DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O H2020 difundirá o patrimonio que rodea ás grandes vías de peregrinación europeas

O proxecto europeo de divulgación do patrimonio cultural rurAllure bota a andar 

Representantes das 16 organizacións que o integran mantiveron varias reunións de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 05/03/2021

A descrición xeral do proxecto, así como dos pilotos que o integran e das contribucións dos socios, centraron as tres xornadas de traballo que celebraron as e os representantes das organizacións e institucións de investigación europeas que integran o proxecto internacional rurAllure. Liderado pola Universidade de Vigo e cun financiamento de 3 millóns de euros procedentes do programa H2020 da Comisión Europea, rurAllure ten como obxectivo da divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. Na xuntanza de traballo, que se celebrou de xeito virtual, e coa que se inaugurou oficialmente o arranque do proxecto, o representante da Axencia Executiva de Investigación da Comisión Europea, Hinano Spreafico, destacou a importancia da cooperación e a innovación no sector do patrimonio e o turismo.

O proxecto de fomento da cooperación cultural e turismo sostible na contorna das rutas de peregrinación europeas: o Camiño de Santiago, as de peregrinación a Roma, a de San Olaf en Escandinavia e a Ruta Mariana de centro Europa, aproveita as novas tecnoloxías para promover museos e enclaves patrimoniais do medio rural, mellorando a simbiose entre a contorna rural e as rutas para enriquecer a experiencia dos turistas cun vasto patrimonio cultural que a miúdo pasa desapercibido. 

Desenvolvemento dos proxectos piloto

 Cada un dos pilotos do proxecto céntrase nun tipo particular de patrimonio ao longo dunha ruta de peregrinación. Así, investigación sobre as rutas do Camiño de Santiago estará centrada no patrimonio literario e será xestionada pola UVigo, Fundación Uxío Novoneyra, a Câmara Municipal de Vila do Conde, a Universidade Autónoma de Madrid e a Universidade da Coruña. Pola súa banda, o piloto dirixido pola Universidade de Boloña investigará o patrimonio termal ao longo das rutas de peregrinación a Roma, a Vía Francígena, a Vía Romea Strata e a Vía Romea Xermánica, xunto coa Universidade de Padua e a Universidade Iuav de Venecia, a Asociación Europea das Vías Francígenas e a Fundación Homo Viator San Teobaldo. 

No caso da ruta de San Olaf en Noruega será investigada desde unha perspectiva etnográfica pola Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía. Finalmente, o patrimonio natural da Ruta Mariana, unha vía de peregrinación que atravesa Hungría, Eslovaquia e Romanía, será estudado pola Axencia de Desenvolvemento Informático do Goberno húngaro, a asociación benéfica Mária Út, a Universidade Eslovaca de Tecnoloxía e a Universidade Comenius en Bratislava.

Xunto á Universidade de Vigo, completan a relación de socios de rurAllure: GVAM Guías Interactivas S.L. (ES), Universidad Autónoma de Madrid (ES), Fundación Uxío Novoneyra (ES), Universidade da Coruña (ES), Câmara Municipal de Vila do Conde (PT), Kormányzati Informatikai Fejlesztési Ügynökség (HU), Mária Út Közhasznú Egyesület (HU), Comenius University in Bratislava (SK), Slovak University of Technology in Bratislava (SK), Università degli Studi di Padova (IT), Fondazione Homo Viator San Teobaldo (IT), Associazione Europea Vie Francigene (IT), Università degli Studi di Bologna (IT), Norwegian University of Science and Technology (NO) e Università Iuav di Venezia (IT).