DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ABAU 2021 comezou hoxe e prolongarase ata o xoves con 5478 alumnos matriculados

Preto de 5500 estudantes enchen os centros da UVigo na procura dun futuro na universidade 

En toda Galicia examínanse 13.260 estudantes, un 41.3% na Universidade de Vigo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 08/06/2021

Todos os edificios de todos os campus da UVigo, a excepción das facultade de Fisioterapia e Belas Artes, que non dispoñen de aulario axeitado, acollen desde hoxe e ata o vindeiro xoves as probas da ABAU ordinaria 2021. Un total de 5478 estudantes, procedentes de centros das provincias de Pontevedra e Ourense, iniciaron ás 10.00 horas coa proba de Historia de España a Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) do ano 2021, marcado novamente pola pandemia, o que obrigou, por segundo ano consecutivo a habilitar más espazos, así como medidas que eviten contaxios entre o alumando e o persoal que participa na organización e realización das probas. “En principio todas as probas deberíanse celebrar con total normalidade. Os modelos de exames e protocolos están publicados desde hai meses, polo que o alumnado ten un coñecemento preciso do que se ían atopar e o que se espera deles. A elevada optatividade debería contribuír a que ninguén se sinta prexudicado polas circunstancias persoais vividas”, asegura Luis Muñoz, delegado da UVigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que tamén incide en que todo o persoal que participa nas comisións delegadas, presidentes, secretarios e vogais, “son conscientes en todo momento do que se está a vivir e saben que hai que facilitarlle ao alumnado todo o que se poida a realización das probas, sen alterar as condicións de igualdade entre eles”, explica.

Dos 5478 estudantes que desde hoxe se examinan nas comisión delegadas dos tres campus da UVigo, 2983 realizan as probas nos centros do campus vigués; 1233 no campus de Pontevedra e 1150 no de Ourense. Respecto do ano pasado, o número de estudantes que realiza a ABAU este 2021 descendeu, xa que en 2020 foron 6089, non obstante, si se rexistra un incremento respecto do ano 2019 cando se examinaron na UVigo 4631 alumnas e alumnos. “Este ano non medra o número de inscritos respecto ao ano pasado, senón que baixa un pouco, uns 600 alumnos, pero aumenta sobre o último ano ‘normal’, o 2019, nuns 850 estudantes”, sinala o delegado da UVigo na CIUG, que lembra que en 2020 houbo un número anormalmente elevado de matriculados nas probas, porque a porcentaxe de alumnado que se titulou en Bacharelato rozou o 100%. “Aínda que este ano xa no foi así, a razón fundamental do elevado número de estudantes matriculados na convocatoria ordinaria é consecuencia da elevada matrícula en 2º de Bacharelato, xa que o curso pasado aprobaron case todos os alumnos que estaban en 1º”, aclara Luis Muñoz.

Co mesmo protocolo para evitar contaxios por covid que o ano pasado (distancia entre estudantes de 1.5 metros cando estean sentados, mesas etiquetadas cos nomes, uso obrigatorio de máscara, xel hidroalcólico, etc.), a UVigo tamén aplica para as probas da ABAU deste ano unha ocupación promedia das aulas para facer exames mantendo distancias requeridas para a covid do 25%. “Isto significa que para examinar 5500 estudantes necesitamos aulas que sexan capaces de albergar a 22.000 en condicións normais e isto obrigou a utilizar todos os edificios de todos os campus coa excepción das facultades de Fisioterapia e Belas Artes, ademais do pavillón do campus de Vigo e a biblioteca central do campus de Ourense”, detalla Luis Muñoz, que destaca como novidades este ano o uso do pavillón do campus de Pontevedra, o edificio de Campus da Auga en Ourense, ademais de habilitarse como espazo de exame a pista de atletismo cuberta da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra. “En xeral, tentamos que as comisións tiveran en torno a 200-300 estudantes para seren manexables, xa que hai que utilizar moitas aulas e requírense moitos vocais”, explica o delegado.

Case 3000 estudantes examinándose en nove comisións delegadas en Vigo

Co exame de Historia de España arrancaron ás 10.00 horas as probas da ABAU nas nove comisións delegadas dos campus de Vigo, nos que están inscritos 2983 estudantes, e que o confirman como o primeiro de Galicia, seguido de Santiago con 2768 e A Coruña con 2669 estudantes matriculados.

A Facultade de Filoloxía de Tradución é nesta ABAU 2021 a comisión con máis estudantes, superando os 500, seguida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 484 e o edificio de Ciencias Experimentais con 446. O resto de comisións sitúanse nas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e o pavillón. En canto á procedencia do alumnado que desde hoxe se examina no campus vigués para acceder á universidade, o concello de Vigo é o que maior número de estudantes achega, a esta edición da ABAU á que tamén concorre alumando de centros de Redondela, Soutomaior, O Porriño. Mos, Cangas, Moaña, Nigrán, Gondomar, Baiona, Ponteareas, Tui, A Cañiza, A Guarda, As Neves, Tomiño, Salvaterra e Mondariz-Balneario.

Catro sedes do campus pontevedrés acollen 1233 estudantes

Despois de que, pese as elevadas cifras de matriculación, a creación de comisións delegadas en Vilagarcía de Arousa e Marín fixese que en 2020 menos de 900 de alumnos e alumnas se enfrontasen á ABAU nas facultades e escolas do campus pontevedrés, desde este martes 1233 estudantes procedentes de 13 municipios realizan estas probas en catro instalacións da UVigo. Por primeira vez, o Pavillón Universitario serve como sede para estes exames, que realizan alí 293 mozos e mozas. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que se habilitaron espazos como o ximnasio, o pavillón e, por primeira vez, a súa pista de atletismo cuberta, volve ser o centro do campus que máis estudantes acolle, 488. Outros 231 alumnos e alumnas realizan a ABAU na Escola de Enxeñaría Forestal e 211 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 

Por outra banda, a ausencia dun “aulario axeitado suficiente”, como explica Muñoz, fai que as facultades de Belas Artes e Fisioterapia sexan nestes días os únicos centros docentes da UVigo onde non se leva a cabo a antiga ‘selectividade’, á que tamén se enfrontan nestes días na cidade os 12 estudantes con discapacidade que, coas adaptacións necesarias, realizan as probas no Centro de Recursos Educativos da ONCE. 

1150 estudantes examínanse no campus de Ourense

Este ano son 1150 as mozas e mozos que realizan as probas de acceso nas instalacións do campus de Ourense. Esta cifra supón un descenso respecto ao pasado ano (cando houbo 1223 matriculadas e matriculados) pero un incremento respecto a 2019 (no que a cifra foi de 936 estudantes). A distribución xeográfica das comisións delegadas na provincia de Ourense volve á etapa anterior á pandemia e os exames realízanse no campus e no IES Cosme López Rodríguez de A Rúa, que acolle a 112 alumnas e alumnos, ascendendo a cifra total de matriculadas e matriculados nas ABAU na provincia a 1262.

Co obxectivo de atender ás medidas de prevención da covid-19, o que si se amplía é o número de comisións delegadas nas instalacións universitarias ourensás, incluíndo por primeira vez a celebración de exames no Edificio do Campus Auga. Deste xeito, no campus de Ourense as alumnas e alumnos matriculados están a realizar as probas das ABAU no edificio Politécnico, no Xurídico-Empresarial, na Facultade de Historia no Edificio de Ferro, na Biblioteca Rosalía de Castro e no Edificio do Campus Auga.