DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor asinou este xoves convenios de colaboración con estes municipios

O Programa de Maiores aposta pola democratización do coñecemento e estende a súa formación ao Rosal e Covelo

Estes concellos acollen seminarios temáticos para persoas de máis de 50 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/09/2022

Mareas de coñecemento e experiencia é un proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa que aborda eidos como a xeografía, a arte e a historia; a ciencia e medio ambiente; a saúde e o benestar ou as tecnoloxías, adaptando sempre os contidos ás demandas dos concellos implicados.

Este programa de democratización do coñecemento, que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus. 

Tras o seu paso ao longo dos últimos cursos por Ribadavia, Leiro, Gondomar, Nigrán, Forcarei ou Tui, e despois de dous anos marcados pola pandemia, neste curso esta iniciativa retoma a normalidade e xa botou a andar nos concellos do Rosal, Covelo e Celanova e, en próximas datas, arrancará tamén en Moaña. Este xoves, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, formalizou esta colaboración cos concellos do Rosal e Covelo, asinando cadanseu convenio coa alcaldesa Ánxela Fernández e co alcalde Pablo Castillo, respectivamente, ambos egresados da Universidade de Vigo, en concreto da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Espallar o coñecemento máis aló dos campus

No acto de sinatura, o reitor destacou a importancia de “democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida” pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa moi exitosa nos tres campus, “queremos facer país tendo unha presenza en todas os lugares da xeografía galega que nos sexa posible”.

Neste sentido, a alcaldesa do Rosal recalcou que “é moi interesante poder achegar a Universidade á súa contorna e poñer o coñecemento á disposición do local, que é a xestión máis próxima ás persoas”. Pola súa banda, o rexedor de Covelo subliñou a importancia deste contacto estreito cos “concellos pequenos”, que permite “abrir a Universidade a toda a súa contorna”.

No concello do Rosal o programa arrancou o 31 de agosto, con 36 persoas inscritas, e remata esta mesma semana. Artellouse arredor de tres seminarios, o primeiro deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena. No segundo, as e os asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso remata esta semana con dúas sesións, unha formativa e outra práctica, sobre saúde, benestar e alimentación, incluíndo un roteiro cardio-saudable. A alcaldesa destaca que a experiencia esta sendo “moi positiva, cunha asistencia media de 30 ou 35 persoas en cada seminario”. A rexedora quixo recalcar a implicación da Asociación de Maiores do municipio e valorou moi positivamente o impacto que iniciativas coma esta teñen “nun concello pequeno como o noso, de 6400 habitantes”. Fernández tamén trasladou ao reitor a satisfacción das persoas participantes, “que quedaron encantadas”, e avanzou a posibilidade de traballar da man da Universidade para poder impartir unha formación máis ampla, ao longo de todo un ano.

Tamén esta semana arrancou o programa en Covelo, cos mesmos tres seminarios que no caso do Rosal, pero adaptados á contorna, xa que no caso do patrimonio, decidiuse poñer o foco no cruceiro do Santísimo Cristo do Aflixidos, nas mámoas e nos petróglifos existentes neste concello. En total están inscritas, como explicaba o alcalde, Pablo Castillo, 15 persoas, que nestes días están a recibir formación relacionada coas TIC, as App e as ferramentas dixitais, que foron os contidos máis demandados polo concello.

O próximo mes as Mareas do coñecemento trasladaranse ao concello de Moaña e, como avanzaba María José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, organismo do que depende este programa, unha vez rematen as formacións nestes concellos realizarase unha avaliación, “para ver se en próximos anos facemos algo semellante, se hai cousas que cambiar ou novas propostas a ter en conta para adaptarnos ás necesidades e demandas da cidadanía destes concellos”.