DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado pola UVigo, participan Extraco, Megodeza, Conexiona Telecom, Galaicontrol e Renga Enerxía

O proxecto Geo4Radón presenta o prototipo dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica que usa diferentes tipos de renovables

Tamén realizaron un estudo pioneiro sobre a concentración do gas radon nos pozos de captación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/03/2021

O proxecto Geo4radón rematou case tres anos de traballo coa presentación esta semana do prototipo final dun sistema de aproveitamento de enerxía xeotérmica. A súa principal innovación é que integra nun único dispositivo diferentes tipos de enerxías renovables, en concreto, enerxía aerotérmica e solar térmica.
O proxecto, enmarcado na convocatoria Conectapeme, botou a andar en abril de 2018 cun orzamento total de 819.000 euros e unha subvención da Axencia Galega de Innovación de 444.320, cofinanciados nun 80% por fondos Feder da UE. Respondendo aos requisitos desta convocatoria de axudas, no proxecto uniron as súas forzas o tecido de I+D público, representados pola Universidade de Vigo, e cinco empresas da contorna: Extraco, Megodeza, Conexiona Telecom, Galaicontrol e Renga Enerxía. O obxectivo inicial era traballar na predición e mellora dos sistemas de climatización xeotérmica e análise da influencia das sondaxes na difusión do gas radon. O catedrático da UVigo José Fernández Seara coordinou o traballo do consorcio, que pola parte da Universidade estivo centralizado no Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos.

Un único dispositivo con diferentes enerxías renovables

Cando o proxecto Geo4radón botou a andar, os membros do consorcio fixáronse como obxectivo a construción dun sistema unificado que recollese, a través dunha bomba de calor, a enerxía xeotérmica da terra, e que estivese dotado de ferramentas para a recarga enerxética dos pozos dos que se extrae esa enerxía, a través de aerotermos e enerxía solar. En paralelo, tamén quixeron analizar a presenza de gas radon nos pozos, a través do estudo da influencia entre as perforacións xeotérmicas e a súa difusión no medio ambiente, por mor deste tipo de obras.

Agora, o prototipo resultante presentado esta semana reúne todas esas características. Por unha banda, como explica Francisco Javier Prego, coordinador do Departamento de I+D+i de Extraco, “incorpora unha bomba de calor de alta potencia e prestacións melloradas, capaz de mobilizar estas enerxías “limpas”, optimizando o aproveitamento dun tipo ou doutro de enerxía, posibilitando a recarga dos pozos de captación, en función da dispoñibilidade enerxética e da súa eficiencia ao longo do tempo”. Fronte ás bombas de calor convencionais, a bomba desenvolvida no proxecto emprega como gas refrixerante o propano, evitando o uso de outros gases convencionais, moi contaminantes. 

Por outra banda, o proxecto incluíu tamén un estudo pioneiro sobre a concentración e difusión do gas radon nos pozos de captación xeotérmica, analizando a influencia que teñen aspectos tales como a localización dos pozos, os campos de temperaturas, os tipos de sondaxes e os materiais de recheo empregados na súa construción.  “Trátase dunha análise moi novidosa, xa que os pozos de enerxía xeotérmica son potenciais vías de acceso do radon aos edificios, un gas con elevada presenza en todo o subsolo de Galicia”.

Geo4Radón completouse con un sistema informático de xestión integrada, que controla  a totalidade do prototipo e analiza a influencia entre pozos de xeotermia localizados en campos de captación adxacentes. 
O funcionamento conxunto do sistema-prototipo de Geo4Radón e os diferentes resultados obtidos foron validados experimentalmente, a escala real, en campos de captación xeotérmica construídos en Ourense, ex profeso para o proxecto. 

Agora, unha vez rematado o proxecto e desenvolvido o prototipo, Javier Prego explica que “as empresas participantes están valorando diversas fórmulas para unha futura comercialización dos resultados, adaptando o modelo ás necesidades do mercado”.