DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tituladas Inti Nuñez e Erica Oubiña foron premiadas no concurso impulsado polo festival e BIAAF

Un proxecto nacido en Debut gaña o concurso de deseño dunha colección cápsula do Bilbao BBK Live

Ao certame concorreron deseñadores de diferentes países

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/05/2019

Point Break, a colección que constituíu o proxecto de fin de estudos que a titulada en Esdemga Inti Nuñez presentaba en novembro na última edición de Debut, constituíu o punto de partida do proxecto co que Nuñez e tamén ex-alumna de Esdemga Erica Oubiña resultaron gañadoras do concurso impulsado polo Bilbao BBK Live e a plataforma Bilbao International Art & Fashion (BIAAF) para o deseño dunha colección cápsula para a edición 2019 deste festival. “Conscientes da clara conexión entre moda e música”, explica o BBK, festival e BIAAF convidaron “a deseñadores emerxentes das “escolas máis vangardistas de todo o mundo” a deseñar unha colección cápsula que finalmente está integrada por varias das propostas presentadas polas deseñadoras formadas nesta titulación da Facultade de Belas Artes. “A verdade é que é unha axuda moi grande, unha maneira moi boa de ensinar o noso traballo, de darnos a coñecer”, salienta Nuñez da selección do seu proxecto para dar forma a unha colección cápsula integrada por un poncho, unha cazadora, unha bandoleira e unha camiseta, que o Bilbao BBK Live comercializa a través da súa web.

O proceso de selección, informou o Bilbao BBK Live, correu a cargo dun “xurado formado por destacados profesionais da industria da moda e da música”, integrado, entre outros, pola redactora de Vogue Italia Serena Castrignano, a artista e deseñadora Miriam Ocáriz e o grupo musical Mueveloreina. “A decisión non foi fácil, xa que entre as propostas atopábanse novos deseñadores das mellores escolas de Xapón, Israel, Estados Unidos, Reino Unido, Barcelona ou Bilbao”, salientan desde BIAAF. “Que diferentes persoas do sector a nivel internacional aposten pola nosa proposta é algo fantástico”, engade nese senso Inti Nuñez. 

Un proxecto inspirado no surf

A participación por primeira vez como xurado en Debut 2018 das responsables de BIAAF Charo Álvarez e Rocío Sánchez constituíu o xerme desta colección cápsula, que Nuñez e Oubiña desenvolveron baixo o nome de IK.Studio e que tivo como punto de partida o proxecto de fin de estudos que desde Esdemga propuxeron como participante neste proxecto. “Gustoulles a miña proposta e convidáronme a presentarme ao concurso, xa que lles parecía que encaixaba moi ben coa colección”, salienta Nuñez. Así pois, Point Break, unha colección que ten no mundo do surf  a súa fonte de de inspiración, converteuse no punto de partida para o desenvolvemento conxunto dunha proposta na que, explica, “incluímos prendas que xa viñan preparadas na miña colección de fin de carreira, á vez que fixemos algunhas novas para facer un pouco máis comercial á colección”. Unha proposta da que esta titulada destaca a súa parte gráfica, “con cores estudados e medidos e na que por medio de manchas intento expresar tamén un pouco ese mundo do surf”. 

O resultado final, segundo destacou o Bilbao BBK Live, foi un proxecto que “asume a tendencia actual de adaptar as prendas deportivas a unha liña máis urbana, creando unha colección sportwear con altas doses de deseño, creatividade e innovación”, que destaca así mesmo pola súa versatilidade e que “supón unha viaxe aos 90 a través da cor, os estampados, os materiais e a silueta”. Así mesmo, o xurado tamén puxo en valor que se tratase dunha colección “respectuosa co medio ambiente, que utiliza téxtiles realizados con fibras recicladas, algodón orgánico e tinturas á auga, así como técnicas de patronaxe e estampado que minimicen a xeración de residuos na fase de produción”.