DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un dos 14 beneficiarios da súa primeira convocatoria de bolsas de docencia

Un proxecto divulgativo sobre medición do ozono acada o apoio da European Geosciences Union

Está coordinado polo investigador do grupo Ephyslab Juan Antonio Añel

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Transferencia
DUVI Ourense 24/09/2020

A European Geosciences Union (EGU), organización referente na investigación nos campos das ciencias da terra, planetarias e espaciais, convocou por primeira vez este ano un programa de bolsas co obxectivo de financiar a elaboración de recursos didácticos para a docencia das xeociencias no eido universitario. Entre os 14 beneficiarios da súa primeira convocatoria está un proxecto da Universidade de Vigo liderado polo investigador do grupo Ephyslab Juan Antonio Añel e que ten como obxectivo divulgar como se realiza a medición de ozono.

Sendo un dos obxectivos da EGU e das entidades asociadas a ela en todo o mundo fomentar a investigación no eido das xeociencias, a entidade convocou este programa “tras detectar nunha enquisa a docentes universitarios unha forte demanda de recursos didácticos en xeociencias”, segundo explica a propia organización. Atendendo a esta demanda, a convocatoria realizada pola European Geosciences Union, chamada Higher Education Teaching Grant Programme, realizada pola European Geosciences Union está destinada a facilitar a elaboración de recursos didácticos dispoñibles gratuitamente para o profesorado que imparte docencia de xeociencias no eido da educación superior. En total, a entidade concedeu 14 subvenciones a iniciativas que abranguen 16 países dos cinco continentes “coa esperanza de que os recursos producidos sexan útiles para a comunidade docente universitaria na súa resposta aos importantes desafíos educativos que prantexa a pandemia de coronavirus”.

Material sobre o método de Schönbein

Liderando a proposta da UVigo está o investigador do grupo Ephyslab (Environmental Physics Laboratory), do CIM-UVigo, Juan Antonio Añel, contando coa colaboración do UCIBIO da Universidade Nova de Lisboa (Portugal) a través do investigador de postdoutoramento Antonio Cid. Aínda que a contía económica do premio é reducida (750 euros, o máximo concedido pola EGU), o profesor destaca “a honra de ser un dos 14 proxectos seleccionados” neste programa. “Estamos moi contentos, porque aínda que o importe económico é testemuñal é un recoñecemento ao labor de investigación sobre ozono e de divulgación e transferencia de coñecemento que facemos desde Ephyslab e tamén ao traballo de innovación docente que realizamos no marco do grupo de innovación docente Hipatia”, comenta o responsable da iniciativa. A convocatoria da European Geosciences Union, engade, “resultou ser un premio moi competitivo e moi internacional e compartimos honra con proxectos galardoados de institucións moi prestixiosas como a London School of Economics, a National Taiwan University ou a North Carolina State University de Estados Unidos”.

Segundo explica Juan Antonio Añel, decidiron presentarse a esta convocatoria porque “tiñamos unha idea boa e atractiva” e traballo xa feito e publicado que podía avalar a candidatura. O proxecto financiado, titulado Práctica de medición de ozono no laboratorio utilizando o método de Schönbein, detalla o seu responsable, permitiralles realizar “material educativo en vídeo para mellorar a comprensión do ozono e a contaminación atmosférica”. Concretamente, sinala, desenvolverán “unha actividade de xeración de material didáctico para aprender a medir o ozono atmosférico usando unha técnica moi sinxela e barata, que é un método que historicamente se usaba no século XIX, o método de Schönbein”. Os contidos tamén abarcarán a comparación entre diferentes métodos de medición do ozono e o material audiovisual que realizarán irá acompañado da correspondente documentación explicativa e será difundido en tres linguas, en galego, castelán e inglés.

O proxecto desenvolverase ata abril de 2021. Os materiais resultantes de cada proposta financiada poranse posteriormente en liña para a súa descarga de balde “como parte da iniciativa de European Geosciences Union para proporcionar materiais didácticos innovadores ao profesorado universitario de xeociencias de todo o mundo”.