DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pemes da eurorrexión poden solicitar unha diagnose e apoio personalizado ata o 15 de xaneiro

O proxecto Sherpa do Mar axudará ás empresas do sector mariño-marítimo a coñecer a súa posición competitiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/11/2020

O proxecto Sherpa do Mar, liderado polo grupo de investigación REDE, ten como obxectivo dinamizar a creación e consolidación de novas actividades empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo na eurorrexión Galicia e norte de Portugal. Para logralo acaba de poñer en marcha unha nova iniciativa, que permitirá ás empresas deste eido coñecer a súa posición competitiva fronte a outras entidades do sector, ademais de avaliar as súas capacidades e necesidades en materia de I+D+i. Así, ata o vindeiro 15 de xaneiro, Sherpa do mar ofrece tanto pemes como micropemes a posibilidade de solicitar unha diagnose personalizada. 

Para facela só deberán realizar unha enquisa sobre as capacidades e necesidades en materia de I+D+i, de modo que, a través da información facilitada no cuestionario, os especialistas de Sherpa do Mar poidan identificar os puntos fortes e febles de cada compañía en materia de innovación.

Os resultados da enquisa e o informe facilitaránselles a cada empresa participante de forma totalmente individualizada coa finalidade de medir o seu desempeño en innovación.

Un informe personalizado con propostas de mellora

Todas as empresas participantes na enquisa de I+D+i obterán un informe personalizado de Benchmarking, denominado Informe InnoBench, desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, GAIN e o grupo de investigación REDE da Universidade de Vigo. Este documento xérase a partir dos resultados obtidos e nel preséntanse unha serie de ideas de mellora en I+D+i en aspectos tan relevantes como a estratexia, a organización, as finanzas ou as capacidades referidas a capital humano, cooperación, etc. O informe tamén inclúe un listado actualizado de axudas públicas dispoñibles que se adaptan ás características da empresa e, de feito, este informe Innobench é empregado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) na valoración de axudas públicas como, por exemplo, o Programa InnovaPeme.

20 entidades prioritarias 

Entre as compañías que decidan participar neste proceso de diagnose realizarase unha selección para escoller as vinte organizacións de “carácter prioritario”, en base ao seu grao de conexión co sector mariño-marítimo, os anos en activo e o seu tamaño. As vinte empresas elixidas terán acceso a un itinerario de mellora de capacidades de innovación, así como a un servizo de seguimento individualizado coa finalidade de establecer prioridades e deseñar un folla de ruta que lles permita impulsar de forma eficaz o seu desempeño innovador. 

O proxecto, liderado polo grupo REDE, conta tamén coa participación do Campus do Mar e a Oficina de I+D, ademais do Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña, pola parte galega, e a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela (UPTEC), a Universidade de Oporto, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Forum Oceano-Associacão da Economia do Mar, pola portuguesa. Está financiado con fondos Feder a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, polo que estes servizos non implican custo algún para as empresas que decidan realizar a súa diagnose. O prazo para facelo remata o día 15 de xaneiro.