DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas celebradas co apoio do Centro de Investigación Mariña e o Campus do Mar

Profesionais do sector póñense ao día sobre como pór en valor os subprodutos da acuicultura

Presentáronse na Ecimat os resultados do proxecto Valacui, liderado por Azti

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Transferencia
DUVI 06/11/2018

Profesionais do sector da acuicultura (acuicultores, transformadores e xestores de subprodutos) asistiron este martes na Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, a unha nova xornada de acuicultura sustentable na que se presentaron os resultados do proxecto Valacui, Estrategias innovadoras para la valorización de residuos de la acuicultura, liderado por Azti, o centro tecnolóxico vasco da alimentación, e coa colaboración da Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura.

Ao longo destas xornadas, celebradas co apoio do Centro de Investigación Mariña e o Campus do Mar, presentáronse e analizáronse os resultados de Valacui e houbo tamén oportunidade para que as e os asistentes puidesen compartir coñecementos con outros axentes interesados en coñecer as principais problemáticas e expectativas na valorización de subprodutos da acuicultura. Ademais, abordáronse tamén exemplos de opcións de valorización e a súa aplicación en distintos escenarios.

Este proxecto de investigación, financiado pola Fundación Biodiversidade e polo Ministerio para la Transición Ecológica, a través do programa Pleamar do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ten como obxectivo fomentar unha acuicultura sustentable e o uso eficiente dos recursos mediante a promoción da innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da valorización dos subprodutos da acuicultura.

A esta primeira xornada, celebrada hoxe en Vigo, seguiranlle outras: unha en Valencia, o 14 de novembro; outra en Málaga, o 15, e unha sesión final en Madrid, o día 26, na que se presentarán as conclusións dos talleres anteriores, os resultados finais do proxecto e a Guía de valorización de subprodutos da acuicultura.

Este xoves, Café con Sal

As actividades divulgativas continuarán este xoves na Ecimat cunha nova sesión do  ciclo de conferencias Café con sal. Nesta ocasión, a cita será con Estefanía Paredes, responsable do Servizo de Preservación Funcional de Recursos Biolóxicos Mariños da Universidade de Vigo, que impartirá o relatorio Comparative criopreservation of Molluscs. A charla será, como é habitual, no salón de actos do centro ás 11.00 horas e retransmitirase en directo a través de UVigoTV.