DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Comité Ambiental aprobou un plan de acción con preto de 60 medidas

O proxecto Green Campus define a súa folla de ruta para este curso

Na xuntanza participou a responsable do programa en España

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/10/2018

Desde finais de 2015, ondea no campus da Xunqueira a bandeira verde coa que Foundation for Environmental Education (FEE), a través da asociación Adeac (Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor), distingue o labor en materia de educación e xestión ambiental de universidades e facultades. Un estandarte que é o resultado do proxecto Green Campus impulsado desde o campus pontevedrés, que este mércores definiu a súa folla de ruta para a presente curso, coa aprobación por parte do seu Comité Ambiental dun plan de acción que reúne preto de 60 medidas dirixidas a fomentar a optimización do consumo enerxético, o correcto tratamento dos biorresiduos, a mellora da mobilidade e accesibilidade ou a promoción dun consumo responsable entre a comunidade universitaria.

Representantes das diferentes facultades, escolas e servizos da Universidade, así como de diferentes colectivos participaron na xuntanza celebrada na Vicerreitoría do campus, que contou tamén coa participación de Ana Pérez, responsable de Green Campus na Adeac, a asociación que se encarga de xestionar en España este programa internacional. “Para nós o papel que ten o medio ambiente dentro do campus é fundamental”, salientou o vicerreitor, Jorge Soto, ao inicio dunha reunión na que insistiu no compromiso da institución académica “cunha xestión medio ambiental adecuada desde a educación, a cultura, a concienciación” ou o aforro enerxético. Nese senso, Soto avogou por integrar a diferentes colectivos é a cidadanía “nun proceso que vai ir a máis e no que, a medio e longo prazo, Pontevedra vai ser un referente a nivel nacional”.

Con ese propósito, no presente curso súmanse a este Comité Ambiental, do que xa formaban parte colectivos como Vaipolorío ou a asociación Amizade, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Círculo Mercantil, así como a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade. O propósito, engadiu Carlos Souto, director do Green Campus e Campus Crea, “é non só seguir adiante co proxecto senón impulsalo, reforzalo e facer todo o posible por impulsalo porque nos parece fundamental e que ten un beneficio sobre o campus e tamén sobre a sociedade”. 

Un plan “factible” con preto de 60 medidas

Con ese propósito precisamente, o Comité Ambiental aprobou nesta xuntanza un plan de acción que, “á espera de recibir as suxestións que poida realizar a Adeac”, reúne preto de 60 medidas propostas tanto desde a Vicerreitoría como polas comisións ambientais coas que contan as diferentes facultades e escolas, así como por algunhas das asociacións e colectivos que tamén forman parte do comité. “Evidentemente non se poderán cumprir ao 100%, pero o que estamos propoñendo é factible, son medidas accesibles”, salienta Souto dun documento que servirá como guía de traballo entre o que figuran accións dirixidas á optimización do consumo enerxético, “por exemplo continuando coa substitución de luminarias por luces LED nos centros”, así como a promoción da mobilidade e accesibilidade a través de accións como a ampliación do carril-bici, unha obra que comezará nas próximas semanas; ou o impulso de rutas botánicas e cardiosaudables. Por outra banda, Souto incidiu no propósito de “mellorar os hábitos de consumo” entre a comunidade universitaria, “especialmente no relativo á alimentación”, así como no obxectivo, no referido ao adecuado tratamento dos residuos, de instalar no campus, coa colaboración do Concello e a Deputación, un terceiro composteiro que permita “asumir toda a carga de biorresiduos xerados no campus”. Así mesmo, o director do Green Campus tamén salientou, desde unha óptica transversal, a importancia de “fomentar a cooperación coa sociedade de Pontevedra mediante actuacións conxuntas co Concello e asociacións”, así como de promover “a participación do alumnado nas accións propostas e animalos a presentar outras novas” e impulsar o labor das facultades promovendo “accións que impliquen a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos nesta liña de mellora da educación e a política ambiental”. 


Galicia, referencia en España

Preto de 90 universidades e facultades de 13 países participan actualmente no programa Green Campus, no que “Galicia é a referencia en España”, como salientou Ana Pérez ao inicio desta xuntanza. Non en van, ademais da bandeira verde do campus pontevedrés, en España só contan con este distintivo cinco facultades e escolas dos campus da Coruña e Ferrol da UDC. “A idea é que o programa se vaia estendendo, xa que nos parece moi importante o traballo en rede, que se poidan compartir ideas e avanzar xuntos”, sinalou a representante da Adeac, que neste senso trasladou aos e ás integrantes do comité o propósito da asociación de “intentar estender o programa” aos campus de Vigo e Ourense.  

No relativo ao campus pontevedrés, a responsable do programa en España valorou tanto a coordinación que se realiza desde a Vicerreitoría como “a súa integración coa sociedade” e a participación no proxecto de diferentes asociacións e colectivos. Mais ao mesmo tempo que puxo en valor “que se están facendo bastantes accións a nivel de campus”, Pérez sinalou que “o traballo por facultades non está a ser en todas igual, polo que imos ver como motivar aos distintos comités para traballen tamén a nivel de facultade, que é un pouco o que falta, porque a nivel global é un exemplo”.