DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderán estabilizar a súa traxectoria profesional durante cinco anos

O Programa de Retención de Talento permite a catro investigadores continuar coa súa carreira na UVigo

Juan Galindo e Estefanía Paredes pertencen ao CIM e Sandra Rivas e Gustavo Bodelón, ao Cinbio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/11/2022

Dende que se puxo en marcha en 2015, o Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitiu fixar na institución preto de 40 investigadores e investigadoras que, doutro xeito, teríanse visto obrigados a continuar a súa carreira científica noutra institución. A convocatoria de 2022 permitirá reter na UVigo a catro novos científicos e científicas de diversas áreas do coñecemento que van dende a ecoloxía mariña ou a criopreservación ata os bioprodutos de interese industrial ou as aplicacións biolóxicas e biomédicas de nanomateriais. As e os seleccionados nesta edición son Juan Galindo e Estefanía Paredes, do Centro de Investigacións Mariñas, CIM-UVigo, e Sandra Rivas e Gustavo Bodelón, do Cinbio.

O obxectivo da UVigo con este programa é realizar un proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal de investigadoras e investigadores doutores que teñan desenvolvido a súa actividade investigadora posdoutoral na Universidade de Vigo ao abeiro de diferentes programas competitivos internacionais, nacionais ou autonómicos. O contrato formalízase por tres anos coa posibilidade de renovación por dous.

Juan Galindo

Juan Galindo, investigador do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética e do CIM-UVigo, leu a súa tese de doutoramento na UVigo en 2007 e, xusto despois, trasladouse á Universidad de Sheffield cun contrato Marie Curie de posdoutoramento de dous anos de duración. En 2009 conseguiu un contrato ligado a un proxecto e, finalmente, en 2011 regresou ao mesmo grupo no que realizou a súa tese ao abeiro da convocatoria Parga Pondal ata 2016. Dende ese momento enlazou varios contratos a cargo de proxectos do grupo ata que en 2019 conseguiu como investigador principal un proxecto tipo JIN (Jóvenes investigadores sin vinculación o con vinculación temporal) do Ministerio que rematou este mes de setembro. Agora, grazas ao Programa de Retención de Talento poderá continuar desenvolvendo o seu traballo na UVigo nos próximos anos “con algo máis de tranquilidade dende o punto de vista persoal e científico, porque me permite impartir docencia, solicitar proxectos de investigación como IP e facilítame a dirección teses, xa que representa maior estabilidade que o meu contrato anterior”. A medio prazo, Galindo recoñece que pode que esta sexa tamén unha oportunidade de estabilización na UVigo “porque este foi o caso doutros investigadores de convocatorias anteriores de retención de talento”. 

Galindo leva toda a súa carreira profesional centrado na mesma liña de investigación: os procesos de adaptación local e especiación en gasterópodos mariños. “Son un biólogo evolutivo que realiza estudos ecolóxicos e xenómicos en especies do xénero Littorina ("caramuxos") con fin de determinar a base xenética das adaptacións locais, que poden estar implicadas na evolución de barreiras reprodutivas, o que é fundamental ao longo do proceso de formación das especies”. Nesta nova etapa na UVigo centrarase en continuar traballando neste eido, que está intimamente relacionado con estudo da biodiversidade mariña e a interacción desta co cambio climático e outros efectos antropoxénicos.

