DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Liderado pola UVigo, este xoves celebrouse en Portugal unha xuntanza de traballo

O proxecto Mobae busca alianzas estratéxicas no sector da automoción portuguesa

Os distintos socios do proxecto expuxeron os avances e obxectivos ata o 2021

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI 28/11/2019

Os integrantes de Mobae, proxecto Interreg Poctep da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal sobre mobilidade estendida e avanzada vencellada ao sector da industria da automoción, presentouse este xoves na sede do CEiiA, Centro de Engenharia e Desenvolvimento, un lugar de referencia internacional en mobilidade sostible, enxeñaría e desenvolvemento, situado en Matosinhos (Oporto). Coordinado pola Universidade de Vigo e integrado por investigadoras e investigadores da  UVigo -Escola Universitaria de Estudos Empresariais-, a Universidade do Minho, o CSIC, o Igape e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), os representantes do proxecto mantiveron unha xuntanza na que avanzaron no desenvolvemento deste traballo, coa intención de establecer contactos e alianzas estratéxicas cos axentes implicados no sector da automoción portuguesa.

No encontro, que rematou cunha visita guiada as instalación do CEiiA, os distintos socios do proxecto expuxeron os avances e obxectivos ata o 2021, data prevista de finalización, e que incluirá, no 2020, a realización dun seminario sobre Competencias Emerxentes en Rede, que se celebrará en Vigo, e contará coa participación de  especialistas internacionais nos ámbitos da automoción, aeroespacial e de mobilidade.

A mobilidade será “cada vez máis conectada, compartida e eléctrica”

Os coordinadores do proxecto, Pablo Cabanelas e Roberto Chico, da Universidade de Vigo, explicaron os contactos acadados con axentes relevantes da cadea de valor da nova mobilidade “cada vez máis conectada, compartida e eléctrica”, segundo indicaron, ademais de identificar as distintas iniciativas de emprendemento e oportunidades de financiamento no sector entre Galicia e o norte de Portugal. Neste senso, Bernardo Ribeiro, de CEiiA, e Francisco Carballo, da UMinho, tamén identificaron os principais actores e destacaron as distintas oportunidades e modelos de negocio do sector en Portugal, a través de laboratorios colaborativos, star-ups, empresas TIC e de transformación.

Asemade, Patricia Solá e Sonia Piñeiro, de CEAGA, e Elena Cabrejas e Sonia García, do CSIC, mencionaron, respectivamente, as liñas e iniciativas de financiamento, con especial atención á Rede Galega de Aceleradoras e ás industrias complementarias especializadas en tecnoloxía ao servizo da automoción e a mobilidade, e fixeron un repaso polas distintas entidades galegas de emprendemento. Unha actividade que na que tamén está a colaborar o Igape, que foi representado nesta xuntanza por Fany Suárez, quen sinalou os retos a abordar na xestión e execución do proxecto.

Un proxecto con 1,2 millóns de euros de orzamento

Con 31 meses de duración e un orzamento total de 1.202.315€, dos que 901.736€ corresponden a financiación Feder, Mobae ten por obxectivo identificar novas competencias que están a emerxer na contorna da mobilidade e detectar e apoiar iniciativas ou oportunidades de negocio que poidan ter potencial na sociedade actual. De feito, o nome do proxecto responde a “mobilidade (MOB) Avanzada (novas competencias, mobilidade autónoma, conectada, eléctrica ou compartida) e Estendida, porque ten coma obxecto identificar interseccións de coñecementos entre os ámbitos mencionados anteriormente”, explica Pablo Cabanelas, ao que engade que isto implica un traballo de identificación de capacidade, detección e apoio de iniciativas con potencial, sensibilización e capacitación de emprendedores e directivos e asesoramento ás iniciativas seleccionadas, incluso na identificación de potenciais fondos de financiamento.