DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O departamento de software de voo xa creou os primeiros algoritmos do sistema informático

O proxecto BIXO avanza coa fabricación do primeiro prototipo do cubesat e o inicio dos experimentos biolóxicos 

Ata o 28 de marzo estudantes de calquera titulación poderán incorporarse a UVigo SpaceLab

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 10/03/2022

BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment), a misión biolóxica desenvolvida por UVigo SpaceLab, que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial co lanzamento dun satélite, avanza seguindo os estándares European Cooperation for Space Standardization (ECSS), dos que forma parte a Axencia Espacial Europea. Cando restan pouco máis de dous meses para que se cumpra o primeiro ano de vida do proxecto, o alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo que integran UVigo SpaceLab “xa preparou a arquitectura do sistema e as interfaces do satélite para poder leva a cabo a finalización dos requisitos para continuar centrándonos no deseño detallado e a fabricación”, explica o director do proxecto, Manuel Diz Folgar. En canto á estrutura do satélite, os promotores do proxecto xa dispoñen do primeiro prototipo fabricado do cubesat de dúas unidades, e nos próximos meses comezarán a súa validación e ensaios no Campus Auga de Ourense coa mesa de vibracións e a cámara de termobaleiro.

Así mesmo, o equipo xa comezou os experimentos biolóxicos traballando co Cinbio en procedementos para garantir a seguridade dos microorganismos e implementalos como carga útil do satélite. “Por outra banda, o noso departamento de software de voo creou os primeiros algoritmos do sistema informático seguindo os estándares da Axencia Espacial Europea para procesar datos e controlar a plataforma”, detalla Diz, que engade que os primeiros algoritmos do subsistema de control de actitude do satélite que determinan a súa posición na órbita e permiten modificar a súa orientación, desenvolvéronse con Matlab, “o que nos permite redireccionar e rotar en todos os seus eixes o noso satélite para apuntar a estación terrea e descargar os seus datos”.

A previsión do equipo é que a finais de ano estean preparados varios subsistemas para o seu ensaio e validación e que o satélite estea listo para o ser lanzado a finais de 2023. “Non obstante, por mor dos problemas de aprovisionamento dalgúns compoñentes e a situación xeopolítica, que está saturando os lanzamentos espaciais co bloqueo dos foguetes Soyuz, pode que isto provoque algúns retrasos”, advirte o director do proxecto.

Próxima inauguración da estación terrea e ampliación do equipo

Entre as próximas consecucións de UVigo SpaceLab destaca a inauguración da estación terrea de Banda S, un traballo que se iniciou en agosto do ano pasado e que previsiblemente rematará a mediados deste 2022. “A Universidade contaba cunha parabólica de 1,8 metros que se empregaba para a descarga de partes meteorolóxicos de satélites NOAA (National Oceanic and Atmospheric Administration). Ao ver que había cinco anos que non se utilizaba, puxémonos mans á obra para reemplazar toda a electrónica e instrumentos de radiofrecuencia. Todo isto permitiranos dispoñer dun enlace satelital para a nosa misión BIXO no que poderemos descargar as imaxes e telemetría”, explica Diz.

Por outra banda, o equipo está inmerso nun novo período de ampliación no que calquera estudante de calquera titulación que se imparta nos tres campus da UVigo poderá incorporarse a UVigo SpaceLab. “Ata o 28 de marzo, desde enxeñerías, ata bioloxía e química, pasando por ADE e Ciencias Xurídicas poderán presentarse. Isto foi un gran salto respecto doutras ampliacións, posto que o anterior ano só dispoñiamos de prazas para enxeñarías”, lembra o director do proxecto, que recoñece que pola complexidade da misión, que abarca desde contabilidade a estruturas, pasando por bioloxía e telecomunicacións, decidiron buscar novos perfís para incorporar o equipo.

Unha vintena de empresas colaboradoras e abertos a máis incorporacións

22 empresas de diferentes sectores (ensamblaxe de circuítos impresos, Star electrónica; desenvolvemento de chips biolóxicos, BFlow; impresión de lonas de gran formato, Grupo CDEC…) apoian o proxecto, ao que tamén se sumou Alen Space, spinoff da UVigo, e que está aberto a novas colaboracións, “xa que un proxecto desta magnitude sempre require unha continúa incorporación de empresas que queiran forma para da revolución do New Space”, explica Manuel Diz, que tamén destaca a renovación do patrocinio de UARX Space, provedor de servizos de lanzamentos espaciais.

Transcorrido case un ano do inicio do proxecto, os e as integrantes do equipo considérano como unha oportunidade para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o grao, dando incluso un paso máis aló obtendo novas visións desde o sector empresarial. “Desde a nosa perspectiva o máis positivo é adquirir unha visión transversal, a parte de poder colaborar con outros alumnos de distintas titulacións dos campus, xerando una visión distinta, tanto de proxecto, como de equipo”, sinala Manuel Diz.