DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Emma Rodríguez coordina un monográfico da revista ‘Temas Laborales’

Unha publicación afonda na vulnerabilidade do traballador autónomo na economía dixital

Reúne as achegas de máis de 20 expertos e expertas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 05/06/2020

A dixitalización da economía e a proliferación das plataformas na rede ás que prestan servizos traballadores e traballadoras autónomos xerou un escenario laboral no que este tipo de profesionais atópanse “especialmente desprotexidos”, o que fai necesario dotalos dun “novo estatuto que lles garanta dereitos laborais básicos equivalentes aos dos traballadores por conta allea”. Esta é, como destaca a profesora Emma Rodríguez, unha das principais conclusións que poden extraerse da análise que máis de 20 expertos e expertas realizan do impacto da economía dixital sobre o traballo autónomo nun número monográfico da revista Temas Laborales. Coordinado pola docente da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, este número monográfico da Revista Andaluza de Trabajo y Bienestar Social é o resultado do Seminario Internacional O dereito do traballo na nova economía, que, baixo a coordinación do catedrático da Universidade de VIgo Jaime Cabeza e da propia Rodríguez, tivo lugar o pasado mes de novembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Este seminario inseríase nun proxecto de investigación coordinado, financiado polo Ministerio de Economía, no que participaban as universidades de Vigo, Sevilla, País Vasco e Valencia e centrado nas transformacións laborais xeradas pola nova economía, baseada na reformulación dos procesos de produción e consumo á luz dos avances dixitais. Nesta investigación inseríanse catro “subproxectos”, entre eles o que, baixo a coordinación de Cabeza, puxo o foco nos cambios legais que sería preciso acometer para garantir a protección dos dereitos fundamentais dos autónomos e autónomas, coa participación de investigadores e investigadoras de universidades de España, Italia, Irlanda e Francia. “Neste número especial da revista recóllense a maior parte das intervencións presentadas no seminario”, explica Rodríguez dunha publicación que reúne 21 estudos, “elixidos polo seu valor científico”, que tiñan como punto de partida as conferencias e mesas de debate do seminario, “enriquecidas tralo debate” que se suscitou neste evento académico. De aí que Rodríguez valore como este monográfico dunha “revista de moita relevancia no ámbito xurídico” fai posible o “obxectivo principal” do seminario, que os seus debates e discusións “transcendan e poidan ser coñecidas por todas as persoas interesadas”.

Protexer aos “autónomos vulnerables”

Entres as “conclusións fundamentais” do seminario figura tamén a necesidade de “reformular o concepto de traballador autónomo, contemplando aos autónomos vulnerables”, como salienta Rodríguez, que subliña a importancia de dotar dunha maior protección a este colectivo. Neste senso, a publicación afonda en cuestións como “a tradicional disparidade na regulación de criterios á hora de definilos, así como de infradotalos de dereitos básicos e fundamentais para todo traballador”, o que ao seu xuízo pon de manifesto que “os autónomos atópanse especialmente desprotexidos coa proliferación das plataformas dixitais” e precisan o recoñecemento de dereitos de representación sindical e negociación colectiva, conciliación ou prevención de riscos. 

Deste xeito, diferentes artigos afondan na necesidade de regulación do traballo autónomo, mentres que outra serie de estudos poñen o foco nas plataformas dixitais e nos seus efectos no mundo do traballo, así como na discusión sobre se os e as profesionais que lles prestan servizos son realmente traballadores autónomos e nas sentencias xudiciais ditadas a este respecto. “En moitos casos estamos vendo como os tribunais determinan que se trata de falsos autónomos, porque contan coas notas básicas de subordinación e dependencia”, salienta Rodríguez.

Unha análise xurídica aos retos da economía dixital

Máis aló destas cuestións, outra serie de artigos afondan en diferentes problemáticas que a economía dixital implica no eido laboral, abordando cuestións como a “fenda dixital xeracional” e os seus efectos na segmentación do mercado de traballo, o dereito dos traballadores á intimidade, a prevención de riscos laborais na contorna 4.0 ou a obriga do rexistro horario e a súa aplicación no ámbito dixital. A publicación detense así mesmo en cuestións como as respostas que neste ámbito pode achegar o dereito social internacional ou no dereito de protección de datos persoais.

Deste xeito, o monográfico abrangue no seu conxunto “catro grandes bloques de materias”, como salienta no seu texto de presentación o catedrático da Universidad de Sevilla Jesús Cruz, director da revista e coordinador tamén do proxecto de investigación no que se insire o seminario que deu lugar á publicación. Así, os expertos e expertas poñen o foco, explica, na “dualidade entre traballo subordinado e traballo autónomo” e na “intervención normativa no ámbito do traballo autónomo na nova economía”, pero abordan tamén “as condicións de traballo na nova economía, así como os novos retos laborais ante a dixitalización da economía”, nunha publicación que ofrece fundamentalmente unha análise de carácter xurídico, pero “profundamente apoiada por análises de carácter económico, sociolóxico e técnico”.