DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras máis dun ano de traballo coordinado pola UVigo, este xoves presentáronse os resultados

O proxecto Melinco tende unha ponte lingüística para mellorar a comunicación entre as ONGD e as persoas migrantes ou refuxiadas

O equipo realizou traducións culturalmente adaptadas, cursos e unha guía de boas prácticas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/10/2020

Cando unha persoa doutra nacionalidade, cultura ou relixión chega a un país alleo atopa múltiples barreiras, comezando pola lingüística. Pero cando esas persoas migrantes se atopan nunha situación de vulnerabilidade, en busca de asilo ou refuxio, o descoñecemento do idioma pode ter consecuencias moi severas. Así o explican as ONG que atenden a mulleres e homes que precisan establecer con estas institucións unha vía de comunicación. En moitos casos a falta de tradutores e intérpretes con formación e coñecementos neste eido é a principal eiva. É nesta necesidade na que traballa un equipo de investigación coordinado pola Universidade de Vigo, en colaboración coas universidades da Coruña, Alacant, Granada, Trás-os-Montes e Alto Douro e Jaume I no proxecto Melinco, Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento. Esta iniciativa, financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, celebrou este xoves a súa xornada de peche, organizada polas investigadoras do proxecto Maribel del Pozo e Silvia Pérez. Ademais de conferencias e mesas redondas ao longo de todo o día, tamén se presentaron os resultados do proxecto así como as ferramentas desenvolvidas para mellorar a situación da interpretación e a tradución no campos dos dereitos humanos e a cooperación.

A profesora do Departamento de Tradución e Lingüística e coordinadora do proxecto, Maribel del Pozo, explica que a investigación, iniciada hai ano e medio, constata “que nas ONGD existe unha enorme demanda de tradución e interpretación e que esta demanda adoita cubrirse con solucións ad hoc, é dicir, con persoas voluntarias que non teñen formación específica en tradución e interpretación” e isto provoca que, en moitas ocasións, se confunda “o papel de intérprete co do mediador intercultural”. Os resultados tamén demostran que a demanda se agudiza cando se trata de linguas máis exóticas, como urdú, xeorxiano ou ucraíno pero a Administración non proporciona recursos para paliar estas necesidades. Estas conclusións obtivéronse a partir do traballo de campo do equipo sociolóxico, que consistiu en dous grupos de discusión, un con ONGD e outro con intérpretes, así como cuestionarios destinados aos mesmos colectivos. 

Un proxecto con continuidade

A xornada de peche foi seguida por máis de 150 persoas dende España, Australia, Reino Unido e Arxentina. O evento foi inaugurado pola vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, xunto con José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución e Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ademais da profesora Maribel del Pozo, que lembrou que estas xornadas, financiadas pola Unidade de Igualdade, deberían terse celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, pero por mor da situación sanitaria todos os espazos se están empregando para unha docencia segura e con distancia de seguridade.

A investigadora agradeceu ao decano o apoio do centro a un proxecto cuxo obxectivo inicial era "mellorar a comunicación interlingüística e intercultural” entre as ONGD e as persoas migrantes ou refuxiadas e establecer e consolidar unha nova liña de investigación multidisciplinar no eido da cooperación ao desenvolvemento unindo disciplinas como a tradución e a interpretación, a pedagoxía, a antropoloxía e a socioloxía. “Para min, como coordinadora, o máis importante desta experiencia foi levar a Universidade ao terreo da realidade, para que dende a ciencia e con fondos públicos abordemos cuestións que afectan á vida de moitas persoas”. Remarcou tamén que este proxecto serviu para visibilizar o “excelente traballo” que se realiza dende as periferias, tanto xeográficas como académicas, “dende as ciencias sociais e humanas unidas baixo este proxecto, disciplinas que non sempre reciben a atención e a financiación que necesitan”. Neste sentido, a vicerreitora María Isabel Doval remarcou que esta proxecto “posiciona a Universidade de Vigo na vangarda da investigación en cooperación universitaria ao desenvolvemento” dende un punto de vista multidisciplinar, “que é como se resolven os problemas do planeta”.

Pola súa banda, José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, fixo fincapé nas posibilidades de continuidade desta liña de investigación sobre protección dos dereitos lingüísticos e culturais que, segundo a vicerreitora, pode ter percorrido en convocatorias estatais e europeas. Finalmente, Águeda Gómez felicitou ás investigadoras pola inclusión da perspectiva de xénero na tradución no eido da cooperación para o desenvolvemento. 

Presentación de resultados 

Na presentación das conclusións, as investigadoras Maribel del Pozo, Silvia Pérez, David Casado e Luzía Oca, explicaron que, ante a falta de tradutores e intérpretes, as ONGD vense obrigadas a empregar aos seus voluntarios para facer este labor. Pero outras malas prácticas moi estendidas está o de Google Translator, o que xera “consecuencias nefastas como a conculcación do dereito de defensa ou o desamparo”. Tamén comprobaron que, no caso do árabe, non se ten en conta a diversidade interna da lingua e as diferencias sociopolíticas e amosaron unha “crítica unánime” ao sistema de tradución telefónica.

Ante esta situación, os membros do equipo presentaron unha serie de propostas, que pasan pola creación dun rexistro de tradutores e intérpretes e dun banco de intérpretes en desenvolvementos sociais, que permitiría eliminar as empresas intermediarias e mellorar as condicións laborais destes profesionais.

Recursos elaborados

No transcurso da xornada tamén se presentaron os recursos elaborados ao abeiro do proxecto. Por unha banda, fixéronse traducións culturalmente adaptadas, un total de 28 documentos, como cuestionarios, guías de voluntariado, dípticos informativos sobre proxectos de acollida, etc. Estes textos foron traducidos a inglés, francés, galego, español, persa, urdú, ruso, árabe e ucraíno. Neste proceso enfrontáronse á dificultade de “atopar profesionais da tradución con determinadas combinacións lingüísticas, por exemplo para o xeorxiano, e o alto custe de certas combinacións”, apunta Del Pozo. Por outra banda, tamén se impartiu un curso de formación para as ONGD sobre como traballar con intérpretes, no que participaron 16 persoas. Finalmente, o equipo de investigadores elaborou unha guía de boas prácticas sobre este aspecto, que estará dispoñible na web de Melinco.

A xornada completouse cunha conferencia plenaria da man de María Naredo, xurista, asesora de Amnistía Internacional e do Ministerio de Igualdade e experta en perspectiva de xénero e dereitos humanos. Na súa intervención, remarcou a importancia de garantir os dereitos lingüísticos das persoas, especialmente das migrantes e refuxiadas, xa que moitas delas son discriminadas por motivos de xénero, raza ou idioma, polo que “é fundamental que poidan entender e ser entendidas”. Este dereito, apunta Del Pozo, “só se pode facer efectivo cando o Estado pon á súa disposición intérpretes formadas”.

Xa pola tarde ten lugar unha mesa redonda para dar voz a algunhas das ONGD que máis activamente participaron no proxecto: Aire e Cruz Vermella e a conferencia plenaria sobre as ‘’tradutoras sociais’ do Perú e o seu papel como facilitadoras do acceso dos pobos indíxenas aos dereitos humanos, da man de Raquel de Pedro, investigadora da Universidade de Stirling. A xornada remata coa presentación dos catro traballos fin de grao ligados ao proxecto Melinco por parte do alumnado das universidades de Vigo e Jaume I.