DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras esgotar Marta Fernández o máximo de dous mandatos á súa fronte

A profesora Susana Álvarez, candidata a decana da Facultade de Dereito

A votación da xunta de facultade celebrarase o venres 10 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 31/01/2023

Desde o pasado mes de decembro, a Facultade de Dereito do campus de Ourense está en proceso de renovación do seu decanato. Este martes celebrouse a proclamación definitiva de candidaturas e a única presentada é a da profesora Susana Álvarez, ata o de agora vicedecana deste centro. Se acada o apoio da xunta de facultade, tomará o relevo á profesora Marta Fernández, que estivo á fronte da facultade desde finais de 2015 (durante dous mandatos, o máximo posible, e un ano máis en funcións dado que ao anterior proceso de eleccións no centro non se presentou ningunha candidatura).

Susana Álvarez é profesora titular da Área de Filosofía do Dereito, do Departamento de Dereito Privado, e membro do grupo de investigación Medea Iuris. O equipo co que se presenta está formado por Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que sería vicedecana de Organización Académica; Lourdes Borrajo, profesora titular da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, que sería vicedecana de Calidade, e María Belén Sánchez, profesora titular de Dereito Internacional Público, que sería secretaria. A listaxe está en consonancia co ata de agora decanato do centro, onde Lourdes Borrajo xa era vicedecana e Francisca Fernández Prol e María Belén Sánchez coordinadoras de grao e relacións internacionais respectivamente.

“Decidimos presentar esta candidatura coa idea de dar continuidade ao traballo realizado nos últimos anos e de seguir colaborando na mellora da Facultade de Dereito”, explica Susana Álvarez. Así, subliña a candidata, “a intención  é manter unha liña de continuidade cos anteriores equipos de goberno pois consideramos que o traballo realizado pola anterior decana, Marta Fernández Prieto, foi magnífico a todos os niveis. Tentaremos consolidar os resultados acadados e afrontar os novos retos para unha facultade que entendemos xa está consolidada no Sistema Universitario de Galicia”. Para lograr este obxectivo, afirma a profesora, “agardamos contar con todos os colectivos da facultade: persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado, pois todos eles xogan un papel fundamental no funcionamento do centro”. Feita a proclamación definitiva de candidaturas este martes, a campaña electoral desenvolverase do 1 ao 8 de febreiro e a votación da xunta de facultade o 10 de febreiro, ás 10.00 h, na aula magna do centro.

Balance de sete anos de mandato

Como balance do seu período á fronte de Dereito, Marta Fernández destaca que “durante os sete anos de mandato tratamos de continuar a valiosa tarefa desenvolvida polos equipos de goberno anteriores, desde a implantación da Facultade de Dereito, para consolidar a posición deste centro dentro do Sistema Universitario de Galicia e conformar unha comunidade universitaria dinámica, cada vez máis arraigada, fortalecida e comprometida coas institucións e a sociedade da nosa contorna”. Nese sentido, subliña, “tiven a sorte de ter no meu equipo a persoas con vocación de servizo público, sentido da responsabilidade e lealdade á nosa facultade, valores que tratamos de manter durante os dous mandatos, adoptando as decisións que nos pareceron máis prudentes e adecuadas, sempre buscando o consenso da nosa comunidade universitaria”. Os cursos 2020/21 e 2021/22, lembra a docente, foron “especialmente duros”, recalcando a "implicación enorme" por parte do equipo, ao ter que facer fronte ás restricións que supuxo a pandemia da covid-19, e a plena colaboración do profesorado, o alumnado e o persoal de administración e servizos.

Na actualidade, indica Marta Fernández, “temos xa varias promocións de alumnado de grao, Plan Conxunto ADE-Dereito e Mestrado Universitario en Avogacía que accederon a empregos públicos e privados moi variados e de relevo, superando os correspondentes procesos de selección mesmo nun tempo moi breve, e que son os nosos mellores embaixadores”. Ademais da “formación sólida” que ofrece a facultade, a ata agora decana subliña a súa satistacción porque “mantemos unha colaboración fundamental con institucións, despachos e empresas”. Igualmente, pon en valor o esforzo feito en “transferir coñecemento á sociedade, abrindo numerosos cursos e xornadas ao público en xeral, máis aló da colaboración do noso profesorado na elaboración de informes, proxectos e contratos en xeral do sector público e privado”. Así, lembra a celebración bianual da feira de emprego Orienta Iuris, o IV Congreso Internacional do Campus Auga ou o curso anual de actualización xurídica. Por último, a profesora destaca que “estamos sometidos de forma continuada e con éxito a procesos de mellora continua da calidade das nosas titulacións e da propia facultade”, obtendo recentemente a recertificación do Sistema de Garantía de Calidade pola ACSUG, que acredita a súa implantación na facultade conforme ás directrices Fides-Audit ata 2027.