DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marina Gascón ofreceu unha conferencia sobre a súa valoración

A proba científica en sede xudicial sométese a xuízo

Como peche ao curso de actualización da Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/05/2018

Este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu unha conferencia de Marina Gascón, catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade de Castela-A Mancha, sobre A valoración da proba científica en sede xudicial. Coa súa intervención pechouse tanto o Curso de Actualización Xurídica que este curso académico impartiu esta facultade como o I Encontro Internacional sobre Argumentación e Conflitos de Dereitos que se celebra esta semana no mesmo centro.

Francisca Fernández Prol, vicedecana da Facultade de Dereito, destacou no peche como con esta conferencia remata un curso que ao longo de 2017/2018 ofreceu ás persoas interesadas, tanto persoal docente e investigador do centro como profesionais, a oportunidade de escoitar a expertas e expertos do eido xurídico abordar temas de actualidade e de interese para as diferentes disciplinas do dereito. Da relatora, Pablo Raúl Bonorino, organizador do I Encontro Internacional sobre Argumentación e Conflitos de Dereitos, salientou como ten centrado a súa traxectoria no eido da argumentación probatoria, “unha cuestión transversal interesante para calquera disciplina”, polo que destacou a pertinencia de pechar estes dous eventos coa intervención da catedrática de Filosofía do Dereito da Universidade de Castela-A Mancha. 

Durante a súa conferencia, Marina Gascón abordou o uso da ciencia forense durante o proceso xudicial, tema que centrou o seu traballo nos últimos anos “por dedicación e por paixón”. Salientando como se trata “dun universo moi amplo e transversal”, puxo o aceno en como “lle dedicamos escasa atención na cultura xurídica”. Despois do auxe vivido por esta ciencia nos últimos anos, na actualidade, indicou a catedrática de Filosofía do Dereito, “os peritos son actores moi importantes nos procesos xudiciais, sobre todo penais,” “que auxilian diariamente a xuíces e fiscais na súa tarefa de investigar a verdade”, polo que, indicou, “son cada vez máis demandados”.

Argumentos para entender a súa “aura”

Marina Gascón chamou a atención sobre como a declaración e informes destes peritos “vense doutra maneira” fronte a outras probas, como o testemuño de persoas, porque chegan ante o xuíz “cunha aura de obxectividade, imparcialidade, case como dogma de fe”. Ante a pregunta de por que razón cidadanía e xuíces confían tanto nestas probas forenses, a catedrática apuntou varias cuestións. Como primeira delas citou como a “nosa deficiente cultura científica fainos depositar unhas expectativa esaxeradas nos resultados das análises científicas” ignorando as súas deficiencias, como poden ser subxectividade e carácter probabilístico. 

Un segundo argumento que permite entender esta confianza na ciencia forense, indicou Gascón, é a proxección que se ten dado na súa opinión dos avances acadados nas probas de ADN ao resto de disciplinas forenses, cando non todas esas disciplinas teñen acadado a súa fiabilidade. A este argumento sumoulle a catedrática de Filosofía do Dereito o chamado “efecto CSI”, polo que series de televisión como CSI “tiveron un tremendo impacto no imaxinario popular da sociedade”.