DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un en Ciencias Básicas, realizado en CINBIO, e outro en Ciencias Técnicas, en atlanTTic

RAGC e Fundación Barrié distinguen dous traballos feitos na UVigo como as mellores investigacións de Galicia

Na categoría técnica tamén se outorgou un accésit a un estudo de Cintecx

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 30/01/2025

Premio á mellor investigación feita en Galicia en Ciencias Básicas para un traballo liderado por Miguel Correa desde o CINBIO e Premio á mellor investigación en Ciencias Técnicas para un grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e atlanTTic. A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié acaban de facer públicas as propostas gañadoras dos premios de investigación que convocan de maneira conxunta co obxectivo de recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven  na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais.  Dotados con 5000 euros cada un, a entrega de premios será o vindeiro mércores día 5 no Pazo de San Roque en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.

Un novo material moi prometedor para producir biocombustibles

O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustibles como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo.

Tal como indica o investigador, “o metanol emprégase como fonte para a fabricación de produtos químicos, de xeito que podería desempeñar un papel importante como vector enerxético no futuro”. Na actualidade a produción de metanol depende de combustibles fósiles, polo que o equipo avanzou nun enfoque novidoso para a súa obtención sustentable. Desenvolveron un novo material capaz de converter de maneira eficiente o CO2 en metanol utilizando luz solar, imitando o proceso natural da fotosíntese.

Correa explica que “a estratexia de fabricación baséase no uso de estruturas porosas organometálicas como plataforma para integrar nanopartículas de ouro, con propiedades ópticas especiais, e ións metálicos de cobre. Esta combinación simplifica a produción de metanol mediante o uso exclusivo de auga, dióxido de carbono e luz solar. A alta selectividade e estabilidade do material convérteno nunha alternativa viable para a produción sustentable de metanol, abrindo novas posibilidades de investigación na xeración de combustibles e produtos químicos a partir dun residuo industrial como o CO₂”.

Tecnoloxía galega segura para as futuras comunicacións por satélite

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Center e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanttic. O investigador indica que gobernos e institucións de todo o mundo están a substituír os seus cifrados convencionais por cifrados máis robustos debido á ameaza dos computadores cuánticos. Nesta transición, unha técnica coñecida como "distribución cuántica de claves" preséntase como a única solución que permite alcanzar unha seguridade incondicional, pero é a máis custosa de implementar e, ademais, se non se implementa correctamente, as súas garantías de seguridade desaparecen. Esta "fraxilidade práctica", unida ao seu elevado custo, está a frear a adopción xeneralizada da distribución cuántica de claves. Neste contexto, o traballo premiado propón unha nova variante máis sinxela, máis barata e máis práctica. Esta variante xa se probou en experimentos reais e crese que podería ter un rol protagonista nas futuras comunicacións cuánticas por satélite.

Un proceso innovador e sustentable para eliminar a presenza de fármacos na auga

Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse tamén un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, liderado por Antía Fernández. Neste caso a investigadora explica que a presenza de contaminantes farmacéuticos persistentes na auga, mesmo en concentracións moi baixas, ten un impacto significativo na saúde humana e no ambiente. 

Debido á súa resistencia e baixa concentración, estes contaminantes non se eliminan completamente coas técnicas convencionais de tratamento de auga, o que xera a necesidade de desenvolver novos procesos. Así, este traballo aborda a implementación de procesos de oxidación avanzada, facilitando a transformación dos contaminantes en substancias minerais. “Este enfoque innovador permite alcanzar boas taxas de degradación cun consumo enerxético reducido e unha notable minimización da xeración de residuos metálicos, garantindo unha maior sustentabilidade e adaptabilidade para a súa implementación a grande escala” -aseguran-.

En Ciencias Sociais o premio foi para un traballo da USC desenvolto en colaboración con Ecobas

O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS. A súa coordinadora, Milagros Vivel, sinala que estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis.