DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do Post-Growth Innovation Lab Sofia Greaves é unha das coordinadoras deste libro

Unha publicación revisa o modelo de cidade romana desde unha óptica non “colonialista”

Resultado dun proxecto de investigación da Universidade de Cambridge

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 25/01/2023

Unha cidade “é un ente material, que ten as súas propias rúas e infraestruturas”, pero tamén está formada “por imaxes, asociacións, historias e experiencias”, destaca a investigadora do Post-Growth Innovation Lab Sofía Greaves, coeditora, xunto a Andrew Wallace-Hadrill da Universidade de Cambridge, dun libro que revisa esa “interacción” entre a idea de cidade a súa forma material pondo o foco nas urbes construídas na antigüidade polo Imperio Romano. Tomando como punto de partida o modelo ortogonal que a antiga Roma empregou de forma xeneralizada na construción de novas urbes, este volume afonda en como este modelo continúa ligado a día de hoxe a unha “narrativa demasiado colonialista”, que vincula a planificación urbanística grecorromana cunha idea de “urbanidade”, segundo sostén Greaves.

Publicado pola editorial británica Oxbow Books, Rome and the Colonial City: Rethinking the Grid reúne as achegas dunha vintena de expertos e expertas e afonda en diferentes aspectos relacionados tanto coa planificación da cidade como nos ideais asociados a esta, na colonización romana e no impacto do seu modelo urbano. Esta publicación é un dos resultados dun proxecto de investigación sobre a cidade antiga de Cambridge, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) e coordinado por Wallace-Hadrill, do que forma parte a investigadora do campus pontevedrés, que previamente realizou a súa tese de doutoramento nesta universidade británica no marco deste proxecto.

Discutindo a cuadrícula

A idea dunha cidade cun modelo ortogonal, estruturada en torno a dúas grandes vías a partir das que xurdía unha retícula de rúas que se cruzaban de xeito perpendicular, constitúe o punto de partida dun libro que, como explica Greaves, “discute a importancia da cuadrícula grecorromana desde varias perspectivas”. Principalmente, explica, pondo o foco na “nosa idea destas cidades e o seu legado”, que parten dunha “narrativa moi potente” difundida polos propios romanos, a de que estas cidades eran unha mostra de “civilidade”, calidade de quen observa as normas de conduta social, en oposición “á vida nómade e os asentamentos informais”, que se proxectaban como “menos avanzados”. 

“As cidades eran fundamentais para a civilización grecorromana como símbolo da civilización en si mesma”, subliña Greaves, que lembra que, “durante a construción dos seus imperios”, gregos e romanos “quixeron expandir o seu poder a través da urbanización”. Barcelona, Nápoles, Alexandría ou Istambul son nese senso exemplos de “colonias grecorromanas”, nas que o modelo ortogonal foi “ata hoxe extremadamente importante a nivel conceptual e material”. Mais, ademais de que “na época moderna, desde un punto de vista funcional, esta estrutura respondía a un plan máis utilitario”, orientado “á circulación económica e ao tráfico”, este modelo de cidade está tamén ligado a unha “narrativa moi colonial”, pola que era posible “civilizar outros países e poboacións construíndo desta maneira”.

“Desafortunadamente, esta narrativa arraigou firmemente na tradición occidental”, engade Greaves, que lembra como esta mesma idea foi empregada para “soster” outros “proxectos colonizadores”, sinalando como exemplos “as leis das Indias promulgadas pola coroa española en América do Sur, a colonización da África e India polo Reino Unido ou as cidades fundadas por Mussolini e o fascismo italiano”. Igualmente, este volume detense tamén en como estas ideas asociadas ás cidades das antigas Roma e Grecia foron tamén reproducidas no eido académico, contribuíndo, sostén, “a unha imaxe do pasado moi artificial e colonial”, que podería influír, por exemplo, en ideas como “que os restos grecorromanos sexan máis importantes e máis dignos de preservación e restauración que os doutras épocas”.

Unha ollada diferente á antigüidade

Xunto a este volume, o proxecto The Impact of the Ancient City deu lugar nos últimos meses á publicación doutros dous libros, Remembering and Forgetting the Ancient City e Cities as Palimpsest? Responses to Antiquity in Eastern Mediterranean Urbanism, que revisan tamén as ideas asociadas á cidade antiga desde diferentes perspectivas. A estas publicacións, Greaves achega dous estudos que abordan as urbes da antigüidade desde a perspectiva do século XIX, á vez que é a autora das portadas dos tres volumes, para as que realizou unhas ilustracións que toman como punto de partida os eixos temáticos de cada volume, “a memoria, os palimpsestos e o colonialismo”.

Nos últimos meses, Greaves compaxinou o seu traballo nestas publicacións coa súa participación como investigadora posdoutoral no proxecto Prospera, polo que o coordinador do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera, foi recoñecido no programa Starting Grant do ERC. Centrado en analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, Greaves achega a este proxecto a súa análise do papel que a planificación urbanística podería xogar nun "futuro poscrecemento", pondo o foco tanto nos “impactos ambientais e sociais” que implica “o crecemento económico estimulado pola construción de máis vivendas”, como o propio efecto da planificación urbanística sobre “as nosas interaccións e comportamento”.