DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos oito coloquios inseridos na programación que se desenvolverá do 7 ao 11 de outubro

Preto de 30 titulados e tituladas protagonizarán o 25 aniversario de CCSS e da Comunicación

A facultade pechará esta ‘semana grande’ cun encontro con alumnado e egresados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/09/2019

Fortalecer os vínculos cos seus titulados e tituladas e, ao mesmo tempo, proxectar na sociedade o papel que as e os profesionais formados no centro poden desenvolver en diferentes eidos son os dous obxectivos centrais dos actos cos que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrará o seu 25 aniversario. Entre o 7 e o 11 de outubro, a facultade vivirá a ‘semana grande’ desta conmemoración, na que titulados e tituladas serán os principais protagonistas. 27 profesionais formados no centro protagonizarán os oito coloquios que terán lugar nesta semana, que abrirá un acto institucional e pechará un encontro con alumnado e egresados.

“Queremos que a xente que pasou pola facultade sinta que forma parte dunha comunidade”, salienta o decano, Xosé Baamonde, dun os propósitos centrais da conmemoración da posta en marcha, en 1994, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, nas instalacións do antigo fogar da rúa Sierra e da titulación de Publicidade e Relacións Públicas. “Nos actos de celebración queremos englobar aos outros dos títulos, Dirección e Xestión Pública, que cumpre 20 anos, e Comunicación Audiovisual, que cumpre 16, porque ao final todos teñen un nexo de unión, que forman profesionais que solucionan problemas”, engadiu Baamonde, que destacou así mesmo a colaboración do alumnado e da egresada Antía Romero na organización deste programa. Por outra banda, o decano salientou tamén que, máis aló desta semana grande, “a celebración deste 25 aniversario vaise prolongar durante todo o ano, con diferentes actos, cursos ou conferencias”. 

Profesionais de diversos eidos

A semana grande abrirase, o luns 7, cun acto institucional, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, sucedido pola conferencia sobre os estudos de comunicación que impartirá o catedrático en Comunicación Audiovisual e Publicidade Enrique Bustamante. Esta primeira xornada completarase coa celebración dun coloquio no que responsables de diferentes medios debaterán “sobre o futuro do sector da comunicación”, apunta Baamonde. 

Entre o martes 8 e o venres 11, o programa estará centrado na celebración oito coloquios nos que profesionais formados no centro abordarán “diferentes temas de actualidade, que afectan tamén á docencia das tres titulacións”, engade o vicedecano de Promoción e Comunicación, Paulino Pérez. Estos arrincarán o martes poñendo o foco na industria musical no audiovisual, coa participación do produtor Javier Abreu, o manager Aitor Nova e o creador das Sesións Destelo, Miguel Grandío. Nesa xornada terá lugar unha mesa sobre comunicación na era dixital, coa participación de Tania Sueiro, Erika Conde, e Marta Valcarce. Por outra banda, a abordaxe da comunicación desde unha perspectiva de xénero será o eixo da primeira das mesas do mércores, na que intervirán as profesionais Marga Pastoriza, Laura Doval e Paula Tosar. O mundo das redes sociais, coas intervencións das profesionais especializadas neste eido Lorena Penas, Adrián Aira e Arancha Vilas, centrará o segundo coloquio desta xornada, que completará a presentación Comprender o mundo desde aquí, na que se abordarán os 28 anos de traxectoria do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).

Xa o xoves, un coloquio reunirá tres profesionais que crearon as súas empresas, Helena Termenón, Carmela Serantes e Vanesa López, mentres que a segunda das mesas estará centrada no cinema galego, coa participación da directora Anxos Fazáns, a produtora Silvia Fuentes e a editora Iria Silvosa. O venres, un coloquio sobre experiencias de mobilidade levará de volta á facultade a planificadora estratéxica Naomi Fernández, o executivo de contas Esteban Vilela e o embaixador da World Life Experience Hugo Piñón, mentes que a última das mesas contará coas intervencións do correspondente de televisión Carlos Portas, a deseñadora Estefanía Casal, a presentadora e cantante Fátima Pego e o compositor de efectos visuais Pablo Lamosa, que ten traballado en producións como a serie Xogo de Tronos

A “gran quedada” como peche

Na tarde do venres, pechará esta semana A gran quedada da FCSC, un encontro no que o centro agarda reunir a profesorado, alumnado e titulados e tituladas e que estará amenizado por unha serie de grupos musicais dos que forman parte tamén alumnado e ex-alumnos da facultade. Así mesmo, a conmemoración completarase coa mostra 25 anos de fotografías, unha exposición coordinada polo profesor Jorge Lens que reúne unha selección de traballos do alumnado, e cunha mostra de equipos audiovisuais antigos.

 

Programa do 25 aniversario