DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito dun extenso traballo sobre o papel da poesía na traxectoria persoal e literaria do escritor

O profesor José Montero achégase nun libro á “menosprezada” faceta poética de Cervantes

Foi a expresión artística que cultivou de maneira máis constante ao longo da súa carreira

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Cultura
M. Del Río DUVI 28/09/2021

A obra poética é unha faceta menosprezada da obra literaria de Cervantes, eclipsada pola súa proxección como novelista. Pero Miguel de Cervantes achegouse á poesía en todas as súas vertentes e foi a expresión artística que cultivou de maneira máis constante, “desde os seus primeiros anos até o final dos seus días, cando se despide dos lectores cun adeus garcilasiano no Persiles”. Así o explica o profesor e decano de Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero no seu novo libro Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista. O volume reúne e sintetiza materiais diversos “consecuencia dunha longa traxectoria investigadora dedicada ao estudo da obra literaria de Miguel de Cervantes que comezou agora hai 25 anos”, resume Montero. Todos estes materiais foron coidadosamente revisados para artellar este libro, que segundo remarca, non é unha compilación de artigos, “senón un libro que descansa nunha longa dedicación ao tema”.

Montero Reguera, catedrático de Literatura Española, é director de Hesperia (Anuario de Filología Hispánica) e de Anales Cervantinos e ten publicado numerosos estudos sobre autores e textos do Século de Ouro, con especial atención a Cervantes. Explica que a poesía de Cervantes quedou nun segundo plano por diversos motivos, que van da importancia do Quijote ao longo do tempo e do resto das obras en prosa, especialmente Novelas ejemplares e Persiles y Sigismunda, pero tamén “pola dificultade de comprensión hoxe de textos poéticos de hai tres séculos”, polas canles en que foi transmitida a poesía de Cervantes e por certa incomprensión da historiografía literaria”. Non obstante, cultivou a poesía ao longo de toda a súa carreira “ben manuscrita, ben impresa; para academias, xustas e certames; incorporada a libros de prosa ou teatro; seria, xocosa, lírica, burlesca, épica, satírica…” Esta producción poética é a que revindica Montero, xa que considera que “non se pode prescindir dunha expresión literaria que acompañou a Cervantes sempre, en próspera e adversa fortuna, que lle permitiu certo renome no seu momento (como escritor romancista, por exemplo) e que lle insería de cheo nas canles polas que a literatura de entón, a poesía en particular, circulaba”.

A poesía de Cervantes lida con ollos do século XXI

A intención do profesor Montero cos seus estudos non é determinar se Cervantes foi “bo ou mal poeta” porque a súa obra poética, “como a de tantos outros escritores daquel tempo, parece que se nos podería caer das mans, salvo contadas excepcións; pero lida coas coordenadas daquel tempo (tradición, imitación, reescritura, retórica, conceptos e imaxes, versificación, mitoloxía), permite ser valorada doutra forma, nin mellor nin peor necesariamente, pero si dunha maneira máis axustada” e ese é o obxectivo fundamental do seu libro.

De feito, cando o decano da FFT comezou a estudar a poesía de Cervantes apenas existían investigacións ao respecto. “Hoxe, afortunadamente, a cousa mudou moito como reflicten as vinte páxinas longas de bibliografía que incorpora este libro. Faltaba, non obstante, un traballo extenso e comprensivo desta faceta menosprezada da obra literaria de Cervantes: agardo que este volume encha este oco”.

No contexto histórico da súa obra, Cervantes pertence a “unha xeración anterior (ou dúas)” a algúns dos poetas máis destacados da literatura española, como Quevedo, Lope de Vega ou Góngora e, en consecuencia, “a súa voz poética ofrece matices e tons que lle afastan deles pero comparte outros moitos elementos froito do ambiente poético de entón: a mesma concepción da poesía, imaxes, conceptos, métrica, recursos retóricos...” destaca Montero. Ao longo de 50 anos de “exercicio poético constante”, entre 1567-1616, na obra de Cervantes pódese observar, como apunta do docente, “unha evolución que segue as coordenadas do seu tempo: dende un garcilasismo evidente a un ton burlesco, irónico, metaliterario tamén, propios do fin de século, onde non falta a influencia herreriana, o manierismo e a épica”. Atendendo a todo isto Montero Reguera considera que a traxectoria de Cervantes como poeta “é un exemplo expresivo do percorrido que segue a poesía española nos últimos trinta anos do século XVI e primeiras dúas décadas do seguinte”.

Cuarto volume da Colección Cervantes

O volume Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista conforma o cuarto da prestixosa Colección Cervantes, da editorial Sial-Pigmalión. Os volumes anteriores están asinados por Francisco Ayala, José Manuel Lucía Megías e Alberto Blecua, “admirado mestre de inesquecible memoria a quen vai dedicado o libro”, destaca Montero. O profesor Fernando Romo, “un dos mais prestixiosos académicos nesta faceta dos estudos cervantinos, colega e compañeiro de moitos anos na Universidade de Vigo”, prologa o libro.