DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso centrado nas aplicacións desta metodoloxía no eido da docencia

O profesorado do campus achégase ao potencial didáctico do 'Design Thinking'

Preto de 30 docentes participan nesta iniciativa da Área de Formación e Innovación Educativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/06/2019

Deseñada para animar ás persoas a reflexionar sobre os problemas, explorar alternativas e propor solucións innovadoras, o Design Thinking é unha metodoloxía aplicable a múltiples ámbitos e que pode constituír tamén unha ferramenta para o profesorado á hora de impulsar iniciativas de traballo por proxectos co alumnado. Partindo desa idea, preto de 30 docentes participan nestas semanas nun curso sobre Design Thinking impulsado pola Área de Formación e Innovación Educativa da Universidade que se celebra por primeira vez no campus pontevedrés e no que as e os participantes deben poñer en práctica os coñecementos adquiridos enfrontándose ao reto de idear propostas que puidesen contribuír a unha maior integración do campus pontevedrés na cidade.

“Trátase dunha metodoloxía pensada para propor solucións innovadoras para calquera tipo de problema en calquera ámbito”, salienta o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel J. Fernández Iglesias, coordinador do curso no que participan tamén como docentes Iñigo Cuíñas, Perfecto Mariño, Manuel Caeiro, Enrique Costa e Francisco Javier Díaz, profesores tamén na EE de Telecomunicación. Impartido previamente nos campus de Vigo e Ourense, o curso reúne nestas semanas a persoal docente e investigador de diferentes facultades e escolas, que se forman nunha metodoloxía que “se centra nas necesidades das persoas reais, facilitando a comprensión da súa contorna e da súa cultura”, explica Fernández. “Pensamos que é moi interesante que os e as docentes coñezan o Design Thinking e transmitan a súa utilidade e pertinencia ao seu alumnado”, engade o responsable do curso que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Aprender enfrontándose a un reto concreto

Como explica Fernández Iglesias, o Design Thinking é unha metodoloxía que “proporciona ferramentas para aplicar, de forma sistemática, un proceso de observación e comprensión das persoas”, que axude á “definición completa” do problema, para a partires de aí “fomentar a xeración de ideas co obxectivo de construír prototipos coas ideas máis adecuadas ao problema definido” e, por último, coñecer a reacción das persoas ante a solución proposta. Abordar as diferentes fases de aplicación desta metodoloxía, así como algunhas das técnicas aplicables nos procesos de ideación, observación, definición do problema ou prototipado, constituía nese senso o propósito central dun curso no que os e as participantes tiñan tamén que pór en práctica ese proceso. Concretamente enfrontándose ao reto proposto polos seus responsables de “buscar maneiras de integrar o campus na propia cidade, ver de que xeito a xente de Pontevedra pode chegar a vivir o campus universitario como algo propio”.

Organizados en grupos multidisciplinares, que reúnen a profesorado de diferentes eidos, o curso busca nese senso que as e os participantes desenvolvan “un proxecto completo” mediante esta metodoloxía, de tal xeito que á definición do problema e a xeración de ideas, vese sucedida nestes días polo deseño de prototipos, por exemplo, dunha campaña de comunicación ou dunha aplicación para dispositivos móbiles, que as e os participantes deberán presentar na sesión final do taller.