Estefanía Paredes

Outra das castro persoas seleccionadas nesta convocatoria é Estefanía Paredes, tamén investigadora do CIM-UVigo, en concreto no Grupo Ecoloxía e Zooloxía. Experta en preservación funcional de recursos biolóxicos mariños, para ela este contrato supón unha “magnífica oportunidade” para consolidar  “a miña investigación na UVigo”, institución na que leva dende 2017, despois dunha estadía de tres anos nos Estados Unidos, na Universidade de Tennessee. Alí completou a súa formación no eido da criopreservación da man de Peter Marzur, un dos pais desta técnica, e cando regresou a Galicia fíxoo como líder dun paquete de traballo no Proxecto Assemble plus (H2020). Nos últimos anos desenvolveu a súa investigación ao abeiro dun contrato Juan de la Cierva de Incorporación. Agora, recoñece, a duración deste novo contrato permitiralle “presentar novos proxectos para acadar financiamento para continuar investigando en primeiro nivel e camiñar cara unha estabilización”. Os retos de Paredes pasan por seguir traballando para que o CIM siga a ser un “referente na criobioloxia mariña e achegarnos a modelos de organismos máis complexos coma larvas cun esqueleto, novos modelos coma os poliquetos ou embrións de peixes”. Ademais, engade, “estamos traballando no estudo da criopreservación de ovos de invertebrados mariños, que son imposibles de criopreservar ata o de agora, e que pretendemos criopreservar no futuro empezando por estudar e comprender os mecanismos de dano durante a conxelación actual para diagnosticar os puntos críticos que cómpre superar no futuro”.

Sandra Rivas

A investigadora do Departamento de Enxeñaría Química Sandra Rivas é outra das científicas beneficiadas por este programa de retención de talento. Tras rematar a carreira, en 2009 comezou a traballar na súa tese de doutoramento no grupo EQ2, do Departamento de Enxeñaría Química, cunha bolsa FPI. Unha vez presentada a tese acadou financiamento a través de diferentes bolsas e contratos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación, facendo estadías e traballando en Italia, Irlanda e Madrid, “para poder continuar coa miña traxectoria como investigadora e docente”. No ano 2020 regresou á UVigo, ao seu grupo de investigación de orixe na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, cunha axuda Juan de la Cierva Incorporación, contrato que remata este mes de decembro. 

O seu traballo céntranse na biorrefinería, coa optimización de procesos para o fraccionamento dos compoñentes principais da biomasa e o seu aproveitamento individualizado. O seu obxectivo é obter produtos de valor engadido con propiedades prebióticas e antioxidantes de interese para as industrias alimentaria e farmacéutica. Tamén investiga a obtención de builiding blocks como precursores doutros con interese industrial a partir da biomasa, que se postulan como unha alternativa sostible aos recursos non renovables.

Rivas considera que esta nova etapa que se abre “implica un paso adiante na miña traxectoria, despois de varios anos de incerteza respecto ás posibilidades de poder continuar a traballar no mundo da investigación. Espero que nos próximos anos poida acadar a estabilización, e así, ter a posibilidade de conseguir financiamento para novos proxectos, e ao mesmo tempo continuar con labores docentes”.

Gustavo Bodelón

Tamén investigador do Cinbio, Gustavo Bodelón González completa a listaxe de investigadores seleccionados no Programa de Retención de Talento. Doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular pola USC, tras varios anos formándose en Reino Unido, obtivo unha bolsa Juan de la Cierva para traballar no Centro Nacional de Biotecnoloxía-CSIC. Lembra que en 2012 foi “contratado polo profesor Luis Liz-Marzán na UVigo durante cinco anos para desenvolver un proxecto europeo centrado na detección de procesos de comunicación bacteriana mediante espectroscopía Raman aumentada por superficie”. Posteriormente, asinou un contrato de Investigador Emerxente de Centros Singulares da Xunta no Cinbio, onde veu colaborando co grupo de Química Coloidal liderado por Isabel Pastoriza e Jorge Pérez-Juste no desenvolvemento de aplicacións biolóxicas de nanomateriais. Actualmente é investigador principal junior do Cinbio, onde iniciou unha liña de investigación propia que ten como obxectivo desenvolver biosensores baseados en espectroscopía Raman aumentada por superficie para aplicacións biomédicas combinando ferramentas de bioloxía sintética e nanotecnoloxía.

Despois de dez anos na UVigo, o Programa de Retención permitiralle “continuar coa miña carreira e ofréceme a posibilidade de estabilización” ten xa a vista posta na solicitude de axudas para a Consolidación Investigadora da Agencia Estatal Investigadora.