DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan na V Conferencia Internacional da cátedra dedicada ao escritor portugués

Preto de 40 especialistas de sete países para comprender o mundo a través da obra de Saramago

Poderá seguirse a través da rede e terá a súa sede no Museo da Imprensa de Porto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/12/2020

“A obra, o pensamento e o activismo de Saramago proporcionan múltiples e impresionantes representacións do noso mundo e propoñen diferentes respostas aos problemas que enfrontamos”, salientan os responsables da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo no texto de presentación da quinta edición da conferencia internacional dedicada a afondar na obra e traxectoria do Nobel portugués e pola en relación con diversas problemáticas sociais, económicas, políticas ou ecolóxicas. Organizada pola CJS xunto co Museu Nacional da Imprensa de (MNI) de Porto, a V Conferencia Internacional José Saramago terá como título Escrevo para compreender e desenvolverase os días 18, 19 e 21 de decembro. Preto de 40 expertos e expertas de sete países intervirán nos dez paneis que conforman o programa deste evento internacional que, debido á situación sanitaria, poderá seguirse a través de internet, aínda que terá como sede física o Museu Nacional da Imprensa.

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución e director da CJS, Burghard Baltrusch, o investigador da cátedra e membro tamén do grupo de investigación Bifega Carlos Nogueira e o director do MNI e profesor do Instituto Superior da Maia, Luiz Humberto Marcos, integran a comisión organizadora desta conferencia internacional, que nos anteriores anos tivo como sede o campus de Pontevedra. Nesta ocasión, explica Nogueira, tratarase dun evento con “participación e asistencia mixta”, xa varios e varias dos conferenciantes intervirán desde o MNI, mentres que outros farano por videoconferencia. O programa deste foro internacional, que conta coa colaboración do Instituto Camões, a Fundación Enxeñeiro António de Almeida e a Fundación José Saramago, reúne 35 conferencias e comunicacións dalgúns “dos máis importantes especialistas” na obra do escritor luso, como salienta Nogueira. Mantendo o “espírito transdisciplinar, aberto e cosmopolita” que caracterizou as súas anteriores edicións, destacan desde a CJS, a conferencia contará coa participación de investigadores e investigadoras de oito universidades portuguesas e nove brasileiras, así como de expertos e expertas de España, Polonia, Estados Unidos, Arxentina e Reino Unido, que abordarán a obra e o pensamento de Saramago desde as diferentes liñas temáticas que engloba este foro, “adaptadas ao presente contexto de crise global”.

Partir de Saramago para reflexionar sobre o mundo actual

“A universalidade das ideas, das accións e das palabras de Saramago serán tanto máis universais canto máis as fagamos resoar e actuar no noso mundo”, engaden os responsables da CJS no texto de presentación dunha edición, na que, “continuaremos a explorar as grandes liñas temáticas tratadas nos anos anteriores; literatura e arte como pensamento e activismo, o cambio climático e a pandemia actual, política e economía, ética, igualdade e xustiza social, educación e ensino”. 

Partindo destes eixos temáticos e da obra e traxectoria de Saramago, as conferencias e comunicacións que integran o programa desta conferencia permitirán reflexionar sobre “o problema do mercado como modelo de gobernanza”, na intervención de Fabrizio Uechi, da Universidade de São Paulo; ou sobre os “consumidores transformados en produtos a través das redes sociais dixitais”, no relatorio de Tauana Jadna Ribeiro, da Universidade Estadual do Maranhão. Outros dos participantes, así mesmo, porán relación a obra do Nobel luso coa crise provocada pola pandemia, un aspecto presente nas intervencións dos dous representantes da Cátedra Libre José Saramago da arxentina Universidad Nacional de Córdoba neste foro, María Victoria Ferrara e Miguel Alberto Koleff. A censura do réxime de Salazar nos textos de Saramago será abordada por Luiz Humberto Marcos, mentres que Isabela Sousa, da Universidade de Minho, reflexionará sobre a politización no uso da memoria pública durante a ditadura portuguesa. A representación da vellez na obra de Saramago, a crítica da narrativa mediática contemporánea ou o sentido de “deber cidadán” de Saramago, serán outros dos moitos temas abordados nos dez paneis que integran o programa do evento. 

O nacemento dunha colección de “estudos saramaguianos”

Desta V Conferencia Internacional nacerá tamén “unha colección de estudos saramagianos" que, como explica Nogueira, buscará acoller principalmente os artigos presentados nas conferencias, “mais ponderarase tamén incluír outros traballos que permitan un resultado final consistente”. O primeiro volume, cuxo título provisional é Dificílimo É o Ato de Escrever. Ensaios Saramaguianos I, publicarase, segundo explican desde a CJS, no verán de 2021.