DUVI

Diario da Universidade de Vigo

RAGC e GAIN entregaron este mércores os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 

A Real Academia Galega de Ciencias premia a actividade de transferencia do grupo EQ10 e da spin-off Alén Space 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 12/12/2019

Nunha reivindicación da figura dos grandes precursores da transferencia de tecnoloxía en Galicia como referentes necesarios para as e os investigadores e as e os emprendedores, centrou o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) o seu discurso co gallo da entrega do Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019. Juan Lema e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, presidiron a entrega dos galardóns que nas categorías Fernando Calvet Prats e Ricardo Bescansa Martínez que recaeron este ano no grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo e na spin-off Alén Space, respectivamente. Pola súa banda, o grupo Photonics4life da USC recibiu o premio Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, mentres que a xornalista de El País Silvia Rodríguez Pontevedra, foi galardoada co Premio Galicia de Xornalismo Científico pola reportaxe Las congeladoras toman el timón en la carrera científica por la cría del pulpo.

Na quinta edición do premios á que asistiron en representación das universidades galegas, a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez; o reitor da USC, Antonio López e o reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da GAIN subliñou que a transferencia de coñecemento e a comunicación da ciencia son dúas pezas clave no impacto social da ciencia e da tecnoloxía, na medida en que contribúen a que as actividades de I+D+i non se limiten á obtención de beneficios económicos e de excelencia científico-tecnolóxica, senón que avancen no benestar social e na sustentabilidade do planeta, en liña cun concepto que rexe actualmente as políticas de innovación a nivel europeo, a investigación e a innovación responsable.

O mercado en expansión dos biosurfactantes e os nanosatélites que cambian as regras do xogo

A investigadora de EQ10 Ana Belén Moldes foi a encargada de recoller o premio Fernando Calvet, dotado con 6000 euros, que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía a transferida con éxito ao sector empresarial, polo descubrimento da presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo. A investigadora destacou que os biosurfactantes son un mercado en expansión, coa expectativa de acadar un valor de 5500 millóns de dólares durante os próximos dous anos, ao tempo subliñou que os obtidos no marco do seu traballo xa demostraron as súas propiedades como dispersantes, emulsionantes, protectores solares, antimicrobianos e antioxidantes, o que xerou grande interese en distintos sectores industriais e deu lugar xa a tres patentes, máis outras dúas en trámite.

Pola súa banda, Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space, sinalou ao recoller o premio Ricardo Bescansa, que os nanosatélites cambian as regras do xogo, permitindo que as empresas poidan contar cos seus propios satélites grazas a un custo ata cen veces menor que os dos convencionais. Neste sentido, destacou que os fabricados e lanzados por Alén Space teñen un nivel de éxito nas súas misións do 100%.