colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago e o financiamento da Fundación INCYDE da Axencia Galega de Innovación, GAIN.