DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa superación constitúe un requisito previo para o acceso á titulación

As probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte reúnen 130 aspirantes

Dirixidas a garantir un correcto aproveitamento da formación práctica do grao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/05/2019

As características da formación práctica que se imparte no grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte fan que aqueles e aquelas que queiran cursar esta titulación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte deban previamente superar unhas probas físicas que este mércores realizaron neste centro un total de 130 estudantes, dos que 119 obtiveron a cualificación de aptos e aptas e que non superaron once aspirantes. “O seu obxectivo é garantir unhas aptitudes físicas mínimas para que despois poidan realizar as materias prácticas con solvencia”, salienta a profesora Águeda Gutiérrez, coordinadora dunhas probas que habitualmente superan unha alta porcentaxe das e os aspirantes, de tal xeito que será o seu expediente académico e as cualificacións que obteñan na ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade), as que finalmente determinen quen se converte o vindeiro curso en estudante dunha titulación que cubre cada ano as súas prazas de novo ingreso.

Un total de 155 persoas inscribíronse no presente curso nunhas probas nas que os e as aspirantes debían superar unhas marcas mínimas nos exercicios de adaptación ao medio acuático, forza explosiva nos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica, forza explosiva en membros superiores e resistencia aeróbica. Concretamente, explica Gutiérrez os e as aspirantes debían obter a cualificación de apto en seis destas sete probas, "incluíndo a proba de natación, que é obrigatoria”. Tanto aqueles e aquelas que non lograsen a cualificación de apto como aqueles matriculados e matriculadas que non acudiron nesta xornada disporán o 20 de xuño dunha segunda oportunidade para superar unhas probas nas que, como recoñece Gutiérrez, “baixou nestes anos o número de participantes”, ao que contribúe o feito de que, desde 2016, a cualificación obtida teña dous anos de validez á vez que é posible presentar, no momento de realizar a matrícula, a certificación de que estas foran superadas noutra universidade española.

25 docentes da facultade colaboraron nesta xornada como avaliadores e avaliadoras desta serie de probas que comezaron na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) para logo trasladarse ata este centro do campus e na que os e as aspirantes contaron tamén coa colaboración de catro estudantes do último curso do grao, que se encargaron de guiar e acompañar aos diferentes grupos e de resolverlles posibles dúbidas, así como tamén da empresa Coca-Cola European Partners Iberia, que subministrou bebidas aos e ás participantes.

Accesibles tralos nervios iniciais

“Os nervios xogan unha mala pasada, pero as probas son accesibles”, recoñecía Antía Esmerode tras superar este requisito previo para converterse o vindeiro mes de setembro en estudante da facultade. Tras superar o ano pasado a ABAU, esta estudante viguesa optou neste curso por “solicitar outra carreira, e arrepentinme”, motivo polo que decidiuse a cambiar de titulación, "xa que quero dedicarme ao deporte, centrándome no mundo dos ximnasios”, explica. “Realmente a miña vida xira arredor do deporte e no futuro quero dedicarme a algo relacionado con el”, engadía nunha liña similar Javier Hermelo tras superar tamén unhas probas que recoñece como necesarias, “porque así ven o nivel que temos e se realmente estamos capacitados para facer esta carreira” e respecto das que incide tamén na mala pasada que poden xogar os nervios. “A verdade é que ao principio estaba un pouco nervioso e de feito tiven que repetir a proba de natación, pero unha vez pasas a primeira o resto fanse sen problema”, sinala este estudante de Cangas do Morrazo quen ten neste grao “unhas das primeiras opcións” de cara a iniciar o vindeiro curso estudos universitarios.