DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa ten como investigador principal ao catedrático José Fernández Seara

Un proxecto analizará a influencia das sondaxes de xeotermia na difusión do gas radon

Tamén buscará a mellora dos sistemas de climatización baseados na calor da terra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/02/2019

A mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e a análise da influencia das sondaxes xeotérmicas na difusión do gas radón. Con estes dous obxectivos xerais presentouse este luns no campus de Ourense o Proxecto Geo4radon, unha iniciativa na que participan cinco empresas e que ten como investigador principal a José Fernández Seara, catedrático do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos da Universidade de Vigo. Nel abórdase por primeira vez, segundo os seus promotores, a relación entre a xeotermia e o gas radon, dúas cuestións moi presentes en Galicia pola súa xeoloxía granítica.

O proxecto está liderado pola construtora Extraco e conta coa participación das empresas Conexiona, Galaicontrol, Megodeza e Renga Enerxía. Iniciado en 2018, está previsto que se desenvolva ata setembro de 2020, contado cun orzamento total de 819.200 euros e unha subvención da convocatoria da Axencia Galega de Innovación Conectapeme 2018 de 444.320,00 euros, cofinanciados nun 80% por Fondos Feder da UE. Javier Prego, coordinador do Departamento de I+D+i de Extraco, salientou como esta iniciativa “estudará o gas radon desde un punto de vista que antes non se enfrontou como é vinculado aos pozos de extracción de enerxía xeotérmica”, destacando tanto o potencial económico da xeotermia en Ourense e Galicia como o impacto do gas radon na saúde. A iniciativa, indicou, ten ademais o valor engadido de que “serve para conectar o tecido empresarial de Ourense coa Universidade de Vigo”.

Catro obxectivos

“O subsolo galego é fundamentalmente granito. O granito ten dúas consecuencias. Para as instalacións de xeotermia é moi positivo, porque os sistemas de captación son moi eficientes, pero ten un inconvinte, que se temos granito temos unha alta concentración de gas radon residencial no interior das vivendas”, explicou pola súa banda José Fernández Seara. Neste contexto, o promotor da idea deste estudo sinalou como o obxectivo de Geo4radon é mellorar os sistemas de climatización con bomba de calor xeotérmica considerando que estes sistemas son “sen dúbida actualmente os máis eficientes, máis fiables desde o punto de vista enerxético pero tamén desde o punto de vista económico e desde o punto de vista de redución de emisións de CO2”. A pesar de ser os sistemas referentes no norte de Europa, no sur, indicou, a súa implementación atópase coa barreira dos costes asociados á captación.

Tendo en conta estes factores, o proxecto proponse catro obxectivos, os tres primeiros centrados na mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e un cuarto centrado no papel do radon. O primeiro destes obxectivos de Geo4radon, explicouse na súa presentación, é estudar de forma experimental a influencia entre sondaxes e campos de captación de xeotermia entre si, desenvolvendo un software de control específico que poida predicir esta influencia, controlándoa e minimizándoa. O segundo é estudar a posibilidade de utilizar outras fontes de enerxía renovablesa, concretamente a enerxía solar térmica e aerotérmica, para a recarga do terreo e a súa incorporación no circuíto de captación de bombas de calor xeotérmicas. A estes retos únese o de desenvolver bombas de calor xeotérmicas de alta potencia e prestacións melloradas, non dispoñible actualmente no mercado, que posibiliten a captación de enerxía xeotérmica a altas temperaturas.

O cuarto obxectivo que se propón este proxecto é analizar a posible influencia das sondaxes xeotérmicas na difusión do gas radon, desde o subsolo, onde se xera, ata a superficie, estudando se a presenza das sondaxes afecta á concentración deste gas en superficie, determinando como varía en función dos diferentes tipos de sondaxes, recheos, etc. En Galicia, detallou Fernández Seara, o subsolo é fundamentalmente granito, xerándose radon que sube por difusión á superficie. Se a saída á superficie está aberta o radon disípase pero se enriba se constrúe por exemplo unha casa non pode saír e acaba acumulándose nas zonas baixas e entrando na edificación por fendas. Segundo explicou o experto, se hai fracturas no granito o radon emprega esa fractura como vía preferente de saída e tendo en conta que “unha sondaxe de xeotermia é algo similar a unha fractura”, “o que queremos saber neste proxecto é se as sondaxes son camiños preferentes do radon”. “É algo sobre o que non hai datos, non hai estudos” pero, afirmou, “é unha posibilidade que está aí”. En Galicia, lembrou, o 49,3% das vivendas están expostas a concentracións de radon por riba do baremo de referencia de 100 Bq/m3.

Estudo experimental

Aínda que contempla algunha parte teórica e de desenvolvemento de software, o catedrático da Universidade de Vigo explicou como o estudo será principalmente experimental, construíndo tres instalacións e analizando o seu comportamento real. Así, o proxecto contempla a execución de campos xeotérmicos nos que se incluirán distintos tipos de sondaxes con distintos tipos de recheos; unha instalación de captadores solares térmicos e un aerotermo que permita captar enerxía solar e aerotérmica e a súa inxección nas sondaxes ou directamente no sistema de captación da bomba de calor; e unha instalación con bomba de calor xeotérmica reversible de alta potencia que permita a captación de enerxía a alta temperatura. As medidas da concentración do gas radon levaranse a cabo nas bocas e contornas dos distintos tipos de sondaxes que se farán para avaliar a súa influencia na difusión deste gas desde o subsolo á superficie.