DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira das andainas terá como destino a vila portuguesa de Monçao

A programación de rutas culturais arranca entre 'dous ríos e dous países'

A cita será o sábado 19 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/10/2019

O sábado 19 de outubro arranca a programación deste curso académico das rutas culturais, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A primeira das once andainas previstas ten como título Ruta dous ríos, dous países. Monçao (Portugal) e será un percorrido sinxelo pola beira dos ríos Tea e Miño.

Cunha dificultade baixa e 18 quilómetros de itinerario, José García-Calvo, Willy, coordinador destes roteiros desde o campus de Ourense, sinala que o percorrido “non ten dificultade algunha, é todo por sendeiros e terreo plano”. “Levamos sete meses sen facer roteiros, desde que a programación do curso pasado rematou en maio, pero que a xente non se preocupe polo seu estado físico, a andaina é moi doada”, comenta o coordinador. Segundo explican desde a organización será unha andaina polos vales do Tea e Miño, discorrendo o percorrido de xeito paralelo e ao carón destes ríos, realizándose paradas interpretativas para coñecer o patrimonio cultural asociado ás guerras entre Galicia e Portugal, con visitas guiadas ás fortalezas de Salvaterra do Miño e Monçao. O percorrido rematará na vila portuguesa de Monçao visitando o seu Museu do Alvarinho.

Inscrición

A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro abrirase a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.