DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada en liña organizada por Campus do Mar e a APV a través do proxecto MarENet

Profesionais do sector marítimo-pesqueiro analizan as perspectivas laborais das ‘carreiras azuis’

Anunciouse a vindeira posta en marcha do Centro Atlántico de Coñecemento Marítimo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/10/2021

Profesionais de distintos sectores con ampla experiencia na xestión de empresas relacionadas coas industrias mariñas e marítimas participaron este martes nunha xornada en liña sobre carreiras azuis organizada por MarENet, un proxecto coordinado polo Campus do Mar no que participan oito socios de Francia, Irlanda e España. Tras dous anos de execución, o traballo está xa a piques de finalizar e desde a organización quixeron con esta xornada reunir nunha mesma palestra algunhas das voces máis representativas destes sectores na cidade de Vigo para que puxeran sobre a mesa a súa particular visión sobre as posibilidades de desenvolvemento deste tipo de carreiras e as perspectivas laborais a curto, medio e longo prazo.

Tras emitirse un vídeo cunhas verbas de benvida do director do Campus do Mar, o profesor Daniel Rey -que por cuestións de axenda non puido asistir-, foron Kais Jacob Mohamed , xestor do proxecto MarENet, e Francisco Barreiro, do Departamento de Sostibilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, os encargados de presentar os contidos das xornadas. As primeiras presentacións centráronse no sector pesqueiro e para isto contouse coa participación de Juan López Sobral, presidente de Acopevi, a Asociación de compradores de produtos pesqueiros do Porto de Vigo e propietario de López Novoa Pescados y Mariscos, empresa que ten máis de 40 anos de experiencia na comercialización de produtos pesqueiros, “unha visión é fundamental para coñecer cales son as perspectivas desde o punto de vista das empresas comercializadoras, xa que en Acopevi intégranse máis de medio cento de empresas”, recalcou desde a APV Francisco Barreiro.

A continuación, deu o seu punto de vista sobre todas estas cuestións o director de Proxectos da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, Jorge Romón, “unha visión moi importante”, xa que, tal e como lembrou o representante da Autoridade Portuaria “o sector pesqueiro move en Vigo arredor de 800.000 toneladas de peixe ao ano, o que xera arredor de 32.000 postos de traballo”. Por outra banda, contouse tamén coa intervención de Stéphanie Bordenave-Juchereau, profesora da Université La Rochelle, un dos socios do proxecto, e persoa cunha ampla experiencia no sector da biotecnoloxía e química dos biorrecursos para a saúde. Ela foi a encargada de achegar o punto de vista de valoración dos coprodutos que poden transferirse á industria de procesamento mariño, “un sector emerxente que cremos que a medio prazo pode ter un gran potencial en Galicia”, salientaron desde a organización. Como representante do sector loxístico e de servizos portuarios interveu Juan Martínez, fundador da empresa Vasco Gallega de Consignaciones, convertida agora en Kaleido Logistics, da que é presidente.

MarENet, dous anos de traballo que se traducen en...

Financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca con máis de 800.000 euros, “nestes dous anos de traballo o proxecto MarENet estableceu unha colaboración estable entre os diferentes sectores da Economía Azul e as súas cadeas de valor asociadas, en particular, coas entidades académicas como a universidade e os centros de formación profesional”, explicou na súa intervención o xestor do proxecto, Kais Jacob Mohamed, ao que engadiu que nunha primeira fase levouse a cabo un diagnóstico das necesidades de formación das industrias mariñas e marítimas, mediante entrevistas con diferentes organizacións sectoriais e empresas cunha forte presencia neses sectores. “Con este diagnóstico, desenvolvéronse 25 propostas de formación a medida, das cales unha selección xa foron implementadas no último semestre”, recalcou o xestor do proxecto.

En paralelo, fóronse construíndo unha serie de ferramentas dixitais para dar soporte ás diferentes accións do proxecto. Entre estas accións, inclúense unha base de datos pública sobre as oportunidades de formación nos países participantes, un catálogo de perfís de carreiras azuis e un portal de busca de oportunidades laborais. “Tamén se desenvolveu unha ferramenta Business to Business, para fomentar a creación de redes confiables entre empresas e emprendedores dos sectores da Economía Azul e desenvolveuse un sistema de aprendizaxe en liña de tipo MOOC (mooc.marenet.org) para dar soporte ás actividades formativas do proxecto”, recalcou Mohamed, quen lembrou que este traballo  foi xa galardoado co Atlantic Project Awards 2020 na categoría de Capacitación mariña e alfabetización oceánica.

Centro Atlántico de Coñecemento Marítimo

Aproveitando a celebracións destas xornadas, os socios do proxecto anunciaron a vindeira posta en marcha do Centro Atlántico de Coñecemento Marítimo MarENet, que dará continuidade aos labores que o proxecto leva exercendo durante os dous últimos anos e que inclúen a monitorización das oportunidades de formación nos sectores da Economía Azul, a promoción do emprendemento, xunto co deseño e a implementación de cursos de formación para mellorar as capacidades dos traballadores vinculados con estes sectores.