DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O libro é froito dun congreso internacional celebrado no campus

Unha publicación reivindica o papel de educadoras e educadores sociais na escola

Nas súas máis de 800 páxinas analízanse experiencias de éxito neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI 02/04/2018

Este luns presentouse o libro que recolle os traballos presentados nesa cita que reuniu a 150 profesionais e estudantes. Acorde co obxectivo dese congreso, a publicación xorde co obxectivo último de reivindicar a figura dos educadores e educadoras sociais como profesionais necesarios para unha escola inclusiva capaz de enfrontar e dar resposta aos novos retos que supón a transformación social.

A presentación da publicación, na que colabora a Deputación de Ourense, tivo lugar este luns no Pazo Provincial coa participación de Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e un dos coordinadores da obra; Aurelio Prado, vicepresidente do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, e Manuel Doval, deputado provincial de Cultura. Tendo en conta o obxectivo desta publicación, durante a súa intervención, Manuel Doval destacou dos educadores e educadoras sociais o seu papel “como mediadores e integradores, o cal non só debe estar encamiñado a resolver conflitos, senón a evitar que xurdan”.

Buscando a normalización

Xosé Manuel Cid explicou que este libro, titulado Educación Social e Escola. Unha análise da última década (2006-2016), busca avanzar na incorporación da figura do educador e educadora social no sistema educativo como “un axente indispensable”. Para facelo, a obra conta con achegas de numerosos profesionais e investigadores que analizan ao longo de máis de 800 páxinas diferentes experiencias levadas a cabo neste eido tanto en Galicia como fóra dela, ademais de abordar a situación da formación inicial en Educación Social e maxisterio no contexto galego, o papel dos diversos axentes educativos arredor desta cuestión e as áreas emerxentes de intervención socioeducativa na escola, achegándose ao papel destes e doutros profesionais.

“O libro aborda o labor histórico que tiveron os mestres de encargarse tamén de aspectos como o tempo de ocio e as actividades culturais nas escolas. Agora, con centros máis masificados e outras realidades, xustifícase a necesidade dos educadores e educadoras sociais nos centros educativos”, comenta Xosé Manuel Cid. Deste xeito, o vicedecano de Ciencias da Educación subliñou durante a presentación da publicación o papel dos educadores e educadoras sociais e a súa intervención “desde a primeira infancia, para poder prever certos actos de extrema violencia que estamos a vivir na actualidade”. Tamén apuntou o feito de que “sen estar normativizas, en Galicia existen experiencias moi interesantes no eido da educación social levadas a cabo en centros de ensino a través da contratación de organizacións sen ánimo de lucro, asociacións de pais e nais ou concellos”.

Educación Social e Escola. Unha análise da última década (2006-2016), explicou pola súa banda Aurelio Prado, “é un complemento teórico con achegas de especialistas, onde aparece a figura do educador social dentro dos centros de ensino públicos e privados-concertados de diferentes comunidades autónomas e tamén doutros países como Portugal e Brasil, que nos achegan textos teóricos onde se fundamenta a importancia da figura do educador social dentro de contextos educativos formais”.