DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo de obradoiros que se desenvolve en Ciencias Sociais e da Comunicación

Profesionais formados na UVigo amosan ao alumnado diferentes camiños profesionais dentro do audiovisual

Os coloquios céntranse no seu percorrido tras saír da facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/04/2021

Dirección de fotografía, posprodución de vídeo e de son, efectos visuais, produción... Os diferentes ámbitos nos que poden centrar a súa traxectoria laboral os futuros titulados e tituladas en Comunicación Audiovisual son o eixo dun ciclo de obradoiros no que cinco profesionais formados na Universidade achegan as súas experiencias ao alumnado. Organizado polo profesor Paulino Pérez, coa colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo, o obxectivo do ciclo que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación “é ofrecer aos alumnos unha aproximación a diferentes postos laborais que poden desenvolver”, a través das traxectorias de cinco “profesionais contrastados, catro deles ex-alumnos da facultade, que teñen xa un percorrido recoñecido”, explica Pérez.

De carácter presencial e abertos a un máximo de 28 estudantes, esta serie de obradoiros arrancou na tarde deste martes cun coloquio coa directora de fotografía e licenciada en Belas Artes Ledicia Bellón, que recentemente exercía como operadora de cámara na película Cuñados, tras ter traballado nos últimos anos como axudante de cámara en producións Fariña ou Vivir sin permiso. O graduado en Comunicación Audiovisual Alfonso Merino, responsable da corrección de cor de series como Hierro ou 3 caminos e de longametraxes como Ons ou A illa das mentiras será o protagonista do segundo destes coloquios, nos que o 27 de abril participará o responsable de Cormorán VFX e ex-alumno da facultade, Pablo Lamosa, que abordará a súa traxectoria no ámbito dos efectos visuais, que o levou, entre outros, a traballar nos VFX dun capítulo de Xogo de Tronos ou na recentemente estrenada Cuñados. Formada tamén na facultade, Silvia Fuentes, de Sétima Producións, afondará o 4 de maio na súa experiencia como produtora en filmes como Arima ou La estación violenta, pechándose esta actividade o 11 de maio co obradoiro que o egresado Miguel Barbosa, de Soundtroop, centrará na posprodución de audio e no labor de foley artist que desenvolveu en máis de 200 producións, entre as que se atopan filmes como Ons ou series como Hierro ou Equinox

Coñecer o traballo e a traxectoria

Un dos obxectivos desta actividade, sinala Pérez, é que o alumnado “coñeza de primeira man cal é o traballo dos profesionais dos principais departamentos” dunha produción audiovisual. Ao mesmo tempo, busca tamén que e as e os participantes lles relaten  “como foi o seu desenvolvemento profesional desde que saíron da facultade”, de tal xeito que non se centren só nos seus proxectos actuais senón que lles relaten "as posibilidades laborais e dificultades” coas que se atoparon, os ámbitos nos que continuaron formándose ou a experiencia, nalgúns dos casos, de crear as súas propias empresas. Do mesmo xeito, explica Pérez, estes obradoiros buscan tamén trasladar aos estudantes “unha serie de consellos e de pautas que lles poden servir tanto para os traballos que están facendo agora como os que van realizar cando sexan egresados”.

Experimentar para atopar un camiño

“Fixen moitos traballos diferentes, algúns non me gustaron nada e outros encantáronme, pero así vas vendo que é o que che interesa”, salientou Ledicia Bellón no primeiro destes encontros, centrado no seu labor como directora de fotografía. Licenciada en Belas Artes e alumna do Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, Bellón recoñece que sempre estivo máis interesada na “parte estética” e máis visual dunha rodaxe, “na que traballas coa luz, coa cor, coas texturas...”. Mais ao mesmo tempo, nun taller no que foi “tocando varios temas da dirección de fotografía á vez que lles ía contando a miña traxectoria”, Bellón sinalou que foron as diferentes experiencias profesionais as que foron definindo o seu camiño dentro do audiovisual. “Para min é fundamental ser moi participativo e estar aberto a todo tipo de experiencias, porque realmente ata que estas nunha rodaxe non podes sentir como é cada traballo”, sinalou esta profesional, que trasladou tamén ao alumnado a importancia de continuar formándose, “para ampliar a perspectiva que tes das cousas, as ideas e a creatividade”. 

Aproveitar o tempo na facultade

A posprodución de vídeo centrará o vindeiro martes o coloquio no que Alfonso Merino afondará, entre outros aspectos, no labor que desenvolve en Alfonsín Digital Lab, responsable, como lembrou Pérez, da correción de cor das catro longametraxes finalistas da última edición dos Premios Mestre Mateo. “Durante a carreira descubrín o traballo de corrección de cor e empecei a interesarme e a investigar”, salienta do ámbito no que centra o seu labor profesional, despois de que unha bolsa da Fundación Barrié lle dese a posibilidade de cursar un mestrado específico sobre este ámbito en Berlín “e empezar a centrarme máis na miña especialización”. Nese senso, este egresado buscará trasladar ao alumnado a idea de que o audiovisual é un sector con diferentes oportunidades profesionais, así como a importancia de que “aproveiten os anos da carreira para poder saír de aí cunha pequena escolma de traballos que lles poidan axudar a meter o pé no mundo laboral”.