DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está liderada desde a UVigo por David Fernández Calviño

O proxecto europeo SoildiverAgro crea unha rede para achegar aos agricultores os seus avances en técnicas de cultivo sostibles

22 socios están a analizar 90 sistemas agrícolas en nove rexións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 09/12/2021

No ano 2019 botou a andar o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Nel, 22 socios, liderados pola Universidade de Vigo, están a analizar 90 sistemas agrícolas en nove rexións europeas. Cos primeiros estudos de campo xa realizados, o proxecto pon en marcha unha rede para achegar aos agricultores os seus avances en técnicas de cultivo sostibles e implicalos no seu uso.

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE. Liderada desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, a iniciativa, que se desenvolverá ata maio de 2024, conta coa participación de 22 socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.

Da investigación á aplicación real

O proxecto, lembra o seu responsable, céntrase na adopción de novas prácticas de xestión e sistemas de cultivo que melloren a xenética do solo e a biodiversidade funcional para reducir o uso de insumos externos (como fertilizantes, funxicidas, auga e combustible) ao tempo que aumente a produción e a calidade dos cultivos, a prestación de servizos ecosistémicos e a estabilidade agrícola e a resiliencia da UE. “Estamos testando distintas técnicas de manexo en campo e a idea fundamental é que, a través desta rede, agricultores das zonas onde estamos facendo os ensaios adopten tamén as prácticas que demostren a súa utilidade e se acaben así estendendo”, comenta David Fernández Calviño, investigador da Área de Edafoloxía e Química Agrícola.

Segundo  indican desde o proxecto, o obxectivo é que a rede estea formada por diferentes axentes interesados na xestión de agroecosistemas e ramificada segundo as diferentes zonas de estudo. A creación deste instrumento, engaden, “será esencial para garantir que as ferramentas desenvolvidas para mellorar a xestión da biodiversidade do solo se sigan utilizando máis aló da duración do proxecto e se perfeccionen nas explotacións agrícolas unha vez que SoildiverAgro finalice”. Os coordinadores de cada país serán os encargados facer partícipes aos axentes que participan en cada rama rexional da rede dos avances acadados, de avaliar os seus intereses e de axudarlles no proceso de implantación dos sistemas.

No caso de Galicia, explica Fernández Calviño, os traballos de campo céntranse na zona da Limia, en diversas parcelas nas que “estamos probando melloras nas rotacións de cultivos; nos sistemas biolóxicos de control de pragas; no uso de micorrizas para substituír fertilizantes e nos sistemas de alertas de pragas para reducir o uso de funxicidas”. Na actualidade, apunta, están analizando os resultados do primeiro ano de ensaios. “As outras zonas de Europa que participan en SoildiverAgro xa van máis avanzadas ca nós, porque durante a pandemia xa puideron, ao contrario que nós, comezar cos ensaios”, apunta o líder do proxecto. Unha vez rematada a análise dese primeiro ano, engade o seu responsable, comezará a reunión cos agricultores da zona para “explicarlle o que estamos facendo e tratar de convencelos para que comecen a empregar as técnicas probadas con bos resultados”, comezando así a desenvolver a rede local de SoildiverAgro na zona da Limia. Participar nesta rede, engade por último David Fernández, “pode axudarlle aos agricultores de cada zona a usar novas técnicas que lle van a permitir reducir custes e sobre todo facer unha agricultura máis sostible”. Na web do proxecto, indican os seus responsables, os axentes e agricultores interesados poden informarse sobre como unirse a esta rede.