DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase dende hoxe e ata o venres en Vila do Conde

O proxecto rurAllure organiza un congreso internacional sobre promoción da riqueza cultural e dos museos no eido rural

Apostan por converter o patrimonio literario nun valor engadido nas rutas de peregrinación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 08/09/2021

As rutas de peregrinación foron, sobre todo dende a Idade Media, unha vía de vetebración de territorios e de transmisión cultural e artística. As que hoxe en día perduran supoñen un importante polo de atracción de viaxeiros, aínda que moitas veces as contornas rurais que as rodean quedan á marxe deste impulso turístico. O proxecto europeo rurAllure, liderado pola Universidade de Vigo dentro da convocatoria H2020 da Comisión Europea, naceu precisamente co obxectivo de divulgar e poñer en valor a riqueza cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa: o patrimonio literario nos camiños de Santiago; o termal nas peregrinacións a Roma; o etnográfico nos camiños de San Olav e o natural no caso da ruta mariana centroeuropea. Estes catro roteiros conforman os catro proxectos piloto que se están a desenvolver no marco do proxecto.

rurAllure arrancou oficialmente no mes de xaneiro, pero non foi ata esta semana cando todos os socios do proxecto puideron reunirse de xeito presencial no que é primeiro Congreso Internacional de Promoción do patrimonio cultural e dos museos no contexto rural, que se desenvolve dende hoxe mércores e ata o venres en Vila do Conde (Portugal). O simposio pon o foco no potencial das tecnoloxías da información actuais para incrementar a simbiose entre o territorio e os viaxeiros que anualmente o cruzan, tanto no cumprimento das rutas de peregrinación europeas, como na libre circulación a través de rutas de verdadeiro descubrimento, potenciando así unha experiencia diferenciable dos lugares, do patrimonio e, en particular, do patrimonio literario e artístico.

Posta en valor do patrimonio literario 

“Neste evento buscamos congregar a todo tipo de axentes interesados na promoción do patrimonio literario, principalmente na península ibérica, para convertelo nun atractivo e nun valor engadido para a xente que viaxa polos camiños de peregrinación. Xa temos comprobado que é un patrimonio moi deslocalizado e con gran presencia no medio rural de toda Europa, polo que se aliña co noso obxectivo de animar os viaxeiros a saír brevemente dos percorridos oficiais e coñecer o medio rural polo que transcorren”, explica Martín López Nores, investigador do centro atlanTTic da UVigo e coordinador do proxecto.

O simposio, sinala, conta coa participación de multitude de representantes do ámbito académico e cultural, con presentacións “a cargo de axentes moi destacados, mesas redondas e un percorrido guiado por Vila do Conde, que concentra obras de varios escritores moi destacados en lingua portuguesa e agardamos preto de 200 asistentes”.

Paralelamente ao congreso, celébrase tamén a segunda xuntabnza xeral de rurAllure na cal se reúnen todos os membros do consorcio do proxecto, formado por 16 socios de seis países europeos, dende universidades ata empresas, institucións públicas e museos.

O patrimonio rural, un valor engadido para as rutas

O proxecto rurAllure pon o foco nun dos aspectos máis delicados que se agochan tras o éxito das grandes rutas de peregrinación europeas, a súa relación coa contorna rural. E é que estes camiños son percorridos por miles e miles de persoas cada ano, pero o seu impacto percíbese case exclusivamente nos lugares próximos aos roteiros. Así, provincias e rexións enteiras eminentemente rurais acaban por ser “testemuñas pasivas dos fluxos de peregrinos, mentres que en realidade poderían engadir moito contido e valor ás experiencias”.

Para mudar este contexto, entidades de España, Portugal, Italia, Noruega, Hungría e Eslovaquia únense neste proxecto de divulgación do patrimonio cultural que rodea a estas grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que transitan por elas e achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. A iniciativa comprende catro proxectos piloto sobre o Camiño de Santiago, as peregrinacións a Roma, a ruta de San Olaf en Escandinavia e a Ruta Mariana de centro Europa. Cada un deles céntrase nun tipo particular de patrimonio ao longo dunha ruta de peregrinación. Así, investigación sobre as rutas do Camiño de Santiago está centrada no patrimonio literario e xestionada pola UVigo, Fundación Uxío Novoneyra, a Câmara Municipal de Vila do Conde, a Universidade Autónoma de Madrid e a Universidade da Coruña. É neste contexto no que se encadra o congreso que acolle estes días o Teatro Municipal de Vila do Conde. Un segundo piloto, dirixido pola Universidade de Boloña, investiga o patrimonio termal ao longo das rutas de peregrinación a Roma, a Vía Francígena, a Vía Romea Strata e a Vía Romea Xermánica. No caso da ruta de San Olaf, en Noruega, será investigada desde unha perspectiva etnográfica pola Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía. Finalmente, un cuarto sub-proxecto estudará o patrimonio natural da Ruta Mariana, unha vía de peregrinación que atravesa Hungría, Eslovaquia e Romanía.

Evolución do proxecto

Tras oito meses de traballo, o proxecto xa ten avanzado en varias liñas, destaca López Nores, como na construción das ferramentas tecnolóxicas coas que se quere facilitar a creación de percorridos que leven aos peregrinos e peregrinas polos enclaves rurais que máis lles poidan interesar. “Xa hai varios prototipos, e a finais de ano entregaremos unha versión beta que se porá ao servizo dos experimentos piloto de rurAllure”. Os membros do consorcio teñen avanzado tamén na busca de socios e colaboradores e estableceron contactos con axentes clave do turismo de peregrinación en novos países como os Camiños de Mont-Saint-Michel en Francia, as asociacións que xestionan os camiños de Dinamarca e Suecia, e varias rutas ata a antiga Constantinopla en Turquía.