DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da iniciativa Arredor do Rural: Comunidade de Saberes e Accións

Profesorado e colectivos sociais alíanse para deseñar proxectos que conecten ao alumnado co rural

Este venres celebraron un obradoiro de propostas no campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Ourense 07/05/2021

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este venres pola tarde a celebración do I Encontro Colectivos-Profesorado: Obradoiro de Propostas, do colectivo Arredor do Rural: Comunidade de Saberes e Accións. Este colectivo informal agrupa a persoas do tecido educativo (incluído das tres universidades galegas) e do tecido asociativo/cooperativo no ámbito rural. Este primeiro encontro consistiu nunha xornada de traballo conxunto entre profesorado universitario e membros de colectivos para avanzar no deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo que implementar o vindeiro curso académico e cos que conectar ao alumnado universitario co rural.

Coñecendo o colectivo

Segundo explicaron os seus promotores, este evento nace no marco de Arredor do Rural: Comunidade de Saberes e Accións. Trátase dun colectivo polo de agora informal que se crea por iniciativa da Asociación Avoar e do grupo de investigación Esculca da Universidade de Santiago de Compostela que agrupa persoas do tecido educativo e do tecido asociativo/cooperativo no ámbito rural. Cunha clara vontade de traballo compartido, o promotor inicial e principal é o investigador da USC David García e forman parte del docentes de diferentes etapas educativas, aínda que nesta primeira fase da iniciativa se está poñendo o foco na universidade. Con respecto ao ámbito territorial, abrangue Galicia e norte de Portugal, con clara intención de xerar proxectos transfronteirizos. Diferentes profesores e profesoras da Universidade de Vigo participan neste proxecto, como é o caso de Iria Vázquez Silva, Alberto Saco e Millán Brea, da Facultade de Educación e Traballo Social, e Pilar Piñeiro, responsable do Mestrado Universitario en Xestión do Desenvolvemento Sostible.

Os obxectivos fundamentais de Arredor do Rural son “proporcionar ao alumnado experiencias educativas en contacto e compromiso coa vida e a acción social; apoiar e visibilizar as pequenas iniciativas que no rural manteñen e abren formas de vivir e producir sostibles e fomentar un diálogo de saberes entre aqueles máis académicos e aqueles máis locais e tradicionais”. Esta comunidade, sinalan os seus promotores, pretende compartir recursos de profesorado e asociacións/cooperativas do ámbito rural para crear bens comúns: saberes e accións. Nela, indican, participan colectivos moi diversos (de artistas, ecoloxistas, comunidades de montes...) que teñen en común “o feito de ser agrupacións de base, endóxenas e con forte contacto e compromiso co seu territorio”, profesorado de diferentes disciplinas das tres universidades galegas e da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, pero tamén profesorado de escolas de primaria e centros de secundaria.

Aprendizaxe-servizo

O obradoiro celebrado este venres en Ourense tivo como obxectivo traballar no deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo, metodoloxía que consiste en “organizar unha aprendizaxe disciplinar arredor dunha acción para solucionar unha necesidade real e en colaboración coas persoas que a levan a cabo”. Con esta metodoloxía, comentan os responsables do obradoiro, “o alumnado achega a súa enerxía e ideas, mais tamén colle como referentes de aprendizaxe a persoas diferentes ao seu profesorado e finalmente ve exemplos de maneiras diversas de vivir e facer no ámbito rural”. Ademais, engaden, “quere utilizarse a aprendizaxe-servizo como una maneira de conectar a formación coas iniciativas locais no territorio relacionadas coa sostibilidade, promovendo a vinculación do alumnado con estes fins e enfocando á calidade educativa da formación grazas a actividades experienciais”.

A xornada no campus de Ourense tal e como indican os seus responsables pretendeu “encaixar as propostas de acción dos colectivos na docencia para ofrecer ao alumnado o vindeiro curso académico a posibilidade participar man a man na consecución de proxectos que aborden as necesidades do rural, que será a experiencia base para a súa aprendizaxe nas diversas materias”. O obradoiro, comentou Pilar Piñeiro, supuxo “unha grande oportunidade para coñecer de primeira man as necesidades reais e as vontades de diversos colectivos vinculados ao mundo rural. Coñecendo esas necesidades e vontades poderemos traballar xuntos no deseño de futuros proxectos de colaboración entre estes colectivos e a universidade, por exemplo, a través de traballos fin de grado ou fin de mestrado realizados coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo”.