DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial

Unha publicación electrónica divulga os petróglifos da Pedra do Encanto e Os Ballotes

Está editada polo Grupo de Innovación Docente en EducAcción Patrimonial

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/11/2018

Este venres, 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio Mundial e uníndose a esta conmemoración o Grupo de Innovación Docente en EducAcción Patrimonial da Universidade de Vigo lanzou a versión electrónica do libro A Pedra do Encanto. Os Relatos das Vellas Pedras, que traslada a formato libro unha exposición sobre a historia do conxunto de petróglifos da Pedra do Encanto e Os Ballotes feita coa participación de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.

A edición científica, autoría de textos e maquetación da publicación correron a cargo da profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense e coordinadora do Grupo de Innovación Docente en EducAcción Patrimonial Beatriz Comendador e os debuxos son autoría de Víctor Vázquez Collazo. A edición, comentan os seus promotores, foi posible grazas a unha axuda económica para a divulgación das actividades dos grupos de innovación docente da Universidade de Vigo, destinándose neste caso a axuda á impresión de exemplares. Aínda que en formato electrónico, sinalan como proximamente “faremos chegar copias impresas aos distintos centros educativos e bibliotecas de Arousa e O Salnés e faremos entrega dun lote na Axencia de Lectura de Bamio San Xoán”.

Un núcleo excepcional de arte rupestre

A publicación céntrase na parroquia de San Xens de Bamio, situada na marxe sur do esteiro do Ulla, na ría de Arousa. “A riqueza patrimonial deste territorio está especialmente materializada na presenza dun núcleo excepcional de arte rupestre no lugar do Salgueiral, na aldea de Vilar, nos petróglifos coñecidos como A Laxe do Meadelo ou Pedra do Encanto e Os Ballotes”, indícase na publicación. A investigación sobre a arte rupestre, engádese, conta cunha tradición longa en Galicia e algunhas das estacións de Vilagarcía figuran entre as primeiras atopadas e documentadas. “Este é o caso deste conxunto de petróglifos, descubertos e visitados a principios do século XX por diversos investigadores ilustres. Debemos ao artista Enrique Campo Sobrino o primeiro debuxo da Laxe do Meadelo ou Pedra do Encanto, asinado en 1907”, recolle a publicación.

Con motivo do 110 aniversario deste feito, no ano 2017, as e os promotores da publicación detallan como “realizamos unha exposición efémera titulada Os Relatos das Vellas Pedras”, na que se intentou recoller as historias dos petróglifos do Salgueiral no último século da súa milenaria biografía. Foi exposta na Longa Noite de Pedras celebrada no mes de agosto de 2017, que contou coa teatralización destas historias a cargo de rapaces e rapazas de Arousa, que interpretaron para os máis de 150 asistentes as distintas personaxes desta historia dende o seu descubrimento. Segundo explican as e os promotores do libro, dende o ano 2011, por iniciativa da Asociación Ateneo Mar de Arousa e coa colaboración de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e o Concello de Vilagarcía de Arousa, “vimos desenvolvendo unha serie de eventos baixo o título de Longa Noite de Pedras, encamiñados a difundir e protexer estes conxuntos”.

“Neste libriño recollemos o contido da exposición realizada, coa finalidade de que circule e sexa de utilidade en diferentes centros de ensino e para o interese xeral das comunidades, especialmente da contorna”, comentan as e os responsables da publicación. Ao longo das súas páxinas e cun carácter moi visual e divulgativo dada a orixe expositiva dos materiais, vaise explicando a ubicación dos restos arqueolóxicos obxecto de interese, a súas características, a súa historia, a súa presenza en documentos e tradición oral, a súa conservación, os traballos arqueolóxicos realizados neles, as accións de divulgación feitas ou as ameazas de futuro que hai sobre eles. Tamén se presenta unha escola de imaxes do petróglifos, desde deseños de Fermín Bouza Brey a fotografías antigas.