DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha análise específica do modelo de negocio de BlaBlaCar

Un profesor da UVigo publica a primeira monografía española sobre as problemáticas xurídicas da viaxe en coche compartido

Pablo Fdez Carballo-Calero afonda en temas como a responsabilidade da plataforma e dos usuarios/as

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/01/2020

O profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Pablo Fernández Carballo-Calero acaba de sacar ao mercado a primeira monografía que se publica en España sobre o coñecido como carpooling ou viaxe en coche compartido, un estudo pormenorizado no que analiza a problemática xurídica que xurde arredor deste tipo de viaxes, cada vez máis populares, e no que inclúe unha análise específica do modelo de negocio de BlaBlaCar, unha plataforma que conta con máis de cinco millóns de usuarios e usuarias en España e máis de 80 millóns en todo o mundo.

“Eu son usuario de BlaBlaCar desde hai anos e parecíame interesante escribir sobre as diferentes problemáticas xurídicas que xorden arredor desta opción de desprazamento”, explica o experto, profesor titular da Área de Dereito Mercantil, quen fai fincapé na relevancia que está a adquirir a economía colaborativa, un tema que, desde o seu punto de vista, esixía unha aproximación xurídica diferente, e iso foi, precisamente, o que buscaba con este libro. Titulado El carpooling o viaje en coche compartido/especial referencia a BlaBlaCar, a obra fai un estudo detallado das diferentes problemáticas que poden xurdir arredor dunha viaxe en coche compartido, analizando tanto o concepto, como os requisitos, as responsabilidades que se adquiren –tanto da propia plataforma como dos usuarios/as- e a cobertura de riscos. 

Editado pola prestixiosa editorial Aranzadi e dispoñible tanto en papel como en formato electrónico, o libro está dirixido tanto a despachos de avogados, como a condutores e pasaxeiros que viaxan en coche compartido, así como ao resto de persoas interesadas.

Que pasa se o condutor non aparece? E se teño un accidente?

“Esta monografía permite coñecer a fondo as características desta modalidade de desprazamento e ofrece tamén solucións ás diferentes problemáticas que poden xurdir”, explica Fdez Carballo-Calero.  Como exemplos destas problemáticas, menciona dous exemplos: que pasa se un condutor non se presenta? E si se produce un accidente? “No primeiro caso o pasaxeiro debe comunicar esta incidencia á plataforma e, por suposto, deberá devolvérselle a cantidade que pagou pola reserva de praza”, explica o autor, quen tamén recalca que o pasaxeiro ten tamén a posibilidade de avaliar negativamente ao condutor e, de acordo coas condicións xerais de BlaBlaCar, a plataforma resérvase o dereito a suspender a conta do condutor, limitar o seu acceso aos servizos ou incluso rescindir a relación no caso de que xa recibise un mínimo de tres valoracións negativas ou que o seu promedio de opinión entre os usuarios e usuarias sexa de tres puntos ou inferior. “Á marxe destes mecanismos internos tamén habería  a posibilidade de formular unha acción de responsabilidade contra o condutor por incumprimento do acordado, se ben, dadas as características do carpooling, esta opción non semella moi recomendable”, recalca.

No caso de que sufrir un accidente no transcurso da viaxe, o autor do libro deixa claro que as pasaxeiras e pasaxeiros están plenamente cubertos polo seguro obrigatorio de responsabilidade civil de vehículos a motor e, “á súa vez, por unha cobertura adicional que cubre, entre outras cuestións, a asistencia en estrada e a garantía de chegada a destino”.

Cando pode haber problemas de legalidade? 

Á pregunta de cando poden xurdir os problemas de legalidade o autor do libro teno claro. “Non hai problemas de legalidade mentres non se xere un lucro para o condutor”. Pola contra, si o condutor ou condutora cobrase aos pasaxeiros unha cantidade que excede o importe dos gastos do traxecto, xa non se estaría a falar dun transporte privado particular, senón dun transporte público discrecional que esixiría unha autorización administrativa, tanto para o condutor como para a plataforma na súa condición de intermediaria. Mención aparte merece, indica o experto, o feito de que persoas que cobran dietas de desprazamento operen nas plataformas de carpooling, xa que neste caso os gastos xa estarían cubertos polas correspondentes dietas, polo que o cobro dunha cantidade a maiores consideraríase lucro e, polo tanto, está prohibido. “Este é un tema que está de máxima actualidade porque só nas últimas semanas xa tiveron que dimitir dous políticos por estar cobrando dietas de desprazamento e, á súa vez, ofertar as viaxes, xa cubertas polas dietas, na plataforma”, indica Fdez Carballo-Calero.