DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As compañías, emprendedores e fundacións interesadas deben inscribirse antes do 30 de agosto

O programa Colmea de Ideas busca empresas que queiran retar o alumnado a buscar solucións innovadoras a problemas da contorna

O estudantado achegará respostas a estes desafíos nos seus TFG, TFM ou teses

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 05/07/2022

O programa de innovación aberta Colmea de Ideas, posto en marcha polas vicerreitorías de Estudantado e Empregabilidade e Investigación o ano pasado, afronta a súa segunda edición e comeza xa a procura das empresas participantes. A finalidade desta iniciativa é implicar o tecido empresarial para que presente ao alumnado da Universidade unha serie de retos e desafíos aos que lle darán resposta nos seus traballos fin de grao e fin de mestrado, teses de doutoramento ou proxectos emprendedores.

Nesta primeira fase da iniciativa ábrese a convocatoria para a participación de empresas, novas e novos emprendedores, asociacións e fundacións que, ata o 30 de agosto, poderán achegar retos abertos.  O obxectivo é incentivar o alumnado para que desenvolva proxectos que ofrezan solucións innovadoras e viables a estes desafíos, de maneira que se sintan protagonistas dun posible proceso real de innovación. 

Deste xeito, Colmea de Ideas actúa como correa de transmisión entre a empresa e a Universidade, apostando por un maior achegamento entre a comunidade universitaria e as empresas e institucións e ofrecéndolle ao alumnado de grao, mestrado e doutoramento un repositorio de ideas sobre as que orientar os seus traballos de fin de estudos. Coa asunción destes restos para os traballos fin de estudos búscase identificar o talento universitario, achegar a cultura de innovación aberta á contorna universitaria, interactuar e crear sinerxías de colaboración entre a Universidade e as entidades participantes e procurar ideas de proxectos que dean resposta ás necesidades de empresas e doutras institucións de distintos sectores.

15 retos para a primeira edición

Na edición pasada participaron 14 empresas que presentaron ao alumnado un total de 15 retos que ían dende o sector da saúde e a biotecnoloxía, ata o eido da automatización, a industrialización ou aplicación da axenda 2030. Entre as propostas estaba a mellora da mobilidade dos traballadores do polígono de Torneiros, o deseño dun sistema de detección do nivel de toxinas ou dun arquivo intelixente que permita automatizar as descargas de arquivos adxuntos de correo en carpetas. Tamén houbo retos como a creación dun sistema de limpeza de moldes metálicos de vulcanización de produtos de goma ou dun laboratorio rural dirixido a xente nova, así como dun sistema de participación cidadá e votación en remoto ou a integración dun sistema de vending en aparcamentos, entre outros.

Convocatoria aberta a empresas, emprendedores e asociacións

Nesta nova convocatoria, poden concorrer tanto empresas a título individual como agrupacións empresariais que desexen desenvolver un proxecto de I+D+i e/ou consultaría orientado a solucionar unha necesidade concreta en colaboración con estudantes da Universidade de Vigo, como novas e novos emprendedores que se atopen realizando ou vaian realizar os trámites necesarios para poder desenvolver unha actividade económica a través de calquera forma admitida en dereito, ou as que iniciasen a súa actividade nos dous anos anteriores á data de peche desta convocatoria. O programa tamén está aberto a asociacións sen ánimo de lucro de interese social, e a fundacións privadas. 

Cada entidade poderá presentar o número de retos que desexe, cubrindo o formulario en liña ao que poden acceder na web do programa. A publicación da listaxe de retos aceptados está prevista para o 9 de setembro. A partir desa data botará a andar a segunda fase do programa, a de presentación das ideas de proxectos para achegar solucións aos retos por parte do estudantado. Poderán inscribirse todas aquelas alumnas e alumnos matriculados nos dous últimos anos de grao, estudantes de posgrao e o alumnado de doutoramento. A presentación das candidaturas por parte do estudantado estará aberta entre o 12 de setembro do 2022 ata o 26 de maio de 2023, polo que as e os participantes terán practicamente todo o curso por diante para traballar nos seus proxectos de innovación aberta.

A selección de proxectos gañadores, en tres quendas ao longo do curso

A fase III será a de selección das ideas gañadoras e esta terá lugar a medida que vaian chegando as solicitudes, entre o 20 de setembro e o 9 de xuño en diferentes quendas: unha primeira resolución o 16 de decembro, unha segunda o 24 de marzo e a derradeira o 9 de xuño. 

Para cada un dos retos propostos nomearase unha comisión que seleccionará os e as estudantes beneficiarios e estará formado polo menos por tres persoas, que incluirá tanto representantes da entidade participante que propón o reto coma da propia Universidade. A comisión analizará as candidaturas tendo en conta a idea proposta e o nivel de innovación que presenta o proxecto, así como o seu impacto e capacidade de creación de valor económico, social, medioambiental etc. Tamén se atenderá á viabilidade e probabilidades de éxito na súa materialización; á aplicabilidade con fundamentos tecnolóxicos e científicos relacionados co reto e á motivación do estudantado e á adecuación da proposta ao reto presentado pola entidade.

As persoas que resulten gañadoras terán a oportunidade de gozar dunha serie de beneficios que estipulará a entidade en cuestión coa que se traballe e quen poden ser prácticas extracurriculares remuneradas, un premio en metálico ou a participación nun programa de titorización para poñer en marcha o proxecto proposto.