DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional que terá lugar o 30 de setembro e 1 de outubro en CCSS e da Comunicación

Preto de 150 expertos e profesionais abordarán no campus o futuro dos debates electorais

O foro insírese nun proxecto de investigación que busca articular un modelo de referencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/09/2019

Os debates electorais a debate é o título do I Congreso Internacional sobre Debates Electorais Televisados e Novas Formas de Comunicación Política, evento que os días 30 de setembro e 1 de outubro reunirá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preto de 150 especialistas e profesionais. Organizado polo grupo de investigación CP2, este congreso insírese no proxecto de investigación DebaTv, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e que ten como obxectivo articular unha proposta de modelo de referencia para a organización e difusión dos debates electorais televisivos. “Estamos no ecuador do proxecto, polo que realizamos este congreso para facer unha posta en común con todos os axentes implicados”, sinala o profesor Xosé Rúas, presidente do comité organizador do congreso xunto á tamén docente da facultade Ana Belén Fernández Souto.

Inserido nas actividades dun proxecto que conta co apoio da Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión (Academia TV), a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicas (Forta) e a Unión de Televisiones Comerciales en Abierto (Uteca), o congreso buscará xerar unha discusión sobre “como teñen que ser os debates, cales deberían ser as súas normas, os problemas de negociación...”, tendo en conta a ausencia en España dunha regulación específica neste eido, explica Rúas. Nese senso, porá o foco na necesidade de “novos modelos e novos formatos”, tendo en conta “o cambio que supuxo pasar dunha estrutura bipartidista a unha multipartidista”, así como a importancia que hoxe teñen as chamadas “segundas pantallas”, apunta Rúas, que incide tamén no interese que engade ao congreso o feito de que poidan celebrarse en novembro unhas novas eleccións xerais.

Académicos, profesionais e políticos

Unha serie de conferencias e foros insírense no programa dun congreso que se insire no 25 aniversario da facultade e que reunirá tanto a expertos e expertas académicos, como a profesionais como o presidente emérito da Academia TV, Manuel Campo Vidal, ou a políticos como o ex-ministro de Fomento José Blanco. A conferencia de apertura correrá a cargo do investigador da Northeastern University de Boston Alan Schroeder, “o maior experto nos debates electorais en Estados Unidos”. Na primeira xornada terán lugar, así mesmo, os relatorios de Campo Vidal, do catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona José Manuel Pérez Torneo, e da profesora da Universidade Federal do Río Grande do Sul de Brasil María Berenice Da Costa, mentres que para o martes 1 están programadas as conferencias da subdirectora de Relacións Institucionais e Asesora Xurídica de RTVE, Beatriz Blázquez, e do profesor da Universidad Complutense José Manuel Robles.

Xunto ás conferencias, celebraranse tamén unha serie de foros, como o que reunirá ao eurodeputado, ex-ministro e ex-secretario de Organización do PSOE José Blanco e á xornalista Carmen Martínez Castro, secretaria de Estado de Comunicación entre 2011 e 2018, para falar do proceso de negociación dun debate. Na xornada do martes, outro destes foros reunirá á presidenta da Forta, Núria Llorach; ao director xeral de Uteca, Andrés Armas, e ao director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea, mentres que o luns 30, representantes do Consell del Consell de l'Audiovisual de Catalunya e da Entidade Reguladora de Comunicação Social de Portugal participarán nun coloquio sobre os organismos reguladores do audiovisual.

Máis de 80 comunicacións

O programa deste congreso, que busca abordar tamén "as novas formas de comunicación política", complétase coa celebración de cinco mesas paralelas nas que se presentarán un total de 84 comunicacións. Unha selección destes estudos serán posteriormente recollidos nun número monográfico da Revista Latina de Comunicación Social, publicación que precederá á edición, en 2020, dun manual sobre debates electorais, obxectivo final deste proxecto de investigación.