DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Créase un equipo co apoio da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación

O ‘quidditch’ de Harry Potter xa se pode practicar no campus

Está aberto á participación das persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/10/2019

O quidditch, xogo ou deporte inspirado nas novelas de Harry Potter, xa se pode practicar na cidade de Ourense. Co apoio da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), creouse recentemente un equipo que todos os xoves, ás 17.00 horas, se reúne no pavillón de estudantes do campus de Ourense. Desde a entidade animan ás persoas interesadas a achegarse a coñecer esta iniciativa e a unirse ao equipo, que ten como obxectivo participar na liga galega de quidditch, formada na actualidade por cinco equipos.

Este deporte ou xogo inventado como adaptación do que se reflicte nas novelas de J. K. Rowling, explican desde AUCE, xógase nun terreo con forma elíptica e cada un dos campos está dotado de tres aros situados a distinto nivel de altura. Para o xogo, detallan, utilízanse tres tipos de bolas distintas: unha quaffle, dúas bludger e unha snitch dourada. O xogo enfronta a dous equipos (obrigatoriamente mixto) de sete xogadores e xogadoras cada un, distribuídos de acordo co seu obxectivo: un gardián, dous golpeadores, tres cazadores e un buscador. “O gardián é o gardameta que se encarga de evitar que o equipo contrario introduza a quaffle nos aros do seu respectivo equipo. Os golpeadores son os encargados de repeler as bludgers para protexer ao seu equipo delas. Os cazadores son os encargados de procurar introducir a quaffle a través dos aros contrarios”, indican. Para rematar, o buscador ou buscadora é o encargado de estar atento durante todo o xogo para poder atrapar a snitch antes que o equipo contrario. Ao atrapar a snitch o xogo finaliza. O equipo que a atrapa suma 150 puntos pero aínda que un equipo atrape a snitch, gaña o que acumule máis puntos. Para coñecer máis características deste xogo e sobre todo para divertirse practicándoo, desde AUCE animan a achegarse a algunha das súas sesións semanais.