DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolle o encontro AcInTic

Profesionais europeos achegan a Vigo as últimas novidades en tecnoloxía acústica

As xornadas pecharanse este mércores con diferentes sesións demostrativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Transferencia
D. Besadío DUVI 19/06/2018

Profesionais chegados de distintos puntos da xeografía europea (Alemaña, Holanda, Dinamarca, Noruega, Francia...) participan esta semana na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación nas I Xornadas en Acústica Avanzada para aplicacións Industriais, AcInTic, un encontro co que se busca divulgar entre os diferentes sectores empresariais, especialmente aqueles con forte presencia na cidade de Vigo e a súa contorna, as múltiples posibilidades que permiten a aplicación destas novas tecnoloxías e realizar un diagnóstico da demanda de aplicacións a futuro para incentivar a investigación e o desenvolvemento neste campo.

“Son unhas primeiras xornadas  que serven para testar o interese que xera o mundo das novas tecnoloxías en acústica e que agardamos que sexan de interese para todo o mundo, sobre todo pensado nos diferentes ámbitos da industria do automóbil, a aeronáutica ou a enerxía”, explicou o profesor Manuel Sobreira, principal impulsor deste evento na inauguración das xornadas, intre no que estivo acompañado polo vicerreitor de Economía, José María Martín; o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros e o director da escola, Íñigo Cuiñas, que fixeron fincapé na importancia deste tipo de encontros profesionais dirixidos a transferir coñecemento ao tecido empresarial. 

Derribando barreiras entre o sector TIC e o industrial

“Durante anos parecía que o ámbito TIC eran un e o industrial outro, e había como un muro no medio que nos separaba, pero pouco a pouco, e cada vez máis, ambos sectores vanse xuntando, o que fai a sociedade progrese a unha maior velocidade”, explicou o director da escola, Iñigo Cuíñas, que puxo como exemplos desta nova realidade a industria 4.0, a ciberseguridade e, “por suposto”, a enxeñaría acústica. “Con estas xornadas dáselle visibilidade a unhas novas tecnoloxías que, ás veces, o mundo industrial non coñece e que, pola contra, pódenlle axudar a resolver unha gran cantidade de problemas”, recalcou Cuiñas. 

Tamén neste sentido se pronunciou o novo vicerreitor de Economía, que fixo fincapé en que toda esta investigación tradúcese en innovación para a empresa, para incrementar a súa produtividade e, con ela, a competitividade dunha rexión, un país, etc. “Tendo en conta esta realidade, que mellor sitio que unha cidade industrial como Vigo, con sectores produtivos con forte tirón, para organizar xornadas coma estas”, recalcou Martín Moreno.

Múltiples aplicacións en automoción, construción, sector naval...

Durante toda a mañá houbo diferentes relatorios dedicados a cuestións de carácter técnico como a visualización de campos acústicos e a localización de fontes. Se ben estaba previsto a participación de Jørgen Grythe da empresa Noruega NOrsonic, cuestións de última hora impediron a súa presenza no campus e fixeron que fose Cástor Rodríguez, das empresas Sound of Numbers, spin-off da Universidade de Vigo e entidade colaboradora das xornadas, o que se fixese cargo da temática que estaba prevista tratase Grythe. Centrouse no campo do Beamforming, tecnoloxías acústicas enfocadas fundamentalmente ao diagnóstico de fontes acústicas complexas, o que permite, entre outras cousas, localizar vibracións producidas por defectos en maquinaria complexa e, en xeral, localizar onde se xera unha vibración ou a emisión dun ruído indesexábel.

A continuación David Pérez Cabo e Daniel Fernández, procedentes de Microflown (Holanda), falaron sobre aplicacións dos sensores vectoriais acústicos, tanto para a localización de fontes (detección e localización e cazadores furtivos, foi un dos exemplos que se puxo sobre a mesa) como para a visualización e mapeado de campos acústicos xerados por fontes acústicas complexas –holografía acústica-.

Houbo tamén relatorios dedicados á calidade acústica en automoción: unha dedicada a realizar unha revisión de estándares e métodos de avaliación (Santiago Rayes, da empresa danesa Grass) e outra de Damián González sobre a experiencia do CTAG no test vibroacústico que eles realizan. Xa pola tarde, continuarase con cuestións relacionadas co sector da automoción e intervirán, entre outros, Paúl Rodríguez, enxeñeiro da empresa francesa Nexteer; Denis Deklerk , da firma holandesa Müller BBM Vibroakustik Systeme; Marcos Barral, da española Avantek CT Solutions e Pablo Alloa de Gfai TEch (Alemaña).

Sesións demostrativas a cargo das empresas patrocinadoras

Mañá mércores as xornadas centraranse en cuestións relacionadas con intelixencia artificial no mundo da acústica, tecnoloxías que permiten desenvolver unha gran cantidade de aplicacións. “Debemos pensar que en moitas situacións, é a xeración dun evento acústico o que xera unha situación de alerta: a ruptura dunha condución de gas, unha caída, unha explosión ou, simplemente, os choros dun bebé”, explican os organizadores.

Ademais das diferentes conferencias, que terán lugar ao longo de toda a mañá, as xornadas dedicarán a quenda da tarde con sesións demostrativas das diversas tecnoloxías por parte dos principais patrocinadores das xornadas: Microflown, Müller BBM, Norsonic, Avantec e Gfai.