DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu a presentación dun monográfico da 'Revista Galega de Educación'

Unha publicación dá visibilidade ás diferentes estratexias para levar o teatro ás aulas 

A escritora e actriz Paula Carballeira incidiu no seu potencial para traballar a expresión oral

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/10/2019

Afondar nas competencias que o teatro permite traballar nas aulas, coñecer diferentes experiencias levadas a cabo en escolas galegas e analizar a situación que atravesa o uso didáctico deste xénero literario son tres dos obxectivos que do monográfico que a Revista Galega de Educación dedica ao teatro. Editado polo colectivo de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, o número 73 desta revista, que leva por título Ensinar... non sen o teatro, foi presentado este martes na Escola de Enxeñaría Forestal, nun acto promovido polo Departamento de Lingua Española da Universidade e a Comisión PEA-Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“O teatro contribúe a unha aprendizaxe da expresión oral, da expresión corporal e do traballo en equipo”, defendeu a actriz e autora teatral Paula Carballeira nun acto no que a publicación foi presentada por Pilar Sampedro e Miguel Vázquez Freire e que abriron o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a profesora responsable desta actividade, Rexina Vega. Ambos puxeron de relevo o importante labor de Nova Escola Galega e da Revista Galega de Educación, “un referente para todos os que amamos a educación”, como salientou Soto, que incidiu en que o uso didáctico do teatro implica “ensinar desde a transversalidade, a dramatización, o xogo, a palabra, o xesto...”. Vega, pola súa banda, valorou esta publicación como “unha toma de contacto directa coas aulas reais”, á vez que lembrou que “facer teatro significa ter conceptos de dramaturxia, que é unha linguaxe específica, pero parece que na escola todo o mundo pode facer teatro sen pasar por esa alfabetización, que é fundamental”.

O teatro, unha experiencia social

Ademais de presentar o artigo que achegou ao monográfico, Carballeira abordou neste acto a súa experiencia profesional nos eidos da educación e o teatro, poñendo o foco “nun terreo do que poucas vece se fala, que é a posta en escena”. A escritora e actriz lamentou nese senso que “cada vez se faga menos teatro nas escolas”, dados os seus beneficios en eidos como o traballo da expresión oral, “porque á hora de aprender e defender un texto, queiras ou non, as estruturas sintácticas vanche quedando na cabeza”. Do mesmo xeito, o uso didáctico do teatro implica xerar “unha contorna de experiencia social que logo é moi importante para a aprendizaxe da experiencia social que é a vida”, xa que “nunha sociedade cada vez máis individualista, o teatro basease na relación cos compañeiros”. 

Un xénero sen visibilidade

De presentar a traxectoria e obxectivos dunha publicación que leva editándose desde 1986 encargouse a integrante do seu consello de redacción Pilar Sampedro. “É unha revista resistente e absolutamente necesaria”, salientou ao tempo que lembrou que se trata da única revista pedagóxica que se edita actualmente en Galicia en formato impreso e que aborda “todas as etapas” do ensino, “desde infantil á universidade”. Miguel Vázquez Freire, coordinador xunto con Rosalía Fernández deste número, debullou os contidos dun monográfico dedicado a un do xéneros “con menos visibilidade” nas escolas. O mestre e escritor lembrou nese senso que, máis aló das representacións, o teatro é un xénero literario que podería prescribirse como lectura nos centros de ensino e lamentou que non existan en Galicia "coleccións de teatro nin unha presenza constante de obras teatrais nas coleccións de literatura infantil e xuvenil”. 

Nese senso, o obxectivo deste número é “contribuír a esa visibilidade”, abordando tanto a “formación en literatura dramática, como a historia da literatura dramática en lingua galega”, á vez que se reúnen “diferentes estratexias sobre como traballar” con este xénero e se dá luz a unha “serie de experiencias” levadas a cabo en diferentes centros de ensino.