DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de dúas iniciativas divulgativas a cargo de profesorado deste ciclo

O Programa Universitario de Maiores chega aos concellos de Ribadavia e Leiro

O obxectivo é expandir a súa actividade fóra das aulas e cidades universitarias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/11/2019

A actividade do Programa Universitario de Maiores prolóngase este mes fóra das aulas e das cidades universitarias a través de dúas iniciativas divulgativas que teñen como escenario os concellos ourensáns de Ribadavia e Leiro. A través delas, persoas maiores de 55 anos destas localidades poden por uns días achegarse á Universidade e á formación que nela se imparte para o colectivo sénior.

Co proxecto Mareas do Coñecemento

A primeira das actividade é a edición en Ribadavia da iniciativa Mareas de Coñecemento, da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, da que depende o Programa Universitario de Maiores. Tralo seu paso polos municipios do Baixo Miño e o Val Miñor, esta proposta chegou este mes ao concello ourensán seguindo o mesmo formato de tres seminarios cunha parte teórica de tres horas, impartidos na Casa da Cultura de Ribadavia,  e outra práctica da mesma duración. Os seminarios son impartidos por profesorado do Programa Universitario de Maiores do campus de Ourense e con contidos adaptados ás características da zona. Así, en diferentes sesións que arrancaron o 4 de novembro, Jose Manuel García Queijeiro falou do viño do Ribeiro, para posteriormente realizar unha visita ao Museo do Viño; Ana Cebreiros falou do románico en Ribadavia e guiou unha ruta pola zona monumental desta vila, e Julia de la Montaña pecha este mércores a actividade coa realización dunha ruta saudable por Ribadavia, tras ter ofrecido anteriormente unha sesión divulgativa sobre benestar, saúde e deporte.  

O obxectivo de Mareas de Coñecemento, indicouse no seu lanzamento, é achegar a Universidade e os seus estudos ás persoas maiores que, por calquera circunstancia, non puideron acceder no seu día á universidade ou a xente que si o fixo pero que quere aprender cousas novas ou reciclarse. Ademais, as actividades deste proxecto están dirixidas a persoas que non residen na contorna máis próxima aos campus e que polo tanto non se poden matricular no Programa Universitario de Maiores regulado, permitindo esta iniciativa achegar a universidade ao rural.

Co observatorio do rural

A segunda das iniciativas leva ao Programa Universitario de Maiores ao Concello de Leiro. Neste caso a actividade conta, ademais de coa implicación deste programa, do International Observatory of Rural Research, coordinado desde a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da institución académica co patrocinio da Deputación de Ourense. A formación, que se desenvolve os días 19, 20 e 21 de novembro, está conformada por tres sesións divulgativas impartidas polo mesmo profesorado que participou na actividade de Ribadavia pero con contidos adaptados a este concello. Así, José Manuel García Queijeiro falará de reciclaxe e medio ambiente, Ana Cebreiros do Ribeiro no Concello de Leiro e Julia de la Montada de alimentación e saúde.

Esta actividade en Leiro comparte os mesmos obxectivos que a de Ribadavia respecto á extensión das aulas do Programa Universitario de Maiores pero facendo fincapé neste caso nos obxectivos do International Observatory of Rural Research de levar a cabo accións de dinamización da contorna rural.