DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha “plataforma de forzas de baixo custo” feita con software e hardware libre

Un proxecto achega o alumnado ao uso de ferramentas tecnolóxicas na preparación física

A iniciativa busca mellorar as competencias do estudantado para deseñar programas de adestramento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/11/2020

Dotar ao alumnado das competencias necesarias para poder planificar e desenvolver un programa de adestramento dirixido a xerar unha mellora no rendemento das e dos deportistas é un propósito central da materia Metodoloxía e planificación do adestramento deportivo I, do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Nese obxectivo de definir un programa “para conseguir un determinado efecto e xustificalo fisiolóxica, biomecánica e comportamentalmente”, como explica Óscar García, profesor responsable da materia, resulta fundamental dispor de datos como os da forza ou presión que o deportista é capaz de exercer. Esta medicións, engade, poden levarse a cabo cunha plataforma de forzas, mais, dado o custo destes equipamentos, os futuros e futuras profesionais poden atopar tamén alternativas de baixo custo como os dispositivos de medición de presión elaborados con software e hardware libre que as e os estudantes da materia poñen a proba nestas semanas no marco dun proxecto de innovación educativa.

“Cando rematan a carreira, unha das súas saídas profesionais é ser preparadores físicos e, en moitos casos, non van ter a súa disposición unha plataforma de forzas, pero si a posibilidade de dotarse dun equipamento básico que lles permita ser un adestrador máis obxectivo”, salienta García. Achegar ao alumnado as novas tecnoloxías de control da carga de adestramento é de feito dun dos obxectivos deste proxecto, seleccionado na convocatoria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para o presente ano e dirixido tamén á elaboración de diferentes ferramentas que faciliten a asimilación dos contidos da materia e a súa transferencia ao futuro desenvolvemento profesional. Coordinado por García, o proxecto no que participan tamén os investigadores Javier Carballo, Tania Álvarez, José María Cancela, Helena Vila, Emerson Ramírez, Alba Cuba e Mario Iglesias comprendeu tamén con esa idea a elaboración de pílulas educativas en vídeo, dun mapa conceptual da materia ou dun caderno de prácticas. 

Tecnoloxías que pór a proba

Unha das accións inseridas no proxecto é promover que o alumno poña a proba a “plataforma de forzas de baixo custo” desenvolvida por Carballo con software e hardware Arduino. Trátase, como explica este investigador, dunha peza construída con dúas placas condutivas e unha resistencia central, que impide que a corrente pase dun lado a outro salvo que a lámina se deforme pola presión ou por un impacto. Como sinala Carballo, “canta máis presión se faga, máis voltios pasarán”, e estas variacións rexístranse á súa vez, grazas a un microcontrolador e un programa de software libre, nunha serie de “valores”, dos que se pode calcular, situando sobre as láminas un determinado peso, a súa equivalencia en quilos. Trátase, como recolle a memoria do proxecto, “dun modelo moi sinxelo” co que o alumnado “pode explorar a forza xerada nun salto ou nun determinado xesto deportivo” e que, como apunta García, “evidentemente, non ten a fiabilidade dunha plataforma, pero si que cuantifica moi ben calquera presión, o que permite calcular algo que non podes medir habitualmente”. 

Co obxectivo de que poidan probar o seu funcionamento, repartíronse entre as e os estudantes da materia unha vintena destes dispositivos, á vez que se lles achegou “unha guía moi básica”, que lles permita o seu uso “configurando moi poucas cousas”, como explica García, que matiza non obstante que a idea é tamén que, en función dos seus intereses, o alumnado poida avanzar no manexo desta tecnoloxía e mesmo probar a elaborar os seus propios dispositivos.

Pílulas en vídeo e mapas conceptuais

Co obxectivo de “mellorar o proceso de ensinanza e aprendizaxe” da materia, o proxecto de innovación abrangue así mesmo outra serie de iniciativas como a elaboración de “pílulas docentes” en vídeo relacionadas con contidos da materia, como, por exemplo, a levada a cabo coa colaboración do club de ximnasia acrobática Flic Flac, que lles permitirá amosar ao alumnado, dun xeito visual, “os métodos de desenvolvemento da flexibilidade con ximnastas de alto nivel”. 

Outras das accións levadas a cabo foron a elaboración dun mapa conceptual da materia, que permite achegar ao alumnado unha “visión de conxunto” dos múltiples factores que deben ter en conta na organización da carga de adestramento, así como dunha “árbore de toma de decisións”, dirixida a guialos na “construción dun programa de adestramento e na súa avaliación”, explica García. Tamén forman parte deste proxecto a preparación dun glosario de terminoloxía específica de adestramento deportivo en inglés e a elaboración dunha nova versión do caderno de prácticas da materia, que permita ao alumno elaborar, en base aos indicadores obtidos por eles mesmos nas prácticas, o seu perfil de rendemento en cada capacidade condicional.