DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con excursións gratuítas guiadas por docentes universitarios

Preto de 150 persoas participaron en Santa Trega no Geolodía 19

Bienvenido Diez: “A xente amosouse moi interesada e recibimos moitas felicitacións”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Visitas
D. Besadío DUVI 13/05/2019

Preto de 150 persoas participaron este domingo no monte de Santa Trega nas diferentes actividades organizadas pola Facultade de Ciencias do Mar e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía no Geolodía 19, evento que se celebra a nivel nacional e que, tras un parón dun ano, volveu organizarse na provincia de Pontevedra da man da Universidade de Vigo. “Foi un día espectacular, a xente amosouse moi interesada e recibimos moitas felicitacións, sobre todo polas temáticas tratadas”, salientou Bienvenido Diez, profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e coordinador desta actividade na UVigo, quen salienta que, dende a organización se fixo, “como é habitual”, un esforzo importante por tratar as diferentes cuestións do xeito máis divulgativo posible.

Divulgación xeolóxica accesible a calquera persoa

Divididos en grupos de pequeno tamaño, asistiron ás excursións un total de 140 persoas, “moitas delas fieis seguidores desta actividade”, e cada visita durou arredor dun par de horas.  Guiados por un equipo de docentes que foron os encargados de explicar diversos aspectos xeolóxicas da contorna, as e os participantes na actividade tiveron así a oportunidade de achegarse á zona do estuario do Miño-Santa Trega dun xeito diferente. O profesor Gonzalo Méndez foi o encargado de explicar o papel do río Miño como como axente transformador da paisaxe, mentres que pola súa banda Anxo Mena afondou nos diferentes cambios que sufriu o nivel do mar e como estas variacións climáticas afectaron tamén ao desenvolvemento posterior da sociedade. As explicacións sobre como se forma o caolín -arxila branca moi pura coa que se fabrica a porcelana- a partir do granito e sobre as condicións que deron lugar, entre o Mioceno e o Holoceno, á multiplicación deste tipo de materiais nesta zona correu a cargo da profesora Teresa Rivas.

Na parte máis alta do monte, ao final do percorrido, o profesor Migue Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, explicou as distintas partes dun estuario e os procesos que os caracterizan, así como os diferentes tipos  en función do grao de mestura das augas fluviais coas mariñas e os principais motivos que provocaron que a parte final do estuario do Miño estea practicamente rechea de sedimentos.

“Tremendamente satisfeitos por como saíron as cousas”, desde a organización do Geolodía 19 queren, “agradecer especialmente”, toda a colaboración recibida por parte da Comunidade de montes en man común de A Guarda, “cuxo apoio loxístico resultou básico para que todo saíse á perfección”.