DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes pechou máis de tres anos de traballo internacional cun evento virtual

O proxecto EBB presenta as súas propostas para a xestión unificada dos principais biobancos mariños de Europa

Entre outros avances, desenvolveron un catálogo en liña para a busca de recursos biolóxicos mariños

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/03/2021

As coleccións de cultivos e os biobancos de recursos biolóxicos mariños son ferramentas poderosas para a preservación da biodiversidade mariña e o uso sostible dos recursos dos océanos. Pero para que o seu funcionamento sexa máis sinxelo e fluído é necesaria unha coordinación transnacional, que é o obxectivo principal do proxecto European Blue Biobank (EBB), liderado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e enmarcado na Infraestrutura Europea á que pertence, EMBRC (European Marine Biological Resource Centre). 

Tras máis de tres anos de traballo, o proxecto celebrou este martes o evento de peche no que se presentaron os resultados obtidos ás estacións mariñas de nove países que conforman a EMBRC, aos diferentes biobancos e coleccións de cultivo de Europa e ao sector industrial e académico interesado no acceso sostible e xusto á biodiversidade mariña.

Daniel Rey, director do CIM, foi o encargado de dar a benvida ó acto e convidou ás persoas participantes a coñecer as instalacións de investigación mariña da UVigo cando a situación sanitaria o permita. Rey remarcou a importancia que ten para a UVigo este proxecto “no que participan 20 entidades de diferentes países para traballar na coordinación transnacional dos biobancos mariños e que pode traducirse nun incremento da diversidade e calidade dos recursos biolóxicos mariños dispoñibles para a comunidade científica”. Jesús Souza Troncoso, investigador principal do proxecto, agradeceu ao equipo de coordinación de EBB as tarefas realizadas durante este tempo de execución do proxecto, mentres Fiz da Costa, membro do equipo de coordinación de EBB, foi quen presentou o legado que o proxecto EBB vai deixar á comunidade de EMBRC. 

Un consorcio de 20 socios de seis países

O proxecto EBB comezou a súa andaina en 2017, cun orzamento de 1.5 millóns de euros, e converténdose no primeiro proxecto financiado pola convocatoria Interreg Atlantic Area liderado pola Universidade de Vigo. A principal misión do consorcio era sentar as bases para unha xestión unificada dos principais biobancos mariños de Europa e avanzar na xestión acorde á normativa vixente de Access & Benefit Sharing (ABS) e as regulacións derivadas do Protocolo de Nagoya. 

Para isto, o CIM coordinou o traballo desenvolvido por 20 socios de seis países diferentes, entres eles, as principais coleccións de cultivos mariños mundiais situadas en Noruega, Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal; catro clústeres de biotecnoloxía mariña de España, Francia, Portugal e Reino Unido; tres empresas con actividade no campo da biotecnoloxía mariña e as administracións competentes en España, Portugal e Reino Unido en materia de acceso aos recursos xenéticos.

O proxecto consolidouse como a primeira iniciativa mundial de coordinación transnacional de biobancos mariños, respondendo a unha demanda da comunidade científica que, para desenvolver o seu traballo, precisa recoller mostras en todo o mundo ou ben solicitar préstamos de museos, universidades ou estacións mariñas. A xestión deste proceso pode resultar complexa, xa que cada país ten as súas propias regras e protocolos e de aí xorde a necesidade de desenvolver novas tecnoloxías e protocolos comúns para o mantemento ex-situ, é dicir, fóra dos seus ambientes naturais, de recursos biolóxicos mariños e de harmonizar os xa existentes para que os diferentes biobancos traballen de maneira coordinada baixo o selo de Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.

Os resultados: unha base de datos, un sistema de xestión, un manual e unha guía

A xornada de peche, baixo o título Symposium on Biobanks and Marine Diversity, serviu para presentar os principais produtos obtidos no marco do proxecto. Como explicou Fiz da Costa, membro do equipo de coordinación de EBB, entre os principais avances está a base de datos TRACE, un catálogo en liña para a busca de recursos biolóxicos mariños que poden ser subministrados polo biobanco de EBB . “O amplo repertorio de recursos cos que conta este biobanco virtual procede da suma dos recursos aportados por cada un dos biobancos e coleccións que conforman EBB”. 

Por outra banda, avanzaba tamén Da Costa, ao longo destes anos desenvolveuse unha ferramenta para xestionar e dar acceso aos datos de mostraxes e mantenza de recursos biolóxicos, bautizada como TRACK. O consorcio tamén deseñou un manual no que se recolle unha completa guía de boas prácticas para que as coleccións e biobancos poidan cumprir coa lexislación de ABS e unha guía paso a paso destinada a usuarios finais (academia e industria) que facilita o acceso aos recursos xenéticos mariños cumprindo coa lexislación ABS.

Os investigadores recalcan que “parte dos resultados e produtos xerados neste proxecto terán unha vida máis longa dentro da EMBRC, sendo este o legado que o proxecto EBB deixará a esta infraestrutura europea de investigación mariña. A guía de boas prácticas destinada a coleccións e biobancos foi adoptada por EMBRC, e será enviada a Comisión Europea para a súa inclusión no rexistro europeo de boas prácticas de ABS”.