DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As persoas de 55 anos ou máis poden solicitar unha praza ata o 21 de deste mes de xullo

O Programa para Maiores abre o prazo de preinscrición e presenta unha nova estrutura académica similar aos graos

O ciclo intensivo será de catro anos e o integrado de dous

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 09/07/2021

O próximo curso traerá importantes cambios para o Programa para Maiores, que renova a súa estrutura e organización interna. Deste xeito, en lugar dos cinco anos que ata agora levaba completar a formación, serán seis, de modo que o Ciclo Intensivo pasará de tres a catro anos e o Integrado manterase en dous. Así o explica o director do programa, José Luís González Cespón, que recalca que se trata de que se pareza o máis posible aos graos, tanto na estrutura como na formación. Para iso, as horas de docencia pasarán tamén a contabilizarse en créditos ECTS, como o resto da formación regrada que se imparte na UVigo.

Esta iniciativa, que agora ten acubillo na Escola Aberta de Formación Permanente, está aberta a persoas de 55 anos ou máis e ten como finalidade que esetas “manteñan a ilusión por seguir aprendendo despois de completar a súa andaina profesional”. Deste xeito, a través dos dous ciclos, trátase de facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento cultural, social e persoal, tanto se non puideron acceder á universidade no seu momento como se, contando cunha titulación superior, seguen tendo inquietudes por continuar a súa formación. Así, para matricularse no ciclo intensivo non é preciso contar con ningún tipo de estudos, mentres que para o integrado requírese ter cursado previamente o intensivo ou ben contar cunha titulación universitaria.

O prazo de preinscrición para o próximo curso permanecerá aberto dende o próximo luns ata o mércores 21 deste mes de xullo e, unha vez adxudicadas as prazas, a matrícula formalizarase no mes de setembro. No que se refire ás prazas, “respectando os novos aforos derivados das restricións da pandemia, ofértanse 30 prazas en todas as materias, excepto nas virtuais, que se ofertarán 35”, explica González Cespón.

Cambios de nome e de localización no Ciclo Intensivo

O Ciclo Intensivo concentra as principais novidades do Programa para Maiores para o próximo curso. Ademais de ampliar nun ano a súa duración, tamén contará cunha nova denominación para os seus egresados: titulado universitario en Cultura e Sociedade. O responsable do programa explica que este novo nome “axústase máis á definición do contido”, xa que as materias deste ciclo están encamiñadas á divulgación, á análise e á reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade; e a sociedade e a cultura actual e futura. As actividades complementarias están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas, así como proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos e facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais. En total, para obter o título é preciso cursar como mínimo 60 créditos ECTS, 24 deles en materias obrigatorias e 36 en optativas. 

Outra das principais novidades para o próximo curso é a localización da docencia. Así, mentres en Pontevedra as clases continuarán sendo na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, en Ourense trasládanse á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. En Vigo tamén haberá cambios destacados, xa que as actividades académicas volverán ao centro da cidade, á Escola Universitaria de Estudos Empresariais, despois da experiencia do pasado curso nas instalacións do campus. Neste sentido, González Cespón agrade o esforzo realizado polo equipo de goberno “para volver a Torrecedeira e ao equipo directivo da EUEE por acollernos de novo no seu centro”.

O Ciclo Integrado, sen cambios

O Ciclo Integrado non sufrirá cambios o próximo curso. O obxectivo destes dous anos de formación é que o alumnado sénior comparta aulas e experiencias co estudantado de grao, polo que poderán cursar materias pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo, nas que se oferten prazas específicas para o Programa Universitario de Maiores. Estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado matriculado nas correspondentes titulacións oficiais de grao, nas mesmas aulas e horarios e en igualdade de circunstancias, agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación establecidos para o estudantado dos estudos oficiais de grao. En total son 36 créditos ECTS